Na filosofía política e no ecoloxismo, o ecocentrismo é un sistema de valores centrado na natureza, en contraste co antropocentrismo, que ten como base ao ser humano.
Na ética ambiental examínase se se debería dar consideración á contorna que rodea aos seres humanos e ás diferentes entidades que existen neste (isto é, a entidades como ecosistemas, biocenose, paisaxes ou especies). Entre as posicións encadradas neste ámbito pódense destacar: o biocentrismo, o naturocentrismo e o holismo. Este último defende que as entidades moralmente considerables non son entidades individuais, senón totalidades, conxuntos.
Definición Dende esta postura considérase que as entidades moralmente considerables son os ecosistemas, os conxuntos de relacións ecosistémicas ou biocenoses (os conxuntos de entidades vivas).
O principal motivo polo que se defende o ecocentrismo é porque se considera intuitivo que a existencia dos ecosistemas é valiosa en si mesma. Moitas persoas consideran isto en base á impresión que lles causa a observación e o coñecemento das distintas paisaxes naturais, ao apreciar nelas facetas como: beleza e complexidade. Isto implica unha concepción impersoal do valor, pero tamén podería manterse a consideración dos ecosistemas por razóns normativos non baseadas no que é valioso.
Confusión acerca do ecocentrismo
Ás veces sostense que os individuos non poden sobrevivir se non é dentro dun certo ecosistema. Se con este argumento se busca destacar que os ecosistemas son intrumentalmente valiosos para os individuos, non se estará aportando propiamente unha defensa do ecocentrismo. Hase de ter en conta o seguinte: unha forma errónea de entender esta posición pasa por crer que o que o ecocentrismo defende como relevante á hora de conservar un sistema natural é a defensa dos individuos que nel habitan. Segundo isto, pensariamos que o negativo de danar a unha comunidade, ou o positivo de beneficiala, radicaría no benficio ou prexuízo que se ocasionaría aos individuos que a compoñen.
Esta visión, porén, non se corresponde coa que realmente sostén unha postura holista como o ecocentrismo. Este valora as totalidades nas que se atopan os individuos, non aos individuos como tales. (Así mesmo, se o motivo para valorar os ecosistemas fose que son o resultado dun proceso natural, entón non sosteríamos propiamente unha posición ecocentrista, senón unha de tipo naturocéntrico).
Só habería un modo de aceptar que o argumento de que os seres humanos dependen dos ecosistemas estea realmente a defender unha postura ecocentrista. Este consistiría en manter que, dalgunha maneira, isto é unha mostra de que os ecosistemas teñen algún tipo de prioridade que fai que o seu valor sexa maior.
Críticas ao ecocentrismo
Existen distintas formas nas que se ten obxectado ao ecocentrismo, algunhas das cales son semellantes ás que se teñen formulado ao biocentrismo.
O conflito entre a protección de individuos e ecosistemas: para o ecocentrismo non é negativo nin incorrecto en última instancia o dano que sufran os seus membros; só o é o padecido pola comunidade. Dese modo, segundo esta posición, cando o ben dun ecosistema o requira, terase que bendicir o sacrificio en masa dos seus compoñentes (entre os cales tamén se atopan os seres humanos). Isto parece difícil de aceptar e vai en contra do que sosteñen un gran número de posicións axiolóxicas e normativas. Considérase normalmente que son os individuos, e non os conxuntos, quen son moralmente considerables. Moita xente pode pensar que a continuidade de certos conxuntos pode ser positiva, pero porque o é para os individuos, non por ela mesma.
O rexeitamento das concepcións impersoais do valor: en relación co anterior, pódese considerar simplemente que aquilo que é valioso é unicamente o que é valioso para os individuos. Deste modo, poderase rexeitar que existan outras entidades receptoras de valor que non poidan ter experiencias ou preferencias, ou ser entidades cun benestar.
Priorización do antropocentrismo
A defensa do ecocentrismo tamén se leva a cabo practicamente en todos os casos de forma combinada co antropocentrismo. A posición resultante será unha combinación de distintas posicións, conforme á cal os ecosistemas deben ser defendidos agás cando iso entre en conflito con intereses humanos que non sexan soamente triviais.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Bosselmann, K. 1999. When Two Worlds Collide: Society and Ecology. Eckersley, R. 1992. Environmentalism and Political Theory: Toward an Ecocentric Approach. State University of New York Press. Hettinger, Ned e Throop, Bill 1999. Refocusing Ecocentrism: De-emphasizing Stability and Defending Wilderness. Environmental Ethics 21: 3-21.
Categoría:Filosofía política Categoría:Ecoloxismo