Charlotte Perriand, nada o 24 de outubro de 1903 e finada o 27 de outubro de 1999, foi unha arquitecta e deseñadora francesa. Desenvolveu o deseño de mobles modernos para o fogar, que deixan de entenderse como obxectos autónomos e artísticos para converterse en artefactos funcionais vinculados á estrutura doméstica, e foi unha das impulsoras do deseño de interiores moderno. Traballou no estudo de Le Corbusier como xefa de moblaxe e interiores.

Traxectoria Nada en París, filla dun xastre e dunha modista de alta costura, en 1920 matriculouse na École Centrale des Arts Décoratifs, onde estudou deseño de mobles durante cinco anos. Frustrada polo enfoque artesanal da escola e o estilo Beaux-Arts, Perriand buscou inspiración na estética mecánica dos automóbiles e bicicletas que vía polas rúas de París.

Deuse a coñecer aos 24 anos co seu Bar under the tile de aceiro cromado e aluminio anodizado, que se presentou no Salón de Outono de 1927 con aclamación da crítica. Pouco despois, comezou unha colaboración de máis de dez anos con Pierre Jeanneret e Le Corbusier, encargándose do "equipamento da habitación" (entendido este último termo como sinónimo de estancia). Xuntos presentaron en 1929 no Salón de Outono o equipamento da habitación: estantes, cadeiras e mesas. En 1928, deseñou tres butacas para o estudio de Le Corbusier. Cada butaca tiña unha base de aceiro tubular cromado: unha butaca de conversa: a B301, unha butaca de relaxación LC2 Gran Confort e unha terceira butaca para deitarse, a Chaise Longue B306.

En 1929, xunto con René Herbst e Pierre Chareau, converteuse nun dos membros fundadores da UAM (Union des Artistes Modernes), presidida por Robert Mallet-Stevens. Tamén mantivo estreitos vínculos co estudio de Jean Prouvé en Nancy, co arquitecto Paul Nelson e co estudio Lagneau-Weill-Dimitrijevic (LWD). A partir da década de 1940, o seu estilo viuse fortemente influenciado pola estética oriental tras unha estadía no Xapón entre 1940 e 1942, onde entrou en contacto co movemento Mingei.

Galería

Notas

Categoría:Arquitectos de Francia Categoría:Nados en 1903 Categoría:Finados en 1999 Categoría:Deseñadores de Francia Categoría:Deseñadores de mobiliario