Jean-Pierre Marie Yves Callu, nado en París o 23 de outubro de 1929 e finado en Donville-les-Bains o 29 de agosto de 2014, foi un latinista, numismático e historiador francés.
Traxectoria
Primeiros anos e formación Caillu naceu en 1929, no distrito 12 de París, o maior dos cinco fillos de Suzanne Mérite e do enxeñeiro Henri Callu. O seu avó materno foi o pintor, etnógrafo e viaxeiro Edouard-Paul Mérite."Jean-Pierre Callu, décédé le 29 auût 2014". Whoiswho.fr A repentina morte da súa nai en 1939, aos seus 10 anos, acentuou o seu sentido de responsabilidade como irmán maior.Catinchi, P-J. (2014).
Xa na súa infancia deu as súas primeiras mostras da súa afección pola numismática e os obxectos antigos.Chausson, F. (12015). Páxina 11.
Nos seus primeiros anos, Callu recibiu unha educación nun ambiente católico moi ortodoxo no Colexio do Oratorio de Saint-Michel-de-Picpus, en París. Logo, en 1951, ingresou na Escola Normal Superior desa cidade, e en 1954 acadou a habilitación como profesor de linguas clásicas. En 1956 continuou a súa formación na Escola Práctica de Altos Estudos (EPHE) de París, onde se sentiu moi influído por un dos seus profesores, o numismático Jean Lafaurie. Logo dunha estadía na Escola Francesa de Roma (1957 a 1959), en 1960 diplomouse na EPHE cunha memoria titulada Genio Populi Romani (295-316).Martin, J-P. (2003).
Non foi ata 1969 cando acadou o seu doutoramento, defendendo unha tese sobre a política monetaria dos emperadores de 238 a 311, elaborada sobre a base do seu anterior traballo para a EPHE. Ambos os estudos foron publicados no mesmo ano das súas defensas públicas.
Traxectoria como erudito Concluída a súa estadía en Roma, Callu comezou un periplo como profesor de latín que exerceu nas facultades de Letras de diversas universidades francesas: a de Estrasburgo (1959), a de París (1960-1963), a da Alta Bretaña de Rennes (1963-1972), a Paris X-Nanterre (1972-1988) e, finalmente, Paris IV-Siorbonne (1988-1998).
Desde 1981, foi ademais director de estudos de Historia e Literatura do Baixo Imperio da Escola Práctica de Altos Estudos, onde impartiu clases de Historia Monetaria e Historia Cultural e dirixiu diversas coleccións editoriais.
Ao longo da súa traxectoria estivo tamén moi vendellado á Sociedade de Anticuarios de Francia, da que foi nomeado presidente en 1992. O 10 de febreiro de 1995 foi elixido membro ordinario da Académie des Inscriptions et Belles-Lettres, e en 2004 presidente desta institución."Académicien depuis 1663: Callu Jean-Pierre". Académie des inscriptions et belles-lettres (AIBL.fr).Chausson, F. (12015). Páxinas 11-12.
Entre outras sociedades eruditas e entidades académicas, Callu foi membro da Asociación Francesa de Historia Económica, da Asociación Guillaume Budé, da Sociedade de Historia Relixiosa de Francia, da Sociedade de Estudos Latinos, da Sociedade Francesa de Arqueoloxía Clásica e da Sociedade Francesa de Numismática."Callu, Jean Pierre". Comité des travaux historiques et scientifiques (CTHS.fr).
En 1997, Callu foi un dos membros, por parte de Francia, que participaron no comité de expertos para a elección dos motivos da parte común (reverso) das moedas da serie do euro. Tamén foi membro da Comisión de Medallas da Monnaie de París. En 2007 entrou a formar parte do consello científico da Escola Francesa de Roma.Chausson, F. (12015). Páxina 12.
Desde os seus inicios, Callu decantouse pola Antigüidade Tardía, nas súas investigacións e nos seus estudos, nos que mantivo un equilibrio entre os lingüístico-literarios e os numismáticos. Os seus traballos pódense agrupar en tres grandes categorías: por unha banda as abundantísimas recensións de obras publicadas por outros autores e pola outra os estudos orixinais centrados nos seus senllos asuntos de interese: a numismática e a historia política e cultural da antigüidade tardía, a partir dos textos latinos.
Desde 1959, a produción de artigos de Callu en materia de numismática e historia económica foi ininterrompida ata 2015, e dentro deste período produciu tamén unha serie de publicacións monográficas e grandes memorias, ata os inicios da década de 1990. En todos estes traballos preocupouse sempre por situar o diñeiro no contexto da sociedade na que xurdiu, establecendo unha relación entre as moedas e outros tipos de documentos.Martin, J-P. (2003).
En relación aos seus traballos sobre a historia política e cultural cabe salientar a tradución comentada da serie das cartas do papa Símaco, publicada en seis volumes na Colección das Universidades de Francia, entre os anos 1972 e 1990. Destacan tamén neste apartado as súas investigacións e traducións sobre a Histoira Augusta en 2003 e da correspondencia do papa Silvestre II en 2008.Chausson, F. (12015). Páxinas 12-13.
