Venera 15 (en ; en ) foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 2 de xuño de 1983 mediante un foguete Proton K/D-1 desde o cosmódromo de Baikonur para estudar a superficie de Venus mediante radar.

Características Venera 15, xunto con Venera 16, foron as primeiras sondas en usar radar de apertura sintética para cartografar a superficie doutro planeta. As dúas sondas eran case idénticas e lanzáronse con cinco días de diferenza. Usaban o bus 4V2, unha modificación do bus 4V orixinal, e eran exclusivamente orbitadores, sen módulos de descenso. A sonda estaba composta por un cilindro central de 110 cm de diámetro e 5 m de longo acollendo os tanques de UDMH e tetróxido de nitróxeno usado polo sistema de propulsión, cunha antena parabólica de 6 m de longo e 1,4 m de ancho nun dos extremos para o radar de apertura sintética (denominado Polyus-V), xunto cun prato parabólico de 1 m de diámetro usado como radioaltímetro (nomeado como Omega). Para a comunicación coa Terra usábase unha parabólica de 2,6 m de diámetro situado nun lateral da nave. Rodeando a base do cilindro atopábase un toro presurizado de 2,35 m de diámetro coa electrónica e algúns instrumentos. Os paneis solares, de 1,25 x 2,10 m cada un, dábanlle á nave unha envergadura de 6,7 m. O control de actitude era levado a cabo polo motor principal direccional, propulsores de gas frío alimentados por nitróxeno, xiroscopios, sensores solares, sensores da estrela Canopus e un sensor terrestre. As comunicacións tiñan lugar mediante a antena de alta ganancia e varias antenas omnidireccionais helicoidais. A antena de alta ganancia usaba lonxitudes de onda decimétricas e centimétricas para transmitir á Terra, mentres que os comandos desde a Terra se enviaban cara as antenas helicoidais. Os datos podían gardarse nunha cinta magnética a bordo. O control térmico acadábase mediante o uso de persianas e radiadores. Ademais do radar, a sonda levaba a bordo varios instrumentos científicos, entre eles un sistema de radiometría, un espectrómetro infravermello, detectores de partículas enerxéticas, detectores de raios cósmicos e un experimento de ocultación de radio.

Desenvolvemento da misión Venera 15 engalou o 2 de xuño de 1983 a bordo dun foguete Proton K Blok D-1 cara Venus, facendo dúas manobras de corrección de traxectoria, unha o 10 de xuño e outra o 1 de outubro de 1983. A sonda chegou a Venus o 10 de outubro, situándose nunha órbita case polar de 904,3 km de periapse e 67 687 km de apoapse. A cartografía da superficie comezou o día 16 de outubro, recollendo datos de radar durante 16 minutos de cada órbita, e completando a súa misión principal o 10 de xullo de 1984, comezando a misión estendida. O 30 de decembro de 1984 a nave xa usara todo o propelente do control de actitude, o que causou que se perdera o contacto o 5 de xaneiro de 1985.

Resultados científicos Os mapas obtidos por Venera 15, xunto cos de Venera 16, cubrían o 25% do norte do planeta e cambiaron a forma de entender Venus, atopándose que é moi diferente da Terra, con extensos campos de lava e volcáns en escudo, con anacos de terreo máis antigo denominados tessera. O estudo mediante radar descubreu que os Maxwell Montes eran realmente montañas elevadas pola presión tectónica e non un volcán, como se pensaba previamente. Tamén se descrubriron as coronae, grandes círculos e óvalos de aneis concéntricos que ata entón se crían cráteres de impacto recheos de lava, e aracnoides, cúpculas colapsadas con gretas radiais. Nas imaxes de radar tamén se distinguen 150 cráteres de impacto, que levaron á conclusión de que a codia de Venus ten unha edade duns 750 millóns de anos, relativamente xove en termos xeolóxicos, o que levou á hipótese dun evento catastrófico a nivel global para explicar esta xuventude. O espectrómetro infravermello usou a banda de 15 μm do dióxido de carbono para medir perfiles de temperatura na atmosfera venusina, cartografando tamén a abundancia de vapor de auga e dióxido de xofre.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Proton K/D-1 Programa Venera Venera 1 Venera 2 Venera 3 Venera 4 Venera 5 Venera 6 Venera 7 Venera 8 Venera 9 Venera 10 Venera 11 Venera 12 Venera 13 Venera 14 Venera 16 Venera-D

Categoría:Programa Venera