Yukiko Motoya (en ), nada en Hakusan o 14 de xullo de 1979, é unha novelista, dramaturga e directora de teatro nipoa. Tamén traballou como actriz de voz. Gañou algúns dos premios literarios máis prestixiosos do seu país, como o Akutagawa, o Noma, o Mishima Yukio, o Kenzaburō Ōe, o Kishida Kunio ou o Tsuruya Nanboku. As súas obras foron adaptadas ao cinema.
Traxectoria Primeiros anos Yukiko Motoya naceu en Hakusan, na prefectura de Ishikawa. De nena gustáballe ler os contos de misterio de Agatha Christie, Arthur Conan Doyle ou Edogawa Ranpo, así como mangas de terror. Tras rematar a secundaria, trasladouse a Tokyo para estudar interpretación. Traballou como actriz de voz para a adaptación ao anime de Kare Kano, dirixida por Hideaki Anno, mais decidiu centrarse na escrita tras recibir boas críticas dun profesor por unha peza teatral curta que compuxo para a cerimonia de graduación da súa escola. Así, fundou a súa propia compañía de teatro, Gekidan Motoya Yukiko, no ano 2000, e comezou a redactar e producir as súas propias obras. Apareceu acreditada como modelo nos créditos finais do anime FLCL.
Carreira Como novelista En 2002, por invitación do editor dunha revista literaria, Motoya debutou co relato "Eriko to zettai", que se converteu no título dunha escolma de contos publicada en 2003 por Kodansha. A súa novela Funuke domo kanashimi no ai o misero, de 2005, foi adaptada ao cinema por Daihachi Yoshida dous anos despois. Protagonizada por Eriko Sato e Hiromi Nagasaku, foi proxectada no Festival de Cannes.
O seu seguinte libro, Ikiteru dake de ai, narra a relación dunha muller desempregada e con depresión co seu mozo. Publicada por Shinchosha en 2006, foi nomeada ao premio Akutagawa; en 2018 saíu o filme homónimo. En 2009 saíu do prelo Ano ko no kangaeru koto wa hen, tamén nomeada ao Akutagawa. Tamén foi finalista deste premio a novela Nurui doku (2011), que conta a historia dunha rapaza e o seu mozo, un mentireiro patolóxico que afirma ser un antigo compañeiro do instituto; esta obra gañou o 33.º premio Noma. Posteriormente, Motoya recibiu o 7.º premio Kenzaburō Ōe pola súa compilación Arashi no pikunikku (2012), así como o 27.º premio Mishima Yukio por Jibun wo suki ni naru houhou (2013).
En 2016 gañou finalmente o premio Akutagawa polo seu relato Irui konin tan, no que unha muller descobre que o seu marido e mais ela parécense cada vez máis segundo envellecen xuntos. Publicouse ao ano seguinte, xunto con outros contos, na editorial Kodansha.
Como dramaturga Motoya dirixiu e produciu numerosas pezas teatrais namentres escribía as súas novelas e contos. En 2006 chegou a ser a persoa máis nova en recibir o premio Tsuruya Nanboku, grazas á súa obra Sōnan. Ese mesmo ano visitou os Estados Unidos como parte dun programa de intercambio da Japan Foundation. A tradución inglesa dunha das súas obras, Ranbō to taiki, foi representada en 2008 no festival Best of Boroughs de Nova York. En 2009 gañou o premio Kishida Kunio por Shiawase saiko arigatō maji de, sobre unha parella que recibe a visita dunha muller que afirma ser a amante do home.
Ranbō to taiki adaptouse á gran pantalla da man de Masanori Tominaga, coa participación de Tadanobu Asano, Minami Hinase e Eiko Koike.
Aparicións nos medios Nobuko Tanaka, do xornal The Japan Times, dixo que Motoya era "a favorita dos medios de comunicación xaponeses" polas súas frecuentes aparicións en revistas, televisión e radio. Entre 2005 e 2006, Motoya presentou o programa de radio All Night Nippon, emitido os venres á noite pola Nippon Broadcasting System. Dende 2014 presentou con regularidade a cuarta tempada do programa The Top 5 da TBS Radio. Dende 2017 copresenta a serie de documentais 7 Rules da Fuji TV.
Vida persoal En 2013 casou co poeta e director de cine Kite Okachimachi. Tiveron unha filla en outubro de 2015.
Premios 2006: 10.º premio Tsuruya Nanboku 2009: 53.º premio Kishida Kunio 2011: 33.º premio Noma 2013: 7.º premio Kenzaburō Ōe 2014: 27.º premio Mishima Yukio 2016: 154.º premio Akutagawa
Publicacións Narrativa Eriko to zettai: Motoya Yukiko bungaku daizenshū (2003). Kodansha. Funuke domo kanashimi no ai o misero (2005). Kodansha. Zetsubo (2006). Kodansha. Ikiteru dake de, ai (2006). Shinchosha. Imaman Motoya Yukiko manga-ka intabyū & taidanshū (2007). Komakusa Shuppan. Hontanichan (2008). Ōta Shuppan. Ano ko no kangaeru koto wa hen (2009). Kodansha. Nurui doku (2011). Shinchosha. Guamu (2011). Shinchosha. Arashi no pikunikku (2012). Kodansha. Jibun wo suki ni naru houhou (2013). Kodansha. Irui konin tan (2016). Kodansha.
Teatro Sōnan (2007). Kodansha. Henro (2008). Shinchosha. Shiawase saiko arigatō maji de! (2009). Rai rai rai rai rai (2010). Hakusuisha.
Traducións En castelán Mi marido es de otra especie (2019). Tradución de Keiko Takahashi e Jordi Fibla. Alianza Editorial. Selección automática (2023). Tradución de Emilio Masiá. Alianza Editorial.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en 1979 Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Escritores do Xapón