A vitalidade urbana é a calidade daqueles espazos das cidades que son capaces de atraer persoas heteroxéneas para diferentes tipos de actividades ao longo de horarios variados. As áreas da cidade con alta vitalidade son percibidas como vivas, animadas ou vibrantes e adoitan atraer persoas para realizar as súas actividades, pasear ou permanecer nelas. Pola contra, as áreas de baixa vitalidade repelen ás persoas e poden percibirse como inseguras.
O índice de vitalidade urbana é unha medida desta calidade e nos últimos anos converteuse nunha ferramenta fundamental para a planificación de políticas urbanas, especialmente para a intervención en espazos con baixa vitalidade. Ademais, utilízase para unha correcta xestión dos espazos con alta vitalidade, pois o éxito de certas áreas pode traer consigo procesos de xentrificación e turistificación que, paradoxalmente, acaben reducindo a vitalidade que as fixo populares.
O concepto de vitalidade urbana está baseado nas achegas de Jane Jacobs, especialmente na súa obra máis influente, Morte e vida das grandes cidades. Jacobs criticou nos anos 1960 a arquitectura moderna e racionalista defendida por Robert Moses ou Le Corbusier, cuxo protagonista era o coche privado. Argumentou que estes tipos de planificación urbana pasaban por alto e simplificaban en exceso a complexidade da vida humana. Opúxose aos programas de renovación urbana a grande escala que afectaron barrios completos e que construíron vías de alta capacidade a través do centro das cidades. En cambio, defendeu un desenvolvemento denso de uso mixto e rúas transitables, con “ollos na rúa” dos propios viandantes que axudan a manter a orde pública.
Na actualidade, o concepto de vitalidade urbana está a revalorizar o urbanismo mediterráneo e a súa historia, no que o espazo público, a peonalidade e as prazas teñen unha grande importancia como centros de interacción e cohesión social, en oposición ao urbanismo anglosaxón de grandes infraestruturas urbanas, longas distancias e centrado no automóbil.
Condicións para unha alta vitalidade urbana
A vitalidade urbana pode chegar a cuantificarse grazas á análise dos elementos que a determinan. Entre eles atópanse:
Diversidade de usos do espazo que poidan atraer diferentes tipos de persoas para actividades diversas e en horarios variados, facendo que o espazo estea constantemente ocupado e mellorando a súa seguridade.
Oportunidades de contacto persoal con bloques, mazás e espazos abertos que non sexan demasiado grandes, pois reducen o número de posibles interseccións e interaccións sociais.
Diversidade de edificios con características e idades variadas, facendo que persoas con diferentes capacidades adquisitivas poidan vivir en todas as zonas da cidade, evitando a formación de guetos.
Alta densidade de poboación, as zonas residenciais son esenciais para atraer outros tipos de actividade.
Accesibilidade para todas as persoas sen depender do transporte privado, sendo o acceso peonil o máis importante por ser o máis democrático, sostible e económico, seguido do acceso en bicicleta e do transporte público.
Distancia a elementos de fronteira, como grandes edificios, circunvalacións, vías de tren en superficie ou grandes parques urbanos que desincentivan o uso da rúa.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Cidade dos 15 minutos Rúa completa Urbanismo táctico
Categoría:Urbanismo Categoría:Socioloxía