O Ilves foi un equipo de baloncesto da cidade de Tampere, Pirkanmaa (Finlandia). Formaba parte do club polideportivo do mesmo nome e estivo activa dende 1944 ata 1979. A sección de baloncesto do Ilves competiu unicamente en categoría feminina. Se ben o equipo representativo tivo un éxito moderado, o equipo xuvenil chegou ser subcampión finlandés en tres ocasións.

O equipo debutou na tempada 1962 na SM-sarja, a máxima categoría do baloncesto feminino finlandés, na que permaneceron 13 anos, se ben nunca conseguiron ningunha medalla.

Ao longo da súa historia, o equipo de baloncesto do Ilves tivo que enfrontar problemas coa dispoñibilidade de recintos para levar a cabo os seus adestramentos, xa que os ximnasios escolares estaban cheos de deportistas de distintas modalidades, o que fixo que as xogadoras de baloncesto tan só puideran adestrar unha ou dúas veces por semana.

Histora Fundado no outono 1944, o Ilves foi o primeiro equipo feminino de baloncesto na cidade de Tampere en asociarse á Federación Finlandesa de Baloncesto. Se ben os homes tamén practicaban a modalidade, esta formaba parte do programa como axuda para o adestramento do hóckey sobre xeo.

Inicialmente a sección tivo que enfrontarse a varias dificultades, xa que non se lles concedeu ningunha quenda oficial de adestramento ás xogadoras, o que motivou que tiveran que organizarse adestramentos de xeito ocasional. Ademais disto, o equipo tivo que facer fronte á falta de adestradores e dunha responsable do equipo feminino, a pesar de que había xogadoras suficientes. Finalmente ese mesmo outono Jukka Wuolio asumiu o cargo de adestrador, e as xogadoras tamén recibiron adestramentos de Lotfi Nasib, que se ben era xogador de hóckey sobre xeo estaba familiarizado co baloncesto. Tamén en outono o equipo conseguiu un uniforme de xogo.

O Ilves comezou a xogar unha liga de adestramento xunto con equipos da Federación Deportiva de Traballadores, coñecida polas súas siglas en finés TUL, aínda que sen éxitos salientables máis aló de conseguir experiencia de xogo que as levou a converterse en pouco tempo no mellor equipo feminino da cidade. Con todo, igual que pasou coa sección de balonmán, o equipo de baloncesto tivo altos e baixos ao longo da súa historia.

O primeiro intento de consolidación da sección só durou ata principios da década de 1950, e pouco despois, un novo intento serio produciuse a mediados da mesma década da man dun coñecido xogador de hóckey sobre xeo, Pentti Isotalo, que dirixía un grupo de baloncesto na escola de primaria de Kaleva durante o curso escolar 1956-57. As nenas que deixaban a escola de Kissanmaa querían seguir xogando ao baloncesto co mesmo grupo, polo que Isotalo negociou co Ilves para que o club acollera o equipo de rapazas, que xogaba nunha liga rexional e contaba cun número crecente número de xogadoras. En 1961 o equipo conseguiu o seu maior éxito ao disputar a final do Campionato finlandés xuvenil feminino, quedando como subcampión, posto que repetiría na tempada seguinte e en 1966.

O Ilves debutou na máxima categoría do baloncesto feminino finlandés no outono de 1962.

O maior éxito do equipo representativo chegou na tempada 1965-66, cando estivo a piques de conseguir a súa primeira medalla logo de finalizar a SM-sarja na cuarta posición cun rexistro de 7 vitorias e outras tantas derrotas.

Na tempada 1972-73 o equipo finalizou a liga na última posición logo de colleitar 13 derrotas por tan só unha vitoria. Estes malos resultados levaron ao descenso de categoría do equipo de Tampere, que tan só disputou un ano a categoría de prata ao conseguir o ascenso ao final da tempada 1973-74.

O Ilves xogou por última vez na máxima categoría na tempada 1974-75, na que finalizou na sétima posición de oito participantes logo de conseguir tan só dúas vitorias en 14 encontros. O equipo aínda xogou dúas tempadas máis na segunda categoría antes de desaparecer da oferta deportiva do Ilves en 1979.

Xogadoras destacadas Catro xogadoras do equipo chegaron a formar parte da selección finlandesa: Irmeli Ojala, Kaija Lahtinen, Tuula Laine e Brita Lindberg.

Palmarés Campionato finlandés xuvenil feminino Subcampioas (3): 1961, 1962 e 1966

Notas

Véxase tamén Bibliografía

baloncesto Categoría:Equipos de baloncesto de Finlandia