William Robert McCracken, nado en Belfast o 29 de xaneiro de 1883 e finado en Kingston upon Hull o 20 de xaneiro de 1979, foi un futbolista irlandés que xogaba de defensa. Pasou á posteridade como o inventor da trampa do fóra de xogo, o que levou a unha modificación nas regras do fútbol.

Traxectoria

Como futbolista Durante a súa carreira como futbolista, McCracken foi capitán tanto do Newcastle United inglés como da selección nacional de Irlanda. Militou no Newcastle durante dúas décadas, entre 1904 a 1924, contabilizando 432 partidos, e conquistou tres ligas inglesas e unha FA Cup. Foi 16 veces internacional coa selección irlandesa, coa que marcou un gol.

McCracken é un dos poucos xogadores cuxas accións provocaron cambios nas regras do fútbol. Xogando como lateral dereito no Newcastle, ideou a técnica de adiantarse para deixar os atacantes contrarios en fóra de xogo, regra que por aquel entón establecía que debía haber tres defensores entre o dianteiro máis avanzado e a liña de gol. A estrataxema defensiva de McCracken tivo tanto éxito que a lei do fóra de xogo foi modificada a dous defensores entre o atacante máis adiantado e a liña de gol. O ilustre adestrador italiano Vittorio Pozzo, que o vira xogar persoalmente, eloxiouno como o "mestre do fóra de xogo". Segundo Pozzo, McCracken incluso escribiu un folleto para explicar o seu "truco do fóra de xogo".

Como adestrador Despois de deixar o Newcastle, adestrou durante oito anos o Hull City, ao que levou ata as semifinais da FA Cup en 1930. Deixou o club un ano despois.

Máis tarde pasou polos banco dos Gateshead e do Millwall, ata que ingresou no Aldershot, ao que dirixiu entre 1937 e 1950. Posteriormente foi observador do Newcastle, función que exerceu tamén no Watford ata a década de 1970, cando contaba con preto de 90 anos.

Familia Era primo do tamén futbolista Robert McCracken.

Notas

Categoría:Nados en 1883 Categoría:Nados en Belfast Categoría:Finados en 1979 Categoría:Futbolistas de Irlanda do Norte Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Newcastle United FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Irlanda Categoría:Adestradores de fútbol de Irlanda do Norte