Rosa Moledo, nada en Gosolfre (Mazaricos) en 1969, é unha lingüista e tradutora galega.
Traxectoria
Logo de estudar na Escola Oficial de Idiomas da Coruña e na Facultade de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, dedicouse á tradución audiovisual e ao asesoramento lingüístico.
Fixo tradución e adaptación lingüística para cinema e televisión: A lingua das bolboretas, Os luns ao sol, O lapis do carpinteiro, Cela 211, Engurras, Os Fenómenos, O noso último verán en Escocia, Lupin, Lena, O misterio Galíndez, Beauty, Fisterra, Sei quen es, 13 Badaladas, O ano da carracha, Abrígate, Agallas, Conexións, O sexo dos anxos, A árbore magnética, Somos xente honrada...
Foi asesora e supervisora lingüística en sesións de dobraxe e en rodaxes de ficción: Mareas Vivas, 4º sen ascensor, A familia Pita, Fariña, O caso Asunta, Rondallas, Con perdón...
Tivo labores de asesoramento lingüístico e revisión de textos en montaxes de artes escénicas: Poeta en Nova York, de Teatro Baixo da Area; Os nenos da varíola, de Pérez & Fernández; e As que limpan, de A Panadería, da que tamén realizou a tradución ao castelán.
Desde o ano 2017, foi asesora lingüística do Centro Dramático Galego, onde tamén coordinou e revisou os textos das producións para a súa publicación. Impartiu diversos obradoiros e cursos relacionados coa lingua e a interpretación, como A palabra en acción —xunto con Vicente Fuentes— ou As cancelas do falar, organizados polo Centro Dramático Galego, así como un obradoiro de competencia lingüística promovido pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Na concesión do Premio de Honra dos Mestre Mateo, no 2026, a Academia fundamentouno “no labor constante, rigoroso e profundamente comprometido de Rosa Moledo, unha traxectoria que contribuíu de maneira decisiva á dignificación do galego e á súa presenza nos ámbitos cultural e audiovisual”. Tamén se destacou a ampla experiencia de Moledo en cine, televisión e teatro, “un compromiso firme coa lingua e coa cultura do país e que constitúe un legado imprescindible para as xeracións presentes e futuras”. Jacobo Sutil eloxiou a súa traxectoria "dedicada á tradución e ao asesoramento lingüístico no audiovisual" e sinalou que este premio contribúe "a pór en valor" o traballo das persoas que están detrás das cámaras, que son "esenciais" para o audiovisual".
Premios
2024: Premio de Honra Dolores Ben, outorgado pola Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) a persoas e institucións. 2026: Premio de Honor Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual.
Notas
Categoría:Nados en Mazaricos Categoría:Nados en 1969 Categoría:Tradutores de Galicia Categoría:Lingüistas de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo