miniatura|250x250px|Conferencia de Presidentes o 17 de xaneiro de 2017. A Conferencia de Presidentes é o órgano de máximo nivel político de cooperación entre o Goberno de España e as comunidades autónomas e ocupa a cúspide do conxunto dos órganos de traballo multilateral. Non ten encaixe legal constitucional ou estatutario algún. Está formada polo presidente do Goberno, que a preside, os presidentes das dezasete comunidades autónomas e polos presidentes das cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Pódese considerar como precedente unha primeira reunión baixo a presidencia de Felipe González en 1990.
É un órgano de cooperación habitual nos Estados politicamente descentralizados. Estas reunións de máximo nivel político, con semellantes denominacións, celébranse tamén en países como Alemaña, Austria, Suíza, Italia e o Canadá. A finais do século XX e comezos do XXI cobraron unha grande importancia como órgano de pulo ao desenvolvemento do chamado federalismo cooperativo, fundamentalmente en Alemaña e Austria.
En case todos estes países a Conferencia de Presidentes atópase tan institucionalizada, ben mediante acordos que regulan aspectos relativos ao funcionamento e contidos das reunións (caso de Suíza e Italia), ou ben mediante o recoñecemento dunha práctica política habitual, que é inherente xa ao propio funcionamento cooperativo do estado (Alemaña, Austria ou o Canadá).
Historia A creación da Conferencia de Presidentes foi anunciada polo presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, no seu primeiro debate de investidura e foi constituída o 28 de outubro de 2004. Dada a natureza e o nivel político da mesma, o seu eido de actuación é aberto e ten por finalidade debater e adoptar acordos sobre asuntos de especial interese para o sistema autonómico. miniatura|250x250px|Conferencia de Presidentes telemática o 26 de outubro de 2020. O seu funcionamento é flexible e as súas decisións baséanse no principio de acordo dos participantes, na práctica trátase dun órgano soamente consultivo do Goberno da Nación coas distintas autonomías.
A Conferencia de Presidentes, nas súas primeiras edicións, tivo lugar cunha periodicidade irregular, e sempre a proposta do Goberno Central. Dende a V Conferencia de Presidentes, celebrada o14 de decembro de 2009, o Goberno aprobou un regulamento que estabelece que as conferencias pasarían a celebrarse con periodicidade anual, malia que iso non se cumpriu.
Así, o primeiro Goberno de Rodríguez Zapatero celebrou reunións os días 28 de outubro de 2004, 10 de setembro de 2005 e 11 de xaneiro de 2007. Xa no segundo Goberno de Zapatero só houbo unha conferencia, o 14 de decembro de 2009. Doutra banda, Mariano Rajoy celebrou unha soa conferencia no primeiro mandato; o 2 de outubro de 2012. En xaneiro de 2017, no seu segundo mandato, realizouse a segunda conferencia con Rajoy á cabeza.
O presidente Pedro Sánchez foi o que máis conferencias convocou, até unha vintena entre 2020 e 2022, moitas delas por mor da pandemia de COVID-19. De feito, a partir da VII Conferencia, introducíronse os medios telemáticos, que foron utilizados na maioría das reunións celebradas entre 2020 e 2021.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Conferencia de Presidentes , páxina oficial do Ministerio de Política Territorial. Rueda lamenta que la conferencia de presidentes sirvió para que el gobierno central tuviera "su foto" pero los gallegos marchan de ella sin nada
Categoría:Comunidades autónomas de España Categoría:Gobernos autonómicos de España