En recoñecemento da súa traxectoria, Jean-Pierre Callu foi recoñecido cos títulos de cabaleiro da Lexión de Honra, oficial da Orde Nacional do Mérito e comendador das Palmas Académicas.
Vida persoal Callu casou o 14 de setembro de 1960 con Florence Turiaf, unha arquiveira a quen coñecera na súa etapa na Escola Francesa de Roma e que desenvolveu a súa carreira profesional na Biblioteca Nacional de Francia. O matrimonio tivo dúas fillas, chamadas Cécile e Agnès.
Jean-Pierre Callu faleceu repentinamente en Donville-les-Bains, na rexión de Normandía, o 29 de agosto de 2014, aos 85 anos.Recht, R. (2014)."Callu, Jean-Pierre Marie Yves". Fichier des décès (deces.matchid.io).
Publicacións A bibliografía de Jean-Pierre Callu abrangue máis de 450 referencias, entre monografías, artigos, colaboracións, recensións e discursos publicados. Esta é unha escolma dos seus traballos monográficos máis representativos."Bibliographie de Jean-Pierre Caillu". En Chausson, F. (12015). Páxinas 14-29.
Numismática (1960). Genio populi romani. (295-316): contribution à une histoire numismatique de la Tétrarchie. Bibliothèque de l'École pratique des hautes études, París.Ver recensión da obra, por Pierre Bastien. En Revue numismatique, 3. 1961. Páxinas 239-241. (1969). La Politique monétaire des empereurs romains de 238 à 311. Bibliothèque des Écoles françaises d'Athènes et de Rome, París. (1978). Monnaies de fouilles du Sud-Est de la Gaule (vi e s. av. JC- vi e s. ap. JC): Glanum, Marseille, Novem Craris (con Cl. Brenot). Cahiers du Centre d’Antiquité Tardive et du Haut Moyen Âge, 3. Nanterre. (1979). Monnaies antiques (1966-1971). Fouilles d’Apamée en Syrie, VIII, 1. Bruxelas. (1981). Inventaire des trésors de bronze constantiniens (313-348). Ed. Numismatique romaine, Wetteren. (1990). L’or monnayé II. La dispersion des aurei en Gaule romaine sous l’Empire (con X. Loriot). Cahiers Ernest Babelon, 3. Juan-les-Pins. (1995). Titres et Travaux, París. (2006). Culture profane et Critique des sources de l'Antiquité tardive : trente et une études de 1974 à 2003. Collection de l'École française de Rome, Roma. (2010). La Monnaie dans l'antiquité tardive: trente-quatre études de 1972 à 2002. Edipuglia, Bari.
Historia cultural e política
(1972-2009). Symmaque, Lettres. Collection des Universités de France. País. Livres I-II (1972); Livres III-V (1982); Livres VI-VIII (1995); Livres IX-X (2002); Discours et Rapports (2009) (1992). Histoire Auguste, I, 1. Introduction générale, Vies d’Hadrien, Aelius, Antonin (con A. Gaden e O. Desbordes). Collection des Universités de France, París (1993). Culture profane et critique des sources de l’Antiquité Tardive. Collection de l'École française de Rome, Roma.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Amandry, M. (2017). "Hommages à Jean-Pierre Callu". En Revue Numismatique. 174. Páxinas 3-5. Catinchi, P-J. (2014). "Jean-Pierre Callu (1929-2014), latiniste, numismate et historien de l'Antiquité". En Le Monde. 4 de setembro. Chausson, F. (12015). "In memoriam Jean-Pierre Callu (1929-2014)". En AnTard, 23. Páxinas 11-29. Martin, J-P. (2003). "Jean-Pierre Callu et son œuvre numismatique". En Revue numismatique. 6ª serie. Tomo 159. Páxinas 11-13. Recht, R. (2014). "Le Président prononce une allocution à l’occasion du décès de M. Jean-Pierre Callu, membre de l’Académie". En Comptes rendus des séances de l'Académie des Inscriptions et Belles-Lettres. 158-3. Páxinas 1.162-1.163.
Categoría:Nados en 1929 Categoría:Finados en 2014 Categoría:Nados en París Categoría:Numismáticos de Francia Categoría:Historiadores de Francia Categoría:Tradutores do latín Categoría:Tradutores ao francés Categoría:Membros da Académie des inscriptions et belles-lettres Categoría:Membros da Sociedade de Anticuarios de Francia Categoría:Alumnos da École Normale Supérieure Categoría:Profesores da Universidade de Estrasburgo Categoría:Profesores da Universidade de París Categoría:Profesores da Universidade Rennes 2 Categoría:Profesores da Universidade París Oeste Categoría:Profesores da Universidade de París-Sorbona Categoría:Personalidades sen imaxes