Alberto Oubiña Piay, nado en Pontevedra o 13 de setembro de 1990, é un político galego, membro do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e concelleiro do Concello de Pontevedra.
Desenvolveu gran parte da súa carreira política na cidade de Pontevedra, formando parte do goberno local dirixido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Anteriormente, formou parte da Dirección Nacional e a Comisión Permanente da Organización xuvenil do BNG Galiza Nova (2014-2015), sendo escollido como Responsábel de Organización.
Traxectoria Oubiña Piay graduouse en Relacións Laborais e conta cun mestrado en Profesorado de Formación Profesional.
A traxectoria de Alberto Oubiña no goberno local de Pontevedra comezou en 2015, cando formou parte da Corporación Municipal durante dous mandatos, asumindo diversas responsabilidades. No primeiro mandato, entre 2015 e 2019, foi concelleiro das áreas de Normalización Lingüística, das parroquias de Mourente e Bora, así como da área de Novas Tecnoloxías ata 2017. Logo dunha reestructuración do Goberno, Oubiña incorporou as áreas de Xuventude, Parques e Xardíns e incorporou novas parroquias (Marcón, Tomeza e Salcedo). No mandato seguinte, de 2019 a 2023, no que se incorpou o PSdeG ao goberno, as áreas mudaron. Mantivo Normalización Lingüística, Xuventude e Novas Tecnoloxías e incorporou as funcións de Coordinador das 15 parroquias do Rural de Pontevedra e Montes e Parques Forestais.
Malia non saír elixido nas eleccións de 2023, nas que ocupaba o número 11 da lista do BNG, Oubiña regresou ao goberno municipal a comezos de 2024, substituíndo a Carme da Silva (quen pasou a ser senadora do BNG). Na súa reincorporación, asumiu áreas de gran relevancia para a xestión da cidade, herdando as responsabilidades de Planificación Territorial: planificación do territorio (incluíndo Urbanismo), patrimonio histórico edificado e etnográfico, ordenación do territorio e do medio ambiente natural, mais actuacións en materia de vivenda, ARI’s e patrimonio histórico edificado e etnográfico.
No momento da súa volta, volveu converterse no concelleiro de menor idade do equipo de goberno.
Notas
Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Políticos do BNG Categoría:Concelleiros de Pontevedra