David Uclés, nado en Úbeda, Xaén, o 21 de xaneiro de 1990, é un escritor, músico, debuxante e tradutor español.

Traxectoria David Uclés cursou estudos lingüísticos (Tradución e Interpretación / Máster de Profesorado en Lingua Estranxeira) en Córdoba, Münster (Alemaña) e Córdoba, e traballou como profesor de español, alemán e inglés en Alemaña, Francia e Suíza. Tamén viviu en Inglaterra e pasou varios anos entre Galicia, Euskadi e Cataluña. Actualmente reside en Madrid.

As súas obras enmárcanse dentro da corrente literaria do realismo máxico, e entre as súas influencias literarias destacan Günter Grass, Gabriel García Márquez, José Saramago, Mercè Rodoreda, Miguel de Unamuno, Edgar Hilsenrath e Olga Tokarczuk.

En 2019 recibiu o Premio Complutense de Literatura na a modalidade de narrativa pola súa primeira obra, El llanto del león, novela teatral que recolle as últimas conversas entre un pai enfermo de cancro e o seu fillo de dez anos. O presidente do xurado foi Luís Mateo Díez, Premio Cervantes 2023. En 2020 publicou na editorial Dos Bigotes Emilio & Octubre, novela que narra a historia de amor de dous homes desde o nacemento dun até a morte do outro, nun futuro próximo no que os protagonistas se introducen nas pinturas tridimensionalizadas dos museos e viaxan a través da arte por toda Europa.

A súa terceira novela, La península de las casas vacías, publicada por Edicións Siruela en marzo de 2024, narra toda a guerra civil española en clave de realismo máxico. É froito de quince anos de traballo e dunha exhaustiva viaxe de documentación e memoria pola xeografía española.

Para a súa creación recibiu as bolsas Montserrat Roig e Leonardo.

Foi galardoada co Premio Cálamo Mellor Libro do Ano 2024, co Premio Andalucía da Crítica 2025, o Premio Espartaco da Semana Negra de Xixón a Mellor Novela Histórica, o Premio Kelvin 505 a Mellor Novela Fantástica, o Premio Dulce Chacón 2025, o Premio San Clemente 2025, e está na lista curta de finalistas do VI Premio Bienal de Novela Mario Vargas Llosa. Tamén foi a candidata española ao Premio de Literatura da Unión Europea 2025. Alcanzou 21 edicións en vinte meses e vendeu máis de 200.000, converténdose nun dos best sellers do ano 2024 e 2025. A novela está a ser traducida a seis idiomas: francés, portugués, italiano, danés, romanés e grego, e recibiu os eloxios de Joaquín Sabina, Iñaki Gabilondo, Ian Gibson ou Irene Vallejo. Foi elixido o segundo mellor libro do ano polo xurado da lista anual de Babelia (2024).

Ademais, David Uclés foi nomeado Fillo Predilecto de Úbeda polo Concello de Úbeda e obtivo o Premio Xaén Paraíso Interior que concede a Deputación de Xaén.

Como músico, canta e compón á arpa, ao piano, ao acordeón e á guitarra. Compuxo a música de varias obras de teatro, documentais e exposicións (Tabacalera, Universidade de París, LesGaiCineMad).

En 2026 gañou o Premio Nadal de novela por La ciudad de las luces muertas.

Obra literaria

El llanto de león (2019). Ediciones Complutense. ISBN 978-8466936767. Emilio y Octubre (2020). Editorial Dos Bigotes. ISBN 978-8412142860. La península de las casas vacías (2024). Ediciones Siruela. ISBN 978-8419942319. A península das casas baleiras (2026). Cangas: Rinoceronte Ed. Tradución de Moisés Barcia. ISBN 9791387877248. La ciudad de las luces muertas (2026). Ediciones Destino. 288 páxs. ISBN 9788423369225.

Premios

(2019). Premio Complutense de Literatura 2019 por El llanto del león. (2020). Aula Social do Hospital San Carlos. Accésit do 'X Premio de relato breve Dr. Pedro Zarco': accésit por Bicardio Reis. (2021). Asociación Hispano-Romanesa 'Salva'. Premio de Narrativa Breve Cristina Tomi: primeira mención por La filósofa en el café y el pintor en el prostíbulo. (2022). Concello de Barcelona: bolsa Montserrat Roig de creación Literaria por La filósofa en el café y el pintor en el prostíbulo.

(2022). Fundación BBVA. Bolsa Leonardo de Investigación científica e creación cultural por La filósofa en el café y el pintor en el prostíbulo. (2024). Ministerio de Cultura: subvención para a creación literaria para a obra Niños jugando en las ruinas.

(2024). Premio Cálamo: 'Libro do Ano, 2024' por La península de las casas vacías. (2025). Premio Andalucía da Crítica. (2025). Finalista e candidato español ao Premio de Literatura da Unión Europea. (2025). Premio Espartaco da Semana Negra de Xixón á Mellor Novela Histórica (2025). Premio Kelvin 505 á Mellor Novela Fantástica (2025). Premio Dulce Chacón de Narrativa Española. (2025). Finalista do VI Premio Bienal de Novela Mario Vargas Llosa. (2025). Premio San Clemente por La península de las casas vacías. Premio Jiennense do Ano (Cultura). IX Premio Corazón de Olavidia. (2026) gañou o Premio Nadal de novela por La ciudad de las luces muertas.

Notas

Categoría:Escritores de Andalucía Categoría:Nados en Úbeda Categoría:Nados en 1990 Categoría:Novelistas de España Categoría:Escritores en lingua castelá