O castelo de Rocabertí é un castelo situado no concello de La Jonquera na provincia de Xirona (Cataluña), a uns 3 km ó nordeste da vila. Está construído sobre unha escarpada pena granítica de forma cónica e pode verse con facilidade dende a vila, que queda ós seus pés. Consérvanse só as ruínas.
Historia A primeira mención que se conserva é do ano 948, mais semella que é bastante anterior. Pertenceu á liñaxe dos Rocabertí, o cal, ata que obtivo o castelo de Peralada a mediados do século XIII, fixo o centro do vizcondado de Rocabertí. miniatura|Escudo dos vizcondes de Rocabertí. A posición estratéxica da fortaleza, dominando os pasos do Le Perthus e de Panissars, foi sempre o obxectivo de diferentes intereses. Así, no transcurso dun grave enfrontamento con Ramón Berenguer IV, o conde Hugo I de Ampurias apoderouse del, pero o conde de Barcelona logrouno recuperar e forzar ó de Ampurias a renovar a vasalaxe cun acordo de paz (1138) segundo o cal o primeiro víase obrigado a derrubar este castelo e o último, o de Quermançó.
Segundo o cronista Ramón Muntaner, o rei Xaime I foi convidado a residir nel por Dalmau V de Rocabertí.
O castelo xogou un papel importante na batalla do porto de Panissars (1285). En 1288 foi fugazmente ocupado por un exército francés ó servizo de Xaime II de Mallorca que invadiu o Ampurdán. En 1462, ante o perigo dunha nova invasión francesa, foi fortificado e construíronse dúas torres nos flancos da muralla. Pero entón xa estaba en moi malas condicións e é posible que perdese a súa importancia, que tampouco recuperou co establecemento da fronteira na crista da Albera a raíz do Tratado dos Pireneos en 1659.
En 1869 realizouse un descubrimento de moedas dos condes de Besalú e de Rosellón.
Estrutura Era un castelo de reducidas dimensións, adaptado ás condicións irregulares do terreo e ó pouco espazo dispoñible na cima do outeiro. Entre as ruínas actuais distínguense o portal de entrada, de perpiaños pequenos e pouco traballados, quizais do século XI, tres estancias con vestixios das súas bóvedas, a cisterna (escavada na rocha), restos ben conservados e de certa altura dunha torre triangular, construída con bos perpiaños, e a capela, no extremo noroeste, que estaba dedicada a san Romano. Desta capela, posiblemente datada do século XII, quedan só o muro meridional e a metade sur da súa ábsida semicircular, construídos con perpiaños grandes e ben recortados, aínda que de pouca altura. Os diferentes aparellos que se poden recoñecer no conxunto demostrarían diversas etapas construtivas. O acceso á fortaleza estaba situado ó este, a parte con menos desnivel, mediante unha escaleira tallada na rocha.
Lenda miniatura|Debuxo do século XIX. Nunha lenda que bebe nas fontes de Esopo, o castelo de Rocabertí fóra habitado por simiotes, seres fantásticos, medio persoas e medio animais, con grandes pilosidades que lles cubrían todo o corpo, salvo os ollos e os dentes. Un certo día moi frío, os simiotes acolleron no castelo a un viaxeiro, que se soprou os dedos para quentalos ante a sorpresa daqueles seres, que descoñecían a utilidade desta práctica. O seu rei ordenou que lle servisen un caldo ben quente, e os simiotes volvéronse sorprender cando o viaxeiro soprou o líquido, agora para arrefrialo. O dobre descubrimento, aparentemente contraditorio, convenceu os simiotes de que o viaxeiro tiña que ser un meigo e o expulsaron do castelo.
Noutra lenda, o castelo é habitado por fadas, seres míticos femininos con atribucións máxicas positivas ou negativas, tamén chamadas mulleres de auga. As de Rocabertí eran boas fiandeiras, que favorecían ós mortais ofrecéndolles un fuso máxico que sempre tiña fío, a condición de que non falasen mal do seu fío. Certo día, unha rapaza de La Jonquera atopou un fuso (noutra versión herdouno dos seus antepasados) e enriqueceuse vendendo o fío máxico, pero a súa neta proferiu un «voto este fío!» un día que se lle enrolou a madexa e o fuso, e o fío e ata as pezas que foran cosidas fundíronse e desapareceron.
En Rocabertí vagaría a alma en pena dunha señora do castelo, a mala nai, que matou os seus dous fillos para que non se interpuxesen na paixón amorosa que lle espertara un mozo.
Protección O castelo de Rocabertí está afectado polas disposicións españolas de protección do patrimonio histórico de 1949 e 1988, e coma todos os castelos de Cataluña, catalogado como Ben Cultural de Interese Nacional ós efectos da lei do Patrimonio Cultural catalán de 1993. Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Pere Català Roca, Miquel Oliva i Prat, Miquel Brasó i Vaqués i Armand de Fluvià i Escorsa, Castell de Rocabertí, dins Els castells catalans, 7 vols., Barcelona, Rafael Dalmau, 1967-1979, vol. 2, pp. 435–447 (en catalán) Pere Català i Roca, Legendes de castells catalans, Barcelona, Rafael Dalmau, 1983 (en catalán) Joan Badia i Homs, L'arquitectura medieval a l'Empordà, 2a ed., 2 vols., Gerona, Diputació Provincial de Girona, 1985, vol. II-A, pp. 206–207 (en catalán) Catalunya romànica, 27 vols., Barcelona, Enciclopèdia Catalana, 1984-1998, vol. 9 (en catalán) Ferran del Campo i Jordà, Castells medievals: 88 guaites dels castlans de l'Alt Empordà, Figueras, Carles Vallès, 1991, pp. 77–79 (en catalán)
Rocabertí Categoría:Provincia de Xirona Categoría:Bens de Interese Cultural de Cataluña