miniatura|Os estereoisómeros de Soman, un axente nervioso da serie G e inhibidor suicida da acetilcolinesterase. Nótese o centro quiral non carbónico. En bioquímica, a inhibición suicida, tamñen chamada inactivación suicida ou inhibición baseada no mecanismo, é unha forma irreversible de inhibición encimática que ocorre cando un encima se une a un análogo do substrato e forma un complexo irreversible con el por medio dun enlace covalente durante a reacción de catálise normal. O inhibidor únese ao sitio activo onde é modificado polo encima para producir un grupo reactivo que reacciona irreversiblemente para formar un complexo encima-inhibidor estable. Este xeralmente usa un grupo prostético ou un coencima, formando compostos carbonilo electrófilos alfa e beta insaturados e iminas.

Exemplos Algúns exemplos clínicos de inhibidores suicidas son: Disulfiram, que inhibe o encima acetaldehido deshidroxenase. Aspirina, que inhibe os encimas ciclooxixenase 1 e 2. Ácido clavulánico, que inhibe a β-lactamase: o ácido clavulánico enlázase covalentemente a un residuo de serina no sitio activo da β-lactamase, restructurando a molécula de ácido clavulánico, creando unha especie moito máis reactiva que ataca outro aminoácido do sitio activo, inactivándoo permanentemente, e así inactivando o encima β-lactamase. Penicilina, que inhibe a DD-transpeptidase que debía construír a parede celular bacteriana. Sulbactam, que impide ás cepas de bacterias resistentes á penicilina metabolizar a penicilina. AZT (zidovudina) e outros análogos de nucleósidos terminadores de cadea usados para inhibir a transcriptase inversa no tratamento do VIH/SIDA. Eflornitina, un dos fármacos usados para tratar a tripanosomíase africana (enfermidade do sono), é un inhibidor suicida da ornitina descarboxilase. Axente nervioso e pesticidas relacionados como o paratión son inhibidores suicidas organofosforados da acetilcolinesterase con tempos de envellecemento dependentes da labilidade dos grupos saíntes presentes no resto organofosforado da molécula. 5-fluorouracilo, que actúa como inhibidor suicida da timidilato sintase durante a síntese de timina a partir de uridina. Esta reacción é crucial para a proliferación de células, especialmente as que están proliferando rapidamente (como os tumores canceríxenos de rápido crecemento). Ao inhibir este paso, as células morren por morte por carencia de timina porque non teñen timina para crear máis ADN. Úsase a miúdo en combinación co metotrexato, un potente inhibidor do encima dihidrofolato redutase. O6-Bencilguanina, un fármaco que causa a diminución da O6-alquilguanina-ADN alquiltransferase debido á súa semellanza a unha lesión diana da proteína de reparación do ADN. Exemestano, un fármaco usado no tratamento do cancro de mama, é un inhibidor do encima aromatase. Selexilina, que se denomina inactivador suicida. Vigabatrin, un anticonvulsivo, é un inhibidor suicida da GABA-T.

Deseño racional de fármacos Os inhibidores suicidas son utilizados no chamado "deseño racional de fármacos" onde o obxectivo é crear un novo substrato, baseándose en mecanismos e substratos xa coñecidos. O principal obxectivo desta estratexia é crear substratos que non son rectivos ata que están dentro do sitio activo do encima e ao mesmo tempo sexan moi específicos. Os fármacos baseados neste procedemento teñen a vantaxe de ter moi poucos efectos secundarios.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Atrapamento metabólico

Categoría:Inhibidores encimáticos Categoría:Inhibidores covalentes