Guatemala é un país da América Central, limitado ó oeste e ó norte por México, ó leste por Belize, polo Golfo de Honduras e por Honduras, e ó sur polo Salvador e polo océano Pacífico. A súa capital é Cidade de Guatemala.

Historia

Época precolombiana miniatura|225px|dereita|Templo das Máscaras en Tikal.

Guatemala está situada dentro do núcleo da área xeográfica coñecida como Mesoamérica. Dentro dos seus límites territoriais existiron varias culturas, destacando a civilización maia. Guatemala é o berce desta antiga civilización, que logrou un complexo desenvolvemento social e científico, en distintos eidos, como a arquitectura, a escritura, un avanzado cálculo do tempo por medio das súas propias matemáticas e a astronomía. Destacaron tamén no campo da arte, como na pintura, na escultura e na enxeñaría monumental, chegando a construír grandes metrópoles dende o período preclásico tales como os lugares de San Bartolo, Cival, Nakbé, El Mirador, na Conca de El Mirador; Uaxactún, Tikal, Ceibal, Río Azul, Yaxhá, Dos Pilas, Cancuén, Machaquilá, Aguateca, nas terras baixas do Norte, situadas no departamento de Petén; e Kaminal Juyú, nas terras altas do altiplano central, así como Abaj Takalik no departamento de Retalhuleu, situado na zona costeira do océano Pacífico na área sur.

Á chegada dos españois en 1524, a civilización maia como tal xa desaparecera, mais os indíxenas (provenientes de Tula) encontrábanse divididos en señoríos e cidades-estado como Utatlán ou Gu'marcaj, capital dos ki'che'; Iximché, capital dos kakchikel; Zaculeu, capital dos mames; Mixco Viejo, capital dos pokomames; Chuitinamit, capital dos tzu'tuhiles. Todas estas tribos loitaban entre elas, polo que a conquista foi relativamente sinxela, aínda que Tayasal, capital dos maia itzá, e Zacpetén, capital dos ko'woj, ambas en Petén non foron conquistadas até 1697, debido a que se atopaban moi ben defendidas e Hernán Cortés desistiu en atacalas no seu camiño cara Honduras, sendo as últimas culturas de América en ser conquistadas.

Colonización En 1523 os conquistadores españois entraron polo oeste, provenientes de México, baixo o mando do capitán Pedro de Alvarado. Os españois enfrontáronse primeiro cos k'iches e logo aliáronse brevemente cos kaqchikeles. A primeira vila fundada por estes foi o 25 de xullo de 1524 nas proximidades de Iximché, capital dos kaqchikeles, recibindo o nome Santiago de Guatemala na honra do apóstolo maior.

O 22 de novembro de 1527 foi trasladada a cidade ao Val de Almolonga (hoxe San Miguel Escobar, Sacatepéquez), debido ao constante asedio que sufría por parte dos nativos. Esta foi destruída na madrugada do 11 de setembro de 1541 por un alude de lodo e pedras que proviña do Volcán de Agua (Volcán Hunahpú lle chamaban os indíxenas), sepultando a entón capital da rexión; enterrando a cidade coa maioría dos seus habitantes. Entre eles estaba a gobernadora Beatriz de la Cueva, viúva de Pedro de Alvarado. Isto obrigou a que de novo fose trasladada para o Val de Panchoy, uns 6 km ao sur, no que actualmente é hoxe en día a cidade de Antigua Guatemala. Neste sitio estivo asentado Santiago de Guatemala, capital do «Reyno de Guatemala», até 1775, cando se move a cidade para o Val de la Ermita, actual localización da capital. O rei Filipe II de España e Portugal e Indias outorgoulle o nome de «Muy noble y muy leal Ciudad de Santiago de los Caballeros de Goathemala».

