A capela da Nosa Señora dos Remedios é un santuario do século situado a carón da ponte Maior de Ourense. Está declarada Ben de Interese Cultural, e en 1961 declarouse monumento histórico-artístico nacional. Acredora de varios privilexios outorgados por diversos pontífices, cada 8 de setembro ten lugar a romaría da Virxe dos Remedios, precedida por unha novena iniciada o 30 de agosto e pola Procesión da Luz o 7 de setembro. En 2010 sufriu un incendio que a destruíu de forma parcial. A carón dela discorre o Camiño de Santiago.
Historia O templo foi construído en 1522 por Francisco Méndez Montoto, procurador xeral da cidade, nun campo a carón da ponte, empregando parte do seu capital e mais a fortuna deixada por un axustizado. A zona era utilizada como espazo de combates, polo que recibía o nome de Campo do Desafío, e Montoto decidiu levantar unha capela no lugar para que cesasen ditas prácticas no espazo, e para dar acubillo a peregrinos.
Convertida en obxecto de devoción e romarías, Alonso Méndez Montoto, fillo de Francisco, ordenou o derribo e reconstrución en 1584 para aumentar o santuario. A obra levouna a cabo o canteiro de Barbadás Gregorio Fatón cun custo de 4000 ducados En maio de 1589, durante a guerra anglo-española, as reliquias do apóstolo e mais outras custodiadas na catedral de Santiago de Compostela foron levadas por oito cóengos por temor a que os ingleses invadisen Santiago de Compostela, e gardáronse temporalmente na capela dos Remedios.
En 1865 o gobernador civil Lucas García Quiñones autorizou a José Méndez Miramón, descendente de Francisco Méndez, a que recadase esmolas e ofrendas para o templo:
O 27 de xullo de 1873 os restos de Francisco Méndez foron levados á capela.
A contorna da capela serviu de campo da feira e lugar de instalación de circos ambulantes e celebración de corridas de touros. Entre 1895 e 1930 acolleu a primeira central eléctrica ourensá, fundada polo avogado e industrial Francisco Conde Balbís, que se mantivo en pé até mediados do século XX.
Incendio miniatura|Talla da Virxe dos Remedios destruída no incendio. O 28 de xullo de 2010 produciuse un incendio na capela por mor dun curtocircuíto na parte traseira da nave, xunto ao retablo central. que destruíu a práctica totalidade do mobiliario que albergaba no interior, afectando en menor medida á fachada e os muros exteriores. Salváronse os piares, os muros de granito, a fachada e a imaxe policromada da Virxe. O teito, gravemente danado, derrubouse meses despois por mor da choiva. Unha das vigas caeu sobre o sepulcro de Montoto e outra sobre un dos retablos calcinados, que se partiu en dos.
A talla orixinal da Virxe, do século XVI, consérvase no santuario da Nosa Señora dos Milagres do Medo, mais ardeu unha copia do século XIX. O patrimonio moble estaba valorado en aproximadamente 30 000 euros. Ademais da imaxe titular arderon o teito de madeira, os retablos laterais, os exvotos e o retablo que albergaba a Virxe na capela maior.
Restauración miniatura|dereita|Nova imaxe da Virxe dos Remedios. Mentres a capela estivo danada celebrouse a novena na igrexa de María Auxiliadora de Ourense, onde se custodiaba unha copia da imaxe da Virxe. As obras de restauración leváronse a cabo tras un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense, a Deputación de Ourense e a diocese de Ourense, logo de que a familia se comprometese a cederlle o santuario á diocese en xaneiro de 2013. As obras tiveron un orzamento de 387 000 euros. Os traballos de reparación acometéronse despois de que os propietarios da capela, herdeiros do fundador, cedesen o santuario á diocese de Ourense en xaneiro de 2013. Durante as obras descubriuse unha nervadura cunha bóveda sobre o altar, que tamén foi rehabilitada. Miguel Ángel González, delegado de patrimonio da diocese, considerou a posibilidade de que tallistas de Braga realizasen a nova imaxe da Virxe debido a que mantiñan as técnicas de escultura empregadas no século XVI. Luís Quinteiro Fiúza, administrador apostólico da diocese de Ourense, sinalou que os restos queimados da cabeza da antiga imaxe poderían incrustarse na nova talla. Finalmente, en agosto de 2014 bendiciuse na igrexa de María Auxiliadora unha nova imaxe da Virxe dos Remedios elaborada nos obradoiros do bispado. Tras ser traslada en procesión ao templo, bendiciuse o mesmo e mais o seu altar.
Arquitectura
O templo, de estilo renacentista, ten tellado a dúas augas, frontón, unha espadana dun van en arco de medio punto, un rosetón decorado cun cuadrilóbulo e unha imaxe pétrea policromada do século XVI da Virxe dos Remedios presidindo a fachada, na cal aparecen os brasóns de Francisco Méndez e mais a súa esposa María González. Sobre a porta principal destaca unha inscrición coas datas da construción orixinal e a ampliación.
miniatura|dereita|Capela maior. Ten planta rectangular e tres naves cunha bóveda estrelada na capela maior. Antes do incendio tiña teito de madeira. Arderon tamén a imaxe titular da capela -unha talla de vestir do século XIX situada nun retablo neogótico con varias lámpadas- e mais dous retablos do século XVII, cun crucifixo o da dereita (portado polo neto do fundador o Xoves Santo de 1609) e unha talla da Nosa Señora das Dores o da esquerda, ademais de seis exvotos; tres deles eran táboas policromadas que combinaban arte pictórica e narrativa, contando os outros tres só coa narrativa. O primeiro mostraba o milagre de Emilio Muruais, estudante de Leis que salvou a súa vida tras caer ao Miño desde a ponte Maior no Nadal de 1842, e a quen rescataron uns pescadores tras permanecer corenta e cinco minutos na auga; o segundo narra a milagrosa curación en 1843 de Ramona Nóvoa; o terceiro mostraba a curación de María Rodríguez, tamén no século XIX, considerada tola, quen aparecía representada orando de xeonllos ante a Virxe, situada nunha nube. Os tres últimos tiñan só a narración do feito milagroso: o primeiro, datado de 1843, relataba a salvación dun neno sobre cuxo ventre pasara a roda dun carro de bois que cargaba corenta arrobas de madeira de piñeiro; o segundo, tamén de 1843, narraba a milagrosa curación dunha moza de Velle, logo de que seus pais levasen á capela a mortalla e a cera destinadas ao cadáver da filla; o terceiro relataba a salvación de José Menéndez, vítima dun derramo a quen se lle practicara a unción dos doentes en maio de 1842.
No templo está a tumba do fundador da capela. Sobre o sepulcro hai unha estatua orante do século XIX. A estatua foi decapitada nun acto vandálico durante o tempo en que a capela estivo en estado ruinoso tras o incendio. Consérvanse tamén unhas columnas cilíndricas clasicistas de pedra. O templo ten novo teito de madeira con forma de arco de medio punto e dúas imaxes fronte ao presbiterio e a ambos os lados do mesmo: unha talla da Nosa Señora das Dores á esquerda e unha estatua do Cristo da Misericordia á dereita, ambas sen retablo, ademais dunha imaxe da Virxe dos Remedios presidindo a capela maior. No muro do evanxeo destaca unha gran fotografía do papa Xoán XXIII e no muro da epístola hai outra de Xoán Paulo II.
Galería de imaxes
Notas
Ourense Categoría:Arquitectura renacentista Ourense Categoría:Bens de Interese Cultural da provincia de Ourense Ourense