1809 (MDCCCIX) foi un ano común comezado en domingo segundo o calendario gregoriano.

Acontecementos Alemaña A finais de ano o filósofo alemán Friedrich Wilhelm von Schelling (Leonberg, 1775 - Bad Ragaz, 1854) publica Philosophische Untersuchungen über das Wesen der menschlichen Freiheit (Investigacións sobre a esencia da liberdade humana". O científico alemán Carl Friedrich Gauss publica Theoria motus corporum eoelestium in sectionibus conicis solem ambientium ("Teoría dos corpos celestes"), onde expón as súas observacións astronómicas realizadas desde o observatorio de Göttingen, do que é director dende 1807.

América No sur, en Buenos Aires, o desenvolvemento da guerra da Independencia en España favorece o espertar da conciencia nacional na América española e a procura de órganos de goberno autónomos. No Río da Prata, Bos Aires rebelase contra o vicerrei Santiago Liniers, que substituíu a Sobremonte. Liniers logra vence-la sublevación, promovida por un sector do cabido, grazas ao apoio dos xefes das milicias crioias, pero non pode evitar que se produzan novas sublevacións noutras partes do territorio. O 4 de marzo, James Madison faise cargo da cuarta presidencia dos Estados Unidos, sucedendo a Thomas Jefferson. Madison xa ocupaba o secretariado do estado con 57 anos. Tras facer 8 anos de presidencia, nas cales logrará implanta-la conciencia dunha Constitución; que redactou o 20 de outubro de 1785 facendo un memorial de 15 puntos (pola cal será recoñecido como pai da mesma), será sucedido por James Monroe. Xa cerca de América Central, o 25 de maio, a audiencia de Charcas, con xurisdición sobre o territorio do Alto Perú (Bolivia) e sede en Chuquisaca, négase a recoñecer neste ano a autoridade da Xunta Suprema de Sevilla, erixida en representación do pobo español ante a invasión napoleónica. A negativa da audiencia conduce ao estoupido dunha sublevación o 25 de maio. O gobernador é apresado e a audiencia asume o goberno. Chuquisaca (coñecida anteriormente como A Prata), Charcas e Sucre (que nun futuro, será coñecida tamén coma Salamanca de América polo prestixio da súa universidade e a súa academia, nas que floreceu o pensamento ilustrado) convértense (sobre todo esta derradeira) nas primeiras cidades hispanoamericana en rebelarse contra a autoridade peninsular. Pronto a seguiría A Paz, onde a insurrección tomou un cariz netamente independentista, pero a dura represión do vicerrei do Perú sufocou o movemento. Entre os 86 rebeldes axustizados en xaneiro de 1810 figuraban o líder Pedro Murillo e outros 8 dirixentes revolucionarios, que serían coñecidos como os 9 protomártires da independencia. O 16 de xullo o movemento emancipador, iniciado en Chuquisaca o 25 de maio, chega á Paz, baixo a dirección de Pedro Domingo Murillo, que é elixido presidente da Xunta de dereitos do rei e do pobo. Partidario de Fernando VII, Murillo acaba sendo vencido polas autoridades coloniais, que sufocan o movemento en novembro, detéñeno e condénano á forca.

España A guerra de Independencia española é perante todo unha guerra do pobo. Ante a pasividade das autoridades, é o pobo o que protagoniza o 2 de maio, e ante a ineptitude do exército regular español, e sobre todo dos seus xenerais ascendidos por méritos cortesáns, é o pobo quen toma as armas para a defensa de España. O mundo enteiro asombrouse coas accións dunha poboación capaz de derrotar aos poderosos exércitos napoleónicos. Unha vez iniciada a guerra, e ante a inactividade dos oficiais, o pobo das cidades, a través das xuntas provinciais, encargouse da súa propia defensa. En Zaragoza, unha vez coñecida a noticia dos sucesos de Madrid, o pobo dirixiuse ao capitán xeneral da praza, Juan Guillelmí, na demanda de armas. Pero, ante a negativa deste, a xente amotinouse, encerrouno e procedeuse, a continuación a formar unha verdadeira xunta revolucionaria ao mando do xeneral Palafox. Cando os franceses se presentaron ante Zaragoza o 15 de xuño de 1808, o pobo logrou rexeitalos. Iniciouse entón un asedio de varios meses. Malia a superior forza dos franceses e da pobre fortificación de Zaragoza, a poboación logrou rexeita-los asaltantes da cidade en diversas ocasións, xa que na súa defensa participaban homes, mulleres e pícaros exacerbados polo patriotismo. O 14 de agosto de 1808, os franceses levantaron sitio á cidade, pero volveríanllo a poñer o 21 de decembro de 1808. Este segundo sitio, realizado con maior número de tropas, resultou máis tráxico para a poboación pola escaseza de víveres e polo constante bombardeo a que foi sometida. O 17 de xaneiro, Napoleón decide regresar a Francia, tras asegurala permanencia francesa en Madrid e conseguir coas súas tropas algúns éxitos importantes. O derradeiro (o día 16 de xaneiro|16), cando as tropas de Soult vencen ás británicas do xeneral Moore en Elviña, aínda que non pode impedir que as tropas británicas logren embarcarse de volta ao Reino Unido desde A Coruña. O 1 de febreiro 1809, os franceses lograron entrar na cidade de Zaragoza, pero a loita continuou nas rúas, entre as ruínas, ata que o 20 de febreiro, a xunta, sen a aprobación de Palafox, decidiu pedila capitulación con honores militares, ao que accederon os franceses. Consta nos documentos daquela época unha contabilización de 53 873 sitiados mortos. Tamén Xirona foi teatro de resistencia heroica dunha cidade. O primeiro sitio tivo lugar en xuño de 1808, e nel foron rexeitados 5.000 soldados franceses. O segundo sitio (que iría dende o 22 de xullo ata o 16 de agosto de 1808) foi realizado por 11 000 soldados ao mando do xeneral Duhesme, quen ante a resistencia da cidade houbo de retirarse a Barcelona. Pero, tendo que tomar Xirona para asegura-las comunicacións con Francia, o xeneral Saint-Cyr, a quen Napoleón encárgalle o redemento de Cataluña, puxo novo cerco á cidade o 2 de maio de 1809 ao mando de 20 000 homes. Os constantes asaltos dos sitiadores son rexeitados pola poboación unha e outra vez, provocan que Saint-Cyr sexa substituído por Augereau, (un dos mellores xenerais de Napoleón). Este somete á cidade a un constante bombardeo, que a converte nun conxunto de ruínas e cadáveres. Os sitiados, tras seis meses de resistencia e ante a imposibilidade de obter axuda, deciden pedila capitulación honrosa. Os datos daquela época arroxan que 9.000 xerundenses morreran durante o asedio. Esta reacción popular contra os franceses deuse tamén noutras moitas cidades españolas, unha resistencia sen concesións, que acababa coa imaxe do asedio convencional, foi un fenómeno tipicamente urbano, o pobo rural respondeu á invasión coa guerra de guerrillas. Esta forma de loita, aínda que utilizada anteriormente na historia, recibiu a seu carácter oficial durante a Guerra da Independencia española. A táctica guerrilleira consistía en atacar o inimigo por sorpresa, asestarlle un golpe contundente, e volver desaparecer. Actuaban sempre nun territorio que coñecían, e atacaban os puntos claves do inimigo, tras o cal volvían desaparecer e a mesturarse coa poboación civil. Opostas a recibir ordes dos militares, actuaban dirixidas por un caudillo ou xefe, normalmente de orixe humilde e que actuaba movido só polo patriotismo. Formaban partidas que, polo xeral, non adoitaban ser moi grandes nin tiñan organización ríxida. A súa forza estaba na mobilidade e o coñecemento do terreo, así como no apoio que recibían da poboación civil. Todo iso permitíalle enfrontarse a forzas numericamente superiores. Baturraban á retagarda inimiga, interceptaban as súas comunicacións, cortaban as súas rutas de abastecemento, e facían imposible a práctica napoleónica de vivir sobre o terreo. Calcúlase que existían aproximadamente uns 30 000 guerrilleiros en toda España, repartidos en toda clase de partidas, desde pequenas formacións de tres homes aos 8.000 guerrilleiros de Espoz y Mina en Navarra, que constituía un auténtico exército guerrilleiro, disciplinado e perfectamente preparado para operacións militares. Juan Martín Díaz, o "Empecinado", formou a súa partida guerrilleira en Castela a Nova; Porlier e Longa en Galicia etc. En calquera punto de España existía unha partida guerrilleira por pequena que fose. O denominador común a todas elas era a orixe popular dos seus xefes e compoñentes, que loitaban á vez pola independencia de España e pola transformación social. Canda os guerrilleiros mesturáronse tamén aventureiros e ladróns que pretendían tan só sacar proveito da situación, e foron os propios xefes guerrilleiros quen se encargaron de combatelos. Aínda que as guerrillas non actuaron case nunca en campañas planificadas co exército regular, as súas accións contribuíron aos éxitos deste. Se as guerrillas do norte ao mando de Porlier e Longa, non estivesen esbarallando a Caffarelli ata deixalo inmóbil sobre o terreo. Wellington, que desprezaba aos guerrilleiros, non podería vencer na Batalla de Arapiles. Se as guerrillas non obrigasen ao exército francés a gastarse en operacións marxinais de caza e captura en terreos que non coñecían, os exércitos regulares non poderían avanzar. E sen as mensaxes interceptadas ao inimigo polos guerrilleiros, Wellington non podería planificar moitas das súas operacións. Deste xeito o pobo rural substituíu o inoperante exército regular, conseguindo éxitos que asombraron a Europa, e aportando á guerra unha táctica de loita que desde entón sería amplamente utilizada. Con todo, a ética da loita guerrilleira, o caudillismo e o desprezo aos decretos e leis oficiais, permanecerían na mente de moitos españois, que se afixeron a vivir fóra da lei e a rexeita-las normas da vida social. Acabada a guerra de Independencia os mesmos xefes guerrilleiros tomaron de novo as armas para defender as súas ideas. Entre o 6 e 7 de marzo ten lugar no sur da Provincia de Ourense a Batalla do Val de Monterrei, na que unhas 20 000 tropas francesas, baixo o mando do mariscal Soult, derrotan a unha inferior forza española e portuguesa dirixida polo Marqués de La Romana, quen intentaba cortarlle o paso aos franceses antes de poder entrar en Portugal. Entre o 27 e o 28 de xullo as tropas anglo-españolas, dirixidas por Costa e Wellington, vencen en Talavera de la Reina a José I, que conta co auxilio dos xenerais Victor, Sébastiani e Jourdan. Malia a superioridade numérica (34 000 españois e 19 000 británicos fronte aos 45 000 franceses), a batalla mantense indecisa ata a tarde do 28, cando os franceses retíranse. Pese á vitoria, Wellington non se atreve a intentala toma de Madrid, máis que nada, ante o cansazo e a falta de abastecemento das súas tropas. As baixas ascenden a 6.000 británicos, 1.200 españois e 7.000 franceses. Con todo iso a guerra continuará; Sevilla caerá a mans de Soult en febreiro 1810. Perante isto e como se poñerían as cousas a Xunta Central (que convocará as Cortes Xerais) refuxiarase en Cádiz, pero será asediada polos franceses (entre os anos 1810 e 1812), onde se promulgará a Constitución liberal (o 18 de marzo de 1812). A ofensiva inglesa dirixida por Wellington a partir de Portugal desde 1810, terá vitorias ben soadas (a de Salamanca acadada o 22 de xullo de 1812). Os franceses, serán derrotados na súa totalidade en Vitoria o 21 de xuño de 1813, e os poucos que quedan teñen que atravesar de novo os Pireneos. Napoleón perdeu en España máis de 300 000 soldados.

Portugal