Dwight Trible nado en Cincinnati, o 29 de marzo de 1950, é un recoñecido vocalista e poeta da nova vaga de jazz americano aveciñado nos Ánxeles. Vocalista do Cuarteto Pharoah Sanders e colaborador cunha gran variedade de artistas desde Kamasi Washington (cantando en 'The Epic' e 'Heaven and Earth'), J Dilla, Life Force Trio, Carlos Niño, John Beasley, Bobby Hutcherson ou até Charles Lloyd. É tamén o director vocal da Horace Tapscott Pan Afrikan Peoples Arkestra - unha institución californiana cunha historia que se estende ao longo de corenta anos cun compromiso activo coa comunidade negra da cidade dende o Levantamento de Watts.

Traxectoria Trible trasladouse a Os Ánxeles dende Cincinnati en 1971. Con pouca formación formal como cantante, inspirouse en artistas de soul e jazz como Aretha Franklin, Linda Jones, Betty Carter e Mahalia Jackson— así como na súa propia nai.

Na súa vasta traxectoria artística –ademais dos seus recoñecidos labores humanitarios a favor da integración racial– foi vocalista do cuarteto de Pharoah Sanders e colaborador principal en proxectos encabezados polos experimentados Billy Childs, Kenny Burrell, Kenny Garrett, Steve Turre, Kahlil El'Zabar, Patrice Rushen, Babatunde Lea, Harry Belafonte, D.J. Rogers e Ernie Watts.

Trible está categorizado pola crítica como un barítono de voz chea que pode ascender a un falsete de soul que pode manter a moi diversos tempos ou volumes.

Discografía

A discografía en solitario de Dwight Trible inclúe os álbums Horace do 2002 (onde rendiu tributo ao seu mentor Horace Tapscott, secundado polo percusionista Derf Reklaw, o batería Billy Higgins e os saxofonistas Charles Owen e George Harper), Living Water no 2004 (xunto a Donnell Lambert e Trevor Ware en baixos, Daniel Bejerano en batería, John Rangel en piano e Bobby West en teclados), Love is the Answer do 2005 (alí á fronte do The Life Force Trio, entregando unha singular aproximación ao Hip-Hop), Cosmic no 2011 (con John Beasley en piano, Trevor Ware en baixo, Dexter Story en batería, Munyungo Jackson en percusión, George Harper e Justo Almario en saxos, Kenneth Crouch en órgano e Djamel Laroussi en guitarra, entre outros) e o álbum a dúo co pianista John Beasley, Duality do 2011.

Notas

Véxase tamén Tomorrow Never Knows - canción do 2019 onde Trible actúa como vocalista, en youtube

Categoría:Nados en 1950 Categoría:Vocalistas de jazz