miniatura|Tipos de vasos sanguíneos, incluíndo unha vénula, vea e capilares. Unha vénula é unha vea moi pequena que forma parte da microcirculación que permite que o sangue retorne desde a rede de capilares para drenar no sistema venoso por medio de veas cada vez máis grandes. As vénulas poscapilares son as veas máis pequenas, cun diámetro de entre 10 e 30 micrómetros (μm). Cando as veas poscapilares incrementan o seu diámetro ata os 50 μm poden incorporar músculo liso e denomínanse vénulas musculares. As veas conteñen aproximadamente o 70 % do volume sanguíneo total, mentres que aproximadamente o 25 % está contido nas vénulas. Moitas vénulas únense formando unha vea.

Estrutura

As vénulas poscapilares teñen unha soa capa de endotelio rodeado por unha lámina basal de fibras reticulares. O seu tamaño está entre 10 e 30 micrómetros de diámetro e son demasiado pequenas para conter músculo liso. En vez diso, están soportadas por pericitos que se enroscan arredor delas. Cando as vénulas poscapilares incrementan o seu diámetro a 50 μm poden incorporar fibras de músculo liso e coñécense como vénulas musculares. Teñen un endotelio interno composto de células endoteliais escamosas que actúan como unha membrana, unha capa media de músculo liso e tecido elástico e unha capa externa de tecido conectivo fibroso. A capa media está pouco desenvolvida de maneira que as vénulas teñen paredes máis finas que as arteriolas. As fibras musculares lisas están separadas, pero conforme a vénula aumenta de tamaño dispóñense máis apertadamente e nas veas pequenas de 200 μm xa forman unha capa case continua.D. W. Fawcett. Tratado de Histología. 11ªed. Interamericana-McGrow Hill. Madrid. 1987. Páxinas 394-395. ISBN 84-7605-361-4. As vénulas son porosas, de modo que o líquido do plasma e as células sanguíneas poden moverse facilmente desde o torrente circulatorio atravesando as súas paredes, xa que non todo o intercambio entre o sangue e os tecidos ten lugar nos capilares. Comparadas coas arteriolas, as vénulas son máis grandes pero cunha cobertura muscular moito máis débil.

As vénulas portais curtas que conectan os lobos da pituitaria posterior (neurohipófise) e a anterior (adenohipófise) proporcionan un camiño para o rápido intercambio hormonal por vía sanguínea. Entre os lobos da pituitaria hai probas anatómicas de vénulas interlobo confluentes que proporcionan sangue desde o lobo anterior ao lobo neural que facilitarían compartir de forma inmediata información entre os lobos da glándula pituitaria (hipófise).

En contraste coas vénulas regulares, as vénulas de endotelio alto son un tipo especial de vénula na que o endotelio está feito de células cuboides simples. Os linfocitos saen do torrente circulatorio e entran nos ganglios linfáticos a través destas vénulas especializadas cando se detecta unha infección. Table 14-1

Notas

Véxase tamén Outros artigos Arteriola Microcirculación

Categoría:Sistema circulatorio Categoría:Anxioloxía Categoría:Vasos sanguíneos