A freira antillana (Pterodroma hasitata) é unha pequena ave mariña nativa das Antillas da familia dos proceláridos. É unha freira de ás longas con dorso e ás maróns agrisados, con caluga e sobrecú brancos. As partes ventrais son principalmente brancas agás o píleo negro (que nalgúns individuos se estende ata cubrir o ollo) e algunhas marcas escuras na parte inferior das ás. Captura como alimento luras na superficie do océano.
Descrición A freira antillana é grande comparada con outras freiras, cunha lonxitude duns 40,5 cm e unha envergadura de 94 cm.Sibley, David Allen (2000). The Sibley Guide to Birds. Unha especie similar dentro do seu territorio é Pterodroma cahow, que é máis pequeno e ten unha mancha branca no sobrecú máis estreita e unha ampla capucha gris. A pardela encapuchada é tamén superficialmente similar. A especie en perigo crítico ou posiblemente extinta Pterodroma caribbaea era unha forma escura relacionada. O seu nome local na República Dominicana diablotín (pequeno demo) pode deberse aos seus hábitos nocturnos e chamadas de apareamento de estraño son, que lembraban a presenza de espíritos malignos na escuridade. Ás veces fai outros sons grallando mentres busca alimento no mar.
É unha ave nocturna na súa área de reprodución, posiblemente para evitar a predación por gaivotas, falcóns ou corvos. Igual que moitos proceláridos, a súa capacidade de camiñar está limitada a dar curtos pasos arrastrando os pés ata o buraco onde ten o niño.
Taxonomía Existen dúas variantes da freira antillana; unha forma escura ou de cara negra, e outra clara ou de cara branca. As probas xenéticas de diverxencia suxiren que estes dous morfos de cor representan distintas poboacións reprodutoras.Manly, Brian; Arbogast, Brian S.; Lee, Davis S.; Van Tuinen, Marcel (2013). "Mitochondrial DNA Analysis Reveals Substantial Population Structure within the Endangered Black-capped Petrel (Pterodroma hasitata)". Waterbirds 36 (2): 228–233. doi:10.1675/063.036.0213 Con todo, non está claro se estas poboacións representan especies separadas ou subespecies. Sábese que existen aves intermedias que mostran características de ambas as poboacións.
Distribución e hábitat
Distribución Aínda que esta ave mariña antes reproducíase nas ladeiras esgrevias das montañas das Antillas Maiores, só quedan alí tres áreas de reprodución confirmadas situadas nas montañas altas da illa A Española (en Serra de Bahoruco e no Parque Nacional Valle Nuevo na República Dominicana, e nos macizos de la Selle e la Hotte en Haití). En 2015, tamén se confirmou a súa nidificación nunha segunda illa, Dominica, onde xa se sospeitaba que tiña unha historia de nidificación. Un pico montañoso onde antes se reproducía en Haití e outro en Dominica aínda se chaman "Mont Diablotin" en referencia ao alcume de "pequeno demo".
As augas cálidas da corrente do Golfo son a área de busca de alimentos principal desta especie. A maioría dos exemplares durante a estación non reprodutora están concentrados nas costas dos Estados Unidos entre a Florida e Carolina do Norte, aínda que se sabe que vaga moito máis ao norte e leste, chegando a Europa. A especie pode atoparse durante todo o ano na zona da corrente do Golfo. Os exemplares que visitan estas augas durante a estación reprodutora representan non-reprodutores ou están facendo longas viaxes buscando alimento lonxe do seu niño. É unha ave case estritamente peláxica lonxe dos seus territorios de reprodución e sábese que se reúne en bandadas con outras aves mariñas como pardelas e carráns.
Nidificación Nidifica en buracos en áreas remotas das terras altas das illas. Estes buracos están localizados normalmente en cantís con árbores, e son moi difíciles de localizar. Visitan os seus buracos de noite para así evitaren a detección polos predadores. Poñen os ovos en xaneiro, que despois fan eclosión en marzo. Os individuos novos que emplumaron abandonan o niño en xuño ou xullo.Simons, T.R., Lee, D.S. & Haney, J.C. 2013. Diablotin Pterodroma hasitata: a biography of the endangered Black-capped Petrel. Marine Ornithology 41(Special Issue): S21.
Conservación
A especie, que antes fora abondosa no Caribe, diminuíu signiicativamente e é agora unha das aves mariñas máis en perigo no Atlántico norte xunto co Pterodroma cahow. A inicios do século XX, especulouse sobre se a feira antillana se extinguira ou estaba próxima á extinción, pero estimacións máis actuais da súa poboación indican que está entre 2.000 e 4.000 individuos.Simons, T.R., Lee, D.S. & Haney, J.C. 2013. Diablotin Pterodroma hasitata: a biography of the endangered Black-capped Petrel. Marine Ornithology 41(Special Issue): S23. En 1963, unha expedición liderada por David Wingate descubriu 11 colonias reprodutoras en Haití. A maioría das ameazas ás que se ten que enfrontar a freira antillana prodúcense nos seus sitios de reprodución, onde as causas da súa diminución son a perda de hábitat, introdución de predadores e a captura directa polos humanos. A predación humana parece que é máis limitada que en tempos históricos, debido en parte á actual escaseza da especie. A deforestación por incendios e o uso humano directo do bosque probablemente fixo diminuír a cantidade de sitios axeitados como hábitat reprodutor para a especie. Isto é especialmente certo en Haití, que experimentou unha grave perda da cuberta forestal en anos recentes.
Os plans actuais de conservación desta especie consisten principalmente na preservación da cuberta forestal arredor de áreas de nidificación coñecidas, así como na monitorización e busca de buracos de nidificación. Tamén hai preocupación de que a prospección de hidrocarburos nas costas do sur dos Estados Unidos poida afectar negativamente a supervivencia continuada da especie. En 2018, o Servizo de Vida Salvaxe e Pesca dos Estados Unidos propuxo poñer a freira antillana na lista de especies ameazadas. O 1 de maio de 2023, abriuse un novo período para opinar de 30 días debido á preocupación de que as ameazas sobre esta especie son maiores do que previamente se estimara.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Dod, Annabelle Stockton (1978). Aves de la República Dominicana. Museo Nacional de Historia Natural, Santo Domingo, Dominican Republic. Dod, A. S. (1992). Endangered and Endemic Birds of the Dominican Republic. Cypress House Latta, Steven; et al. (2006). Aves de la República Dominicana y Haití. Princeton University Press. Howell, Steve N. G. (2012). Petrels, Albatrosses & Storm-Petrels of North America. Princeton University Press. p. 168-171. .
Ligazóns externas
BTO BirdFacts – black-capped petrel Folla de datos da especie en BirdLife Rare Caribbean bird rediscovered in Dominica
Categoría:Proceláridos Categoría:Aves de América Categoría:Animais descritos en 1820