A igrexa de San Francisco de Ourense é un templo relixioso do século XIV situado xunto ao parque de San Lázaro, en Ourense. A comezos do século XX foi trasladada da súa localización orixinal, como parte do convento de San Francisco de Ourense. Foi declarada monumento histórico-artístico nacional en 1951, polo que é Ben de Interese Cultural.
Historia A orde franciscana ten presenza en Ourense dende cando menos 1238, se ben a súa primeira residencia non se data até 1250 ou 1251, cando recibiron a doazón dunha casa-convento no Tendal da Filgueira (actual praza do Correxedor), ao leste da catedral de San Martiño de Ourense, constando o proxecto da igrexa en 1252 e en construción en 1255. En 1289 o bispo Pedro Eans prohibiu a celebración de culto e soterramentos no templo por mor do conflito que mantiña coa orden franciscana por acolleren un dos seus inimigos, quen pedira asilo en sagrado no convento tras matar un sobriño do prelado. O complexo incendiouse en decembro de 1294 ou no primeiro trimestre de 1295, o que provocou varios mortos e forzou os franciscanos a abandonar a cidade e trasladarse temporalmente a Allariz. Tras ser Pedro Eans excomungado e posteriormente perdoado polo papa Clemente V a cambio de reparar os danos provocados (plasmado nunha bula papal datada en 1307 ou 1308), comezouse a proxectar o levantamento dunha nova igrexa e convento en Montealegre, nun terreo cedido polo cabido (a bula obrigaba a este último a ceder un terreo da súa propiedade para a erección do novo convento e ao bispo a financiar a construción do mesmo), se ben tras falecer Pedro Eans en 1308 sen que comezasen as obras, tiveron que ser os seus herdeiros os encargados da reedificación. Os traballos tiveron o apoio de Gonzalo Núñez de Novoa e do bispo Gonzalo Daza e Osorio, parentes do prelado e membros da casa de Maceda. Estímase que os labores comezaron arredor de 1310 e remataron cara a 1330 ou en 1350. Documentos de 1348 proban a existencia dun hostal e unha enfermaría. Ergueuse un claustro gótico no século XIV e outro no século XVIII. En 1835 tivo lugar a exclaustración do convento no marco da desamortización de Juan Álvarez Mendizábal, quedando o templo sen culto e en posesión do bispado por desexo da raíña rexente María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias. O Concello de Ourense, propietario do convento, cedeulle as instalacións ao Exército o 25 de abril de 1843, e ese mesmo ano pasou a ser un cuartel. En 1844 trasladouse dende A Coruña un batallón ao mando do tenente coronel Ángel Martín Mouriño.
En 1883 procedeuse á redacción dun proxecto, asinado polo coronel Gerardo Dorado Gómez, destinado a restaurar o cuartel. Arredor de 1905 elaborouse un memorando asinado polo comandante Bonifacio Menéndez Conde no que se detallan as obras necesarias para a reparación das instalacións co fin de albergar un batallón de infantería, que se instalou ese mesmo ano. O cuartel deixou de funcionar en 1984, pechou de forma definitiva o 31 de decembro de 1987 e o coronel Isidoro Formoso entregoulle as chaves ao Concello o 18 de xuño de 1993.
Pola súa banda, a Terceira orde de San Francisco, con sede na rúa Ervedelo, ocupