A Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela é un centro educativo universitario da Universidade de Santiago de Compostela, con sede en Santiago de Compostela con edificios no Campus Norte e no Campus Vida.
Historia Os inicios da facultade remóntanse a 1849 coa creación da Escola Normal Superior de Mestres da Universidade de Santiago de Compostela, en base ao Real Decreto de 30 de marzo de 1849. Esta institución estaba situada no antigo colexio de San Xerome. As mulleres non foron aceptadas como alumnado até o ano 1930, mais nunha entidade independente. Tras un breve sistema mixto durante a Segunda República, o goberno franquista estableceu de novo a división por xénero coa creación das Escolas de Maxisterio López Ferreiro (masculina) e Isabel a Católica (feminina).
Na década de 1970, estableceuse o ensino formal de Filosofía e Ciencias da Educación na USC, que se impartiu na nova Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, creada en 1975. Coa desagregación destas disciplinas, fundouse a actual Facultade de Ciencias da Educación en 1996.
En 2025 ofertou once titulacións oficiais: catro graos, un dobre grao, cinco mestrados e varios programas de doutoramento. O seu Programa de Doutoramento en Educación é o de maior demanda da USC e o segundo máis demandado en ciencias da educación no Estado español. A facultade está fisicamente dividida en dous edificios.
Titulacións A data de 2025, a Facultade oferta as seguintes titulacións académicas oficiais.
Graos Grao en Educación Social Grao en Mestre de Educación Infantil Grao en Mestre de Educación Primaria Grao en Pedagoxía Dobre Grao en Mestre de Educación Infantil e en Mestre de Educación Primaria
Mestrados Máster Universitario en Igualdade, Xénero e Educación Máster Universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para a Educación Infantil e Primaria Máster Universitario en Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario Máster Universitario en Procesos de Formación Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas
Estrutura administrativa e infraestruturas A nivel administrativo, a facultade está dividida en dous departamentos: o de Didácticas Aplicadas e mais o de Pedagoxía e Didáctica. Ademais, diversos departamentos doutras disciplinas imparten docencia nela, coma os de Historia da Arte e Filoloxía Galega. O Departamento de Didácticas Aplicadas inclúe sete áreas de coñecemento, entre as que se inclúen a Didáctica da Expresión Musical ou a Didáctica das Matemáticas. Pola súa banda, o Departamento de Pedagoxía e Didáctica suma tres áreas de coñecemento: Didáctica e Organización Escolar, Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación e, para rematar, Teoría e Historia da Educación.
Canto ás infraestruturas, a facultade consta de dous edificios independentes, un deles situado no Campus Norte da USC e outro no Campus Vida. O Departamento de Didácticas Aplicadas ten a súa sede no primeiro destes, e o de Pedagoxía e Didáctica, no segundo. Ambas edificacións contan con espazos para aulas e laboratorios, así como salas de usos varios.
Notas
Categoría:Facultades da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Facultades en Santiago de Compostela