Venera 3 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 16 de novembro de 1965 mediante un foguete Molniya M desde o cosmódromo de Baikonur para a exploración de Venus.
Características Venera 3 foi a única sonda de tipo 3MV-3 lanzada pola Unión Soviética e tiña unha masa duns 960 kg. A estrutura da sonda estaba composta polo bus e un aterrizador en forma de esfera de 90 cm de diámetro e de 310 kg de masa acaroada ao bus. O aterrizador contiña paracaídas, dous transmisores de radio en lonxitude de onda de 32 cm e varias antenas e funcionaba con baterías. A bordo levaba instrumentos para medir parámetros da atmosfera de Venus como a presión, a temperatura, a densidade, a composición, a acidez e a conductividade eléctrica. O bus tiña forma aproximadamente cilíndrica cuns 1,1 m de diámetro e 2,7 m de longo (3,6 m co aterrizador acaroado), cun tronco de cono nun dos extremos. Dous paneis solares cunha superficie total de 2,6 m2 e 4,4 m de envergadura proporcionaban a alimentación eléctrica, que se almacenaba en baterías de níquel-cadmio. O motor principal da sonda era un KDU-414 con 2 kN de impulso e situado no extremo aposto ao aterrizador. As comunicacións tiñan lugar medianta unha antena parabólica de 1,7 m de diámetro e en tres posibles frecuencias: 6000, 3750 e 922,776 MHz. A sonda tiña tamén dúas antenas de baixa ganancia polas que recibía os comandos desde terra, a 768,96 MHz. Os datos podíanse gardar nunha cinta magnética a bordo. O control de actitude conseguíase mediante propulsores de gas frío e xiroscopios, usando sensores solares, terrestres e estelares para situarse no espazo. O control térmico conseguíase mediante un circuíto de refrixeración doble usando líquido e gas que usaba dúas semiesferas nos extremos dos paneis solares como radiadores. Un compartimento presurizado contiña un sistema de imaxe e un conxunto doutros instrumentos científicos.
Instrumentos Venera 2 levaba os seguintes instrumentos no bus de sobrevoo:
Espectrómetros para a liña Lyman alfa do hidróxeno e o oxíxeno atómicos. Un magnetómetro triaxial de porta de fluxo. Un detector de raios cósmicos trampas de ións fixas e moduladas. Detectores de descarga de gas e estado sólido.
O aterrizador levaba os seguintes instrumentos:
Sensores de temperatura, presión e densidade. Analizadores químicos, medidores de conductividade e acidez. Nivel de mercurio e fotómetro de resplandor atmosférico. Contador de raios gamma.
Desenvolvemento da misión A Venera 3 engalou o 16 de novembro de 1965 a bordo dun foguete Molniya xunto cunha plataforma de lanzamento orbital coa que quedou nunha órbita terrestre. A etapa propulsora acendeuse máis tarde, poñendo a Venera 3 en camiño cara Venus, cunha corrección de traxectoria o 26 de decembro de 1965. Durante a viaxe tiveron lugar 63 sesións de comunicacións. O contacto coa nave perdeuse o 16 de febreiro de 1966, posiblemente debido ao sobrequecemento da sonda. Estímase que o aterrizador separouse do bus de maneira autónoma e que impactou en Venus o 1 de marzo de 1966, aínda que non se recibiu ningunha comunicación dela.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Molniya (foguete) Programa Venera Venera 1 Venera 2 Venera 4 Venera 5 Venera 6 Venera 7 Venera 8 Venera 9 Venera 10 Venera 11 Venera 12 Venera 13 Venera 14 Venera 15 Venera 16 Venera-D KDU-414 Zond 2 Zond 3
Categoría:Programa Venera