Venera 16 (en ; en ) foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 7 de xuño de 1983 mediante un foguete Proton K/D-1 desde o cosmódromo de Baikonur para estudar a superficie de Venus mediante radar.
Características Venera 16, xunto con Venera 15, foron as primeiras sondas en usar radar de apertura sintética para cartografar a superficie doutro planeta. As dúas sondas eran case idénticas e lanzáronse con cinco días de diferenza. Usaban o bus 4V2, unha modificación do bus 4V orixinal, e eran exclusivamente orbitadores, sen módulos de descenso. A sonda estaba composta por un cilindro central de 110 cm de diámetro e 5 m de longo acollendo os tanques de UDMH e tetróxido de nitróxeno usado polo sistema de propulsión, cunha antena parabólica de 6 m de longo e 1,4 m de ancho nun dos extremos para o radar de apertura sintética (denominado Polyus-V), xunto cun prato parabólico de 1 m de diámetro usado como radioaltímetro (nomeado como Omega). Para a comunicación coa Terra usábase unha parabólica de 2,6 m de diámetro situado nun lateral da nave. Rodeando a base do cilindro atopábase un toro presurizado de 2,35 m de diámetro coa electrónica e algúns instrumentos. Os paneis solares, de 1,25 x 2,10 m cada un, dábanlle á nave unha envergadura de 6,7 m. O control de actitude era levado a cabo polo motor principal direccional, propulsores de gas frío alimentados por nitróxeno, xiroscopios, sensores solares, sensores da estrela Canopus e un sensor terrestre. As comunicacións tiñan lugar mediante a antena de alta ganancia e varias antenas omnidireccionais helicoidais. A antena de alta ganancia usaba lonxitudes de onda decimétricas e centimétricas para transmitir á Terra, mentres que os comandos desde a Terra se enviaban cara as antenas helicoidais. Os datos podían gardarse nunha cinta magnética a bordo. O control térmico acadábase mediante o uso de persianas e radiadores. Ademais do radar, a sonda levaba a bordo varios instrumentos científicos, entre eles un sistema de radiometría, un espectrómetro infravermello, detectores de partículas enerxéticas, detectores de raios cósmicos e un experimento de ocultación de radio.
Desenvolvemento da misión Venera 16 engalou o 7 de xuño de 1983 a bordo dun foguete Proton K Blok D-1 cara Venus, facendo dúas manobras de corrección de traxectoria, unha o 15 de xuño e outra o 5 de outubro de 1983. A sonda chegou a Venus o 14 de outubro, situándose nunha órbita case polar de 977,3 km de periapse e 67 078 km de apoapse. A cartografía da superficie comezou o día 20 de outubro, recollendo datos de radar durante 16 minutos de cada órbita, e completando a súa misión principal o 10 de xullo de 1984, comezando a misión estendida. O 13 de xuño de 1985 Venera 16 recibiu un comando que iba dirixido a Vega 1 ao compartir ambas naves a mesma frecuencia, causando que Venera 16 cambiara a súa orientación innecesariamente e agotando no proceso o propelente para control de actitude que lle quedaba. O incidente causou a perda de contacto coa sonda, finalizando a misión.
Resultados científicos Os mapas obtidos por Venera 16, xunto cos de Venera 15, cubrían o 25% do norte do planeta e cambiaron a forma de entender Venus, atopándose que é moi diferente da Terra, con extensos campos de lava e volcáns en escudo, con anacos de terreo máis antigo denominados tessera. O estudo mediante radar descubreu que os Maxwell Montes eran realmente montañas elevadas pola presión tectónica e non un volcán, como se pensaba previamente. Tamén se descrubriron as coronae, grandes círculos e óvalos de aneis concéntricos que ata entón se crían cráteres de impacto recheos de lava, e aracnoides, cúpculas colapsadas con gretas radiais. Nas imaxes de radar tamén se distinguen 150 cráteres de impacto, que levaron á conclusión de que a codia de Venus ten unha edade duns 750 millóns de anos, relativamente xove en termos xeolóxicos, o que levou á hipótese dun evento catastrófico a nivel global para explicar esta xuventude. O espectrómetro infravermello de Venera 16 avariouse e non puido facer medicións.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Proton K/D-1 Programa Venera Venera 1 Venera 2 Venera 3 Venera 4 Venera 5 Venera 6 Venera 7 Venera 8 Venera 9 Venera 10 Venera 11 Venera 12 Venera 13 Venera 14 Venera 15 Venera-D
Categoría:Programa Venera