Xingshi yinyuan zhuan (en chinés tradicional: 醒世姻緣傳; en pinyin: Xǐngshì yīnyuán zhuàn; lit. "A historia dun destino marital para espertar ao mundo") é unha novela clásica chinesa de finais da dinastía Ming ou comezos da Qing. Consta de cen capítulos e máis dun millón de palabras, polo que se trata dunha das obras máis longas do período. Segundo Daria Berg, é "unha das novelas tradicionais en vernáculo máis infravaloradas da China" e "unha das exploracións do mundo da ficción de maior escala". Esta saga segue a historia de dúas familias, unha delas a reencarnación da outra, retratando os vicios e a decadencia moral dunha nación en declive.

Orixinalmente titulado E yinyuan (en chinés tradicional: 惡姻緣; lit. "Un destino matrimonial maldito"), o libro utiliza a doutrina budista do karma e o vipāka como o seu motivo principal.

Autoría e datación A novela publicouse baixo o pseudónimo de Xizhou Sheng (en chinés tradicional e simplificado: 西周生; en pinyin: Xīzhōu Shēng) ou "Erudito dos Zhou do Oeste" (considerada a idade dourada da dinastía Zhou). Segundo o descubridor do manuscrito, Hu Shih, foi escrita polo célebre Pu Songling, mais esta teoría foi desacreditada posteriormente. Descoñécese o auténtico autor mais este, coma Pu Songling, empregou moitas expresións do dialecto de Shandong, do mesmo xeito ca o Jin ping mei (obra que é citada na novela).

A data de composición estableceuse entre 1628 e 1681; é dicir, entre finais da dinastía Ming e comezos da Qing. Comparte elementos estruturais e técnicas literarias coas Catro grandes novelas clásicas da China, como a lonxitude de cen capítulos, divididos en unidades de dez, cada unha delas acentuada por dous episodios finais climáticos ou proféticos. Tamén emprega a recorrencia, recursos propios da literatura oral e un estilo coloquial moi expresivo. Abundan as expresións sexuais e escatolóxicas directas, mais as escenas de sexo son sobrias en comparación.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Texto completo (en chinés)

Categoría:Literatura en lingua chinesa Categoría:Literatura da dinastía Ming Categoría:Literatura da dinastía Qing