Fede Gallizi, coñecida como Fede Galiza, nada en Milán en 1578 e finada na mesma cidade en 1630, foi unha pintora italiana do Barroco, pioneira do xénero do bodegón.
Traxectoria Fede aprendeu a pintar co seu pai, Nunzio Gallizi, pintor de miniaturas que se mudou a Milán desde Trento. Foi unha artista moi precoz, sendo citada por primeira vez no tratado "Idea del Tempio della Pintura" escrito en 1590 polo pintor e teórico Giovanni Paolo Lomazzo (1538-1600).
Galizia foi unha pintora moi completa, produciu unha obra variada de diferente temática: escenas relixiosas, retratos e bodegóns. Foi unha retratista moi valorada polo seu tratamento minucioso de xoias e vestimentas polo que recibía moitos encargos da burguesía e pronto puido establecerse como pintora profesional. O estilo dos seus retratos deriva das tradicións naturalistas do Renacemento italiano, cunha aproximación moi realista. Isto pódese ver moi claramente no seu Retrato de Paolo Morigia, un estudoso xesuíta que foi un dos seus primeiros mecenas. Morigia era escritor e historiador e quedou moi satisfeito co traballo de Fede, no que o retrata mentres escribe un poema sobre as obras da artista.
Galizia tamén abordou a pintura relixiosa cumprindo coa exaltación iconográfica imposta pola doutrina católica no contexto histórico da Contrarreforma. Exemplo disto é a súa obra “Judith e Holofernes”, tema do que realizou ata seis versións. Galizia autorretratouse no papel de Judith. Ademais, asinou a obra sobre o fío da espada coa data da súa execución, 1596, detalle significativo, xa que moitas artistas non puideron asinar os seus cadros ao ser pouco valoradas e ter unha posición subordinada nos obradoiros barrocos.
Fede Galizia foi pioneira no xénero do bodegón, alcanzando excelentes resultados. Aínda que poucas fontes mencionan este tipo de obras, representan a maioría das que se conservan da súa autoría: catalogáronse sesenta e tres traballos de Galizia, dos que corenta e tres son bodegóns. Un deles, de 1602 está considerado o primeiro bodegón asinado por un artista italiano, probando o seu compromiso con este -naquela época- novo estilo de pintura.
Galizia tivo unha exitosa carreira artística. Morreu en Milán en 1630.
Estilo miniatura|280x280px|Mazás nunha fonte, óleo 30x41cm - A Haia, Colección Vitale Bloch. Fede Galizia é sobre todo recoñecida na historia da arte polos seus bodegóns, pero tamén foi unha excelente pintora de retratos, miniaturas e retablos. Aínda que as súas pinturas non gañaron o merecido recoñecemento até ben entrado o século, a través de estudos efectuados entre 1963 e 1989, a súa obra foi rescatada do esquecemento.
A súa obra mostra un estilo emparentado co manierismo lombardo de fins do século , baseado en Mantua e recoñecido internacionalmente e especialmente en Francia. Os bodegóns de Galizia están entre os primeiros exemplos de pintura nun xénero que era considerado axeitado para as mulleres, en parte por estar excluídas doutros tipos de obras. Os bodegóns non requirían coñecementos de anatomía humana, os elementos das composicións eran moi accesibles no ámbito privado e ademais non supoñían unha ameaza para os artistas masculinos.
As súas naturezas mortas son extremadamente detalladas, con cores vibrantes e matizadas. Case todas as súas obras neste xénero inclúen bandexas de froita, cun arranxo ben proporcionado con algúns elementos en cascada ao seu redor. Algunhas inclúen flores frescas ou outras especies como unha forma de crear un contraste relevante de forma e cor, por exemplo na súa Natureza morta con pexegos e cunca de porcelana .
As súas pinturas están cheas de detalles e o seu tratamento das luces, sombras e texturas non ten rival naquela época, parece que se puidesen tocar as froitas, sentilas, e quitalas da pintura sen estragar o resto do traballo. Foi particularmente boa en crear espazos acolledores nas súas pinturas, en composicións equilibradas e pouco cargadas. A diferenza dos seus artificiosos predecesores, os seus arranxos son graciosos, naturais e poéticos.
Até ben avanzado o século non se vería novamente o tratamento estético dos seus bodegóns. Moitas das obras actuais do xénero mostran directamente a influencia das súas ideas orixinais. Non se sabe de certo cantas obras pintou, xa que moitas das súas posibles obras foron atribuídas a Panfilo Nuvolone, que tomou significativa inspiración dela.
Exposición "Mestras"
Fede Galizia foi incluída na mostra de 2023 "Mestras" no Museo Nacional Thyssen Bornemisza que recompilou máis dun centenar de obras realizadas por artistas mulleres esquecidas na historia da arte.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Ilya Sandra Perlingieri, Sofonisba Anguissola,, Rizzoli International, 1992 ISBN 0-8478-1544-7 on Questia Chadwick, Whitney, Women, Art, and Society, Thames and Hudson, London, 1990 ISBN 0-500-20354-7 Anne Sutherland Harris e Linda Nochlin, Women Artists: 1550-1950, Los Angeles County Museum of Art, Knopf, New York, 1976 ISBN 0-394-41169-2
Outros artigos Judit coa cabeza de Holofernes (Fede Galizia)
Ligazóns externas
Fede Galizia en Artcyclopedia Categoría:Nados en Milán Categoría:Pintores do Barroco Categoría:Artistas de Italia Categoría:Finados no século XVII Categoría:Pintores de Italia Categoría:Nados en 1578 Categoría:Finados en 1630