Durante a dominación española, que durou case 300 anos, Guatemala foi un reino de carácter estratéxico (Capitanía xeneral do Reino de Guatemala) que á súa vez dependía do Vicerreinado da Nova España (México). Guatemala estendíase dende a rexión de Chiapas (agora estado mexicano) até Costa Rica. A súa división política variou con frecuencia, tal como as fronteiras entre as diversas provincias. A mediados do século XVII, o reino no seu conxunto tiña 32 provincias, das cales 12 atopábanse no territorio que actualmente constitúe a República de Guatemala: o val de Guatemala, onde se encontraba a cidade de Santiago, sede da Real Audiencia; as Alcaldías Maiores de Amatique, Suchitepéquez e Verapaz, os rexementos de Acasaguastlán, Atitlán, Chiquimula, Escuintla, Guazacapán, Quetzaltenango, Sololá (Tecpanatitlán) e Totonicapán.

Esta rexión era tan rica en minerais e metais como México, Bolivia e o Perú. Mais destacouse principalmente pola súa produción agrícola. Os seus principais recursos foron a cana de azucre, o cacao, as madeiras preciosas e tinta de anil para tinxir téxtiles. A cidade de Santiago de Guatemala chegou a desenvolver un nivel notable na arquitectura, caracterizada como «barroco sísmico», na imaxinaría relixiosa, a pintura e a música. As festividades do ano litúrxico e do santoral definían a vida dos seus habitantes, a cal xiraba esencialmente arredor da relixión. A Catedral era o centro de toda a actividade relixiosa, e polo seu rango catedralicio posuía unha vida musical intensa.

O 21 de xullo de 1775 foi necesario o traslado de Antigua Guatemala, sempre vulnerábel a erupcións volcánicas, inundacións e terremotos; tras ser destruída por dous terremotos, cuxos remanentes consérvanse como un monumento nacional. A Cidade de Guatemala foi fundada oficialmente o 2 de xaneiro de 1776, converténdose cos anos na cidade máis grande e populosa de todo o istmo.

No final do século XVIII, cando se implantou o réxime da Intendencia nalgunhas rexións do reino, o número de provincias reduciuse a 15, das cales 9 estaban no actual territorio de Guatemala: as Alcaldías Maiores de Chimaltenango, Escuintla, Sacatepéquez, Sololá, Suchitepéquez, Totonicapán e Verapaz, e os rexementos de Chiquimula e Quetzaltenango.

Ao emitirse en 1812 a Constitución de Cádiz, o reino de Guatemala desapareceu como unidade, e foi substituído por dúas provincias, sen subordinación entre si: a Provincia de Guatemala, que comprendía o territorio de Chiapas, O Salvador, Guatemala e Honduras, e a Provincia de Nicaragua e Costa Rica. En 1821, durante a segunda etapa de vixencia desa Constitución, segregáronse da Provincia de Guatemala as Provincias de Comayagua (Honduras), Chiapas e O Salvador.

Independencia Na rexión seguiron medrando industrias como as do índigo, o cacao e a cana de azucre, creando grandes riquezas e permitindo a creación doutras industrias como a dos tecidos, cuxo auxe durou até o final do século XVIII. Desexando crear relacións comerciais con outras nacións, ademais de España, a elite gobernante daquela época decidiu declarar a súa independencia, tanto política como económica da coroa, o 15 de setembro de 1821.

Anexión ao Imperio Mexicano Tras un breve período de incerteza política, o 5 de xaneiro de 1822, as provincias centroamericanas anexionáronse a México co fin de unirse politicamente, como unha estratexia para contrarrestar á coroa española. Un ano máis tarde Guatemala e as súas provincias (Provincias Unidas do Centro de América), separáronse. As rexións de Guatemala, O Salvador, Honduras, Nicaragua, República de los Altos e Costa Rica, formaron unha república de corte federal, con sede en Guatemala.

As República Centroamericana (1823-1839) tivo unha Constitución que avogaba por unha forma de goberno liberal, pluralista e republicana; mais vellas estruturas socioeconómicas conservadoras da época opuxéronse aos ditos cambios, pois eran lesivos para os seus intereses particulares, polo que xestaron revoltas internas en cada provincia, o que desembocou na súa posterior desintegración e nunha guerra civil na zona (1838-1840) que acabaría coa confederación de Guatemala como un estado independente, así como os estados centroamericanos que actualmente se coñecen. Dentro da separación que se tivo das Provincias Unidas de Centroamérica, Guatemala cedeu o territorio de Santa Ana ao Salvador.

Finais do século XIX e comezos do XX Após a desintegración centroamericana, Rafael Carrera y Turcios gobernaría como presidente de Guatemala (desde 1851 ata 1865), apoiado por conservadores. Entre os seus logros como presidente cabe salientar o feito de defender o país de diversas invasións estranxeiras. Entre as cales se atopa a coalición invasora do Salvador e Honduras, a cal foi derrotada na Batalla de la Arada. Tamén no goberno de Carrera tivo lugar a expedición de conquista estadounidense por parte de William Walker ao territorio centroamericano, a cal orixinou a Guerra Nacional contra los Filibusteros. Co mandato de Carrera comezaría unha longa lista de Presidentes de Guatemala con ditaduras. Un relativamente importante nesta lista foi o Xeneral Justo Rufino Barrios que impulsou a chamada Reforma Liberal de 1871 a fin de cambiar o país, mellorar o seu comercio, e introducir novos cultivos e manufacturas, tamén introduciu o ferrocarril e por todo isto é lembrado como o reformador. Durante esta era o café fíxose un cultivo importante para Guatemala. Pero ao final de contas era un ditador, creou o traballo forzoso para os indíxenas e autoproclamouse dirixente das forzas armadas de Centroamérica. Barrios tiña ambicións de reunificar América Central e levou o país á guerra nun intento infrutuoso de alcanzar este fin; morreu na Batalla de Chalchuapa en 1885.

Para 1901 a United Fruit Company comezou a volverse a forza principal en Guatemala (tanto política, como económica), durante a longa presidencia ditatorial de Manuel Estrada Cabrera. O goberno subordinábase a miúdo a intereses da Compañía (unha das principais de Centroamérica e que con axuda dos Estados Unidos tiña poder para cambiar gobernos democráticos por monicreques ao seu servizo). Mentres que a compañía axudaba coa construción dalgunhas escolas, tamén obstaculizaba o comercio local; así, opúxose á construción de estradas porque isto competiría co seu monopolio do ferrocarril. A UFC controlou máis do 40% da terra do país e as instalacións dos portos. O período de ditadura liberal acabaría en 1944.

A revolución de 1944 En 1944, un grupo de xente, tales como oficiais militares disidentes, estudantes, profesionais liberais; chamados os "Revolucionarios de Outubro", derrocaron o goberno de Federico Ponce Vaides, substituíndoo por unha xunta composta por o Maior Francisco Javier Arana, o Capitán Jacobo Arbenz e Jorge Torriello, que pouco despois convocou eleccións libres e democráticas que foron gañadas polo profesor e escritor Juan José Arévalo Bermejo, que acababa de regresar da Arxentina onde se encontraba exiliado. Foi o primeiro presidente elixido democraticamente en Guatemala que completou o seu mandato. O seu "socialismo cristián" inspirado no New Deal americano, foi moi criticado pola clase alta e os terratenentes.

Arévalo impulsou moitas reformas e a creación de numerosas institucións co fin de mellorar o estado guatemalteco, como por exemplo o Banco de Guatemala, a Superintendencia de Bancos, o Instituto Guatemalteco de Seguridade Social (IGSS), deseñou e implementou entre outras as escolas tipo federación.

As reformas iniciadas por Arévalo foron continuadas polo seu sucesor, Jacobo Arbenz Guzmán, gañador das eleccións seguintes. Ao chegar ao poder, Arbenz declarou así as súas intencións:

Proxectaba unha reforma agraria para aumentar a produtividade das terras e o nivel de vida dos campesiños, propoñía a expropiación das terras improdutivas e a súa cesión en usufruto a labregos necesitados. O plan chocou cos terratenentes, entre os que destacaba a United Fruit Company, dando lugar a un ambiente de república bananeira. O presidente propuxo expropiar as terras da United Fruit Company ao prezo de valoración que a compañía usaba para liquidar os seus impostos.