Cafè Central é unha editorial catalá centrada na publicación de poesía en catalán.

Historia A Editorial Cafè Central foi fundada polo poeta e tradutor Antoni Clapés, quen contaba xa coa experiencia profesional adquirida á fronte de Edicions dels Dies; naquel modesto selo editorial, unido á libraría do mesmo nome, viran a luz textos de coñecidos nomes da literatura catalá, de estética a miúdo vangardista (Feliu Formosa, Jordi Vintró, Joaquim Sala-Sanahuja, Jordi Coca e Miquel Bauçà, entre outros).

Edicions dels Dies estivo activa desde 1980 ata 1986; tres anos despois, en 1989, Clapés fundou en Barcelona Cafè Central, concibido non unicamente como casa editora senón tamén como empresa cultural; a impresión e venda de plaquettes era inseparable dos recitais poéticos, conferencias, mesas redondas e presentacións organizadas pola editorial. Da colaboración e incorporación ao proxecto dun poeta vinculado á Editorial Eumo, Victor Sunyol, xurdiu a colección Jardins de Samarcanda, editada conxuntamente por Eumo e Cafè Central.

Colección Jardins de Samarcanda miniatura|Portada do poemario L'alegria, de Giuseppe Ungaretti, publicado por Cafè Central e Eumo na colección Jardins de Samarcanda.|alt=Portada do poemario L'alegria, de Giuseppe Ungaretti, publicado por Cafè Central e Eumo na colección Jardins de Samarcanda. Tradución de Jordi Doménech.|469x469px A colección Jardins de Samarcanda, convertida cos anos nunha das máis emblemáticas coleccións de poesía en lingua catalá, é o principal activo da editorial. Inscrita, segundo Clapés, «dentro dunha poética aberta de propósitos renovadores», a colección comezou con S'ha rebentat l'hospici (1992), de Carles Hac Mor, e desde entón foi alternando as traducións de autores clásicos e modernos (William Shakesperare, William Blake, Elizabeth Barrett Browning, Emily Dickinson, Konstantinos Kavafis, Saint-John Perse, Giuseppe Ungaretti, Peter Handke, Rose Ausländer, Thomas Bernhard, Anise Koltz, Philippe Jaccottet, Nicole Brossard, Denise Desautels, Louise Dupré) con valores recentes da lírica catalá (Margarita Ballester, Feliu Formosa, Lluís Solà, Sònia Moll, Teresa Pascual, Josep Maria Sala-Valldaura, Antònia Vicens, Carles Camps Mundó, Vicent Alonso ou Ivette Nadal). En 2024 a colección superara amplamente o centenar de volumes.

Premio Jordi Domènech Unha das iniciativas da casa foi a creación, en 2005, do Premio de Tradución de Poesía Jordi Domènech, co que se pretende dignificar o labor do tradutor e promover a difusión e o coñecemento, a través de versións en lingua catalá de alta calidade, da poesía universal de calquera época e idioma. O ciclo anual de cada convocatoria finaliza, conforme aos seus obxectivos, coa edición bilingüe da tradución premiada.

Distincións En  2007 a entidade catalá Foment de les Arts i del Disseny outorgou a medalla FAD a Cafè Central, como recoñecemento á tarefa cultural levada a cabo polas editoriais independentes.

Notas

Categoría:Editoriais de Cataluña