Juan Antonio Gallastegui Roca, nado en Castro Urdiales en novembro de 1979, é un músico, compositor e director de orquestra cántabro, de ascendencia galega, fincado nos Estados Unidos.

Nado en España, reside nos Estados Unidos desde principios da década de 2010 e desde entón dirixiu diversas orquestras por todo o país americano, especialmente en Washington D. C.. Foi director da Orquestra Sinfónica de Loudoun, director titular da Orquestra Sinfónica Accord e director musical e director titular da Banda Sinfónica de Rogue Valley, entre outras. Actualmente é o director da Orquestra Barroca Tempesta di Mare de Filadelfia.

Ademais está doutorado en musicoloxía e é experto na obra de Sergiu Celibidache. Tamén imparte docencia de música e dirección de orquestra en diversas universidades estadounidenses, entre elas a Universidade do Sur de Oregón.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Naceu en Castro Urdiales (Cantabria) en 1979. É o máis novo de sete irmáns. É fillo de Maruxa Roca, de orixe galega, de Lugo, e do músico Juan Antonio Gallastegui Ruiz, de orixe vasca de Vitoria (País Vasco), quen foi membro da banda municipal de música de Castro Urdiales.

Comezou os seus estudos de música en Castro Urdiales en 1989. Foi membro da banda municipal de música de Castro Urdiales como bombardino principal entre 1990 e 2012, da que tamén formaron parte o seu pai e o seu tío. En 2003 foi cofundador da Asociación Banda de Música de Castro Urdiales.

Obtivo o título superior de tuba e o título superior de pedagoxía da tuba no Conservatorio Superior de Música de Navarra en 2010. Licenciouse en Historia e Ciencias da Música na Universidade da Rioxa en 2011. Posteriormente realizou un posgrao en estética da dirección de orquestra na Universidade Transilvania de Brașov (Romanía) en 2013.

En 2010 dirixiu a Banda Sinfónica Municipal de Huelva (Huelva) e en 2012 foi director da Camerata Antonio Soler de San Lorenzo del Escorial (Madrid) durante algúns concertos. En 2013 exerceu como director da Orquestra Filharmónica Estatal de Brașov (Romanía).

En 2014 obtivo a Bolsa de Excelencia Rafael do Pino outorgada pola Fundación Rafael do Pino para estudos de posgraduado no estranxeiro. Realizou un mestrado en dirección de orquestra no Bard College de Nova York en 2015.

Durante a súa etapa de formación no Bard College foi director asistente da orquestra Bard College Conductors Institute Summer Orchestra e da Conservatory Orchestra, tendo como mentor ao director de orquestra estadounidense Harold Farberman. En marzo de 2015 dirixiu a reestrea da ópera Medea de Harold Farberman, a primeira interpretación da obra desde a súa estrea en 1963.

Gallastegui foi alumno do mestre Enrique García Asensio, quen foi discípulo e director asistente de Sergiu Celibidache. Ademais de García Asensio, Gallastegui tamén estudou con mestres como Harold Farberman, Jorma Panula, Apo Hsu, Lawrence Golan, Mark Gibson e Leon Botstein, entre outros.

En 2017 doutorouse en musicología na Universidade da Rioxa coa tese «Fenomenología da música de Sergiu Celibidache e a súa influencia na dirección de orquestra en España», dirixida Thomas Schmitt, unha tese sobre Sergiu Celibidache, un dos directores de orquestra máis influentes na técnica de dirección usada en España.

Ademais, Gallastegui tamén cursou un posgraduado en dirección de orquestra na Escola Juilliard.

Carreira profesional En 2016 Gallastegui tocou coa New York Wind Symphony Orchestra de Nova York, como bombardino principal da orquestra, convidado polo director de orquestra neerlandés Johan de Meij. Entre 2016 e 2017 foi director da Orquestra Sinfónica de Loudoun, conxunto do condado de Loudon, en Ashburn (Virxinia, EEUU).

En setembro de 2019 Gallastegui foi director invitado para dirixir o concerto de apertura da 5.ª tempada (2019-2020) da Orquestra Sinfónica Accord (orquestra da DC Strings) de Washington D. C. (Estados Unidos). O concerto tivo un notable éxito e en outubro de 2020 foi nomeado director titular da orquestra sinfónica da capital estadounidense. Como director da Orquestra Sinfónica Accord, en 2021 dirixiu entre outros o concerto do compositor español Jorge Tabarés coa obra «Dúas danzas hispanas».

En 2022 Gallastegui foi convidado para dirixir a Banda Sinfónica de Musikene (País Vasco), da que el mesmo formou parte como músico en 2004 aos vinte e cinco anos.

En xaneiro de 2019, Gallastegui converteuse en director musical da banda Rockville Concert Band de Rockville (Maryland), tras ser elixido pola banda e tras un notable éxito dirixindo un dos seus concertos como director invitado,​ e en setembro de 2020 foi nomeado oficialmente director musical titular, converténdose no 6º director musical (titular) da banda Rockville Concert Band. Como director musical, impulsou e dirixiu distintas producións musicais, entre elas a produción musical «The Year 2020» en 2022, unha peza sobre as consecuencias da pandemia da COVID-19 e para honrar e conmemorar a todos aqueles afectados pola pandemia, unha peza composta polo compositor neerlandés Johan de Meij.​ A obra foi dirixida por Gallastegui e estreouse en marzo de 2022 no Teatro F. Scott Fitzgerald de Rockville (Maryland). O propio Gallastegui declarou que «escoitar música tamén pode ser como unha terapia. A música pode axudarnos a todos a seguir adiante. A música vén axudar ás persoas, a axudalas no proceso de sanación, no período de reflexión».

En 2023 foi elixido director musical da banda sinfónica Rogue Valley Symphonic Band (RVSB) de Ashland (Oregón). Entre 2024 e 2026 foi o director executivo da orquestra sinfónica Bremerton WestSound Symphony de Bremerton (Washington, EEUU).

En 2026 Gallastegui foi nomeado director executivo da Orquestra Barroca Tempesta di Mare de Filadelfia (Pensilvania), sucedendo a Ulrike Shapiro, que estivo a cargo da dirección executiva durante máis de vinte anos ata o seu nomeamento como directora da orquestra Concerto Köln.

Ademais da dirección de orquestra, Gallastegui tamén imparte docencia de música e dirección de orquestra na universidade. Foi profesor adxunto na Universidade do Sur de Oregón, impartindo formación avanzada de dirección de orquestra, estudo de partituras e técnica.

Gallastegui é membro da Conductors Guild, da League of American Orchestras e da American Musicological Society.

Desde 2013 está fincado en Estados Unidos, onde reside desde entón.

Vida privada Actualmente reside en Estados Unidos. Está casado coa directora de orquestra estadounidense JoAnna Cochenet. Coñecéronse mentres estudaban en Bard College e casaron en 2015. En abril de 2021 Gallastegui naturalizouse estadounidense, sendo actualmente español e estadounidense.

É curmán de Juan Mari Ulloa Gallastegui, remeiro, expresidente da Sociedade Deportiva de Remo Castro Urdiales e político.

Orquestracións

Para orquestra:

2012, "Die Lotosblume" (orquestra de cordas) e "Aus dem Schenkenbuch im Divan" (orquestra sinfónica) de Robert Schumann. 2011, "Liebst du um Schönheit" (cuarteto de cordas) e "Nicht wiedersehen!" (orquestra sinfónica) de Gustav Mahler.

Publicados pola Universidade de Navarra e interpretados pola Orquestra Sinfónica de Navarra.

Para banda:

2003, "Réquiem" de Wolfgang Amadeus Mozart.

Publicacións

2023, Maximizing Conducting Technique with Embodied Music Cognition Theory: A Comprehensive Guide. 2023, Unpacking the Link Between Embodied Music Cognition and Sergiu Celidache's Phenomenology of Music.

Recoñecementos

2014, Bolsa de Excelencia Rafael do Pino 2013-2014, Bolsa de Dirección de Orquestra do Bard College

Notas

Véxase tamén

Categoría:Nados en 1979 Categoría:Nados en Castro Urdiales Categoría:Directores de orquestra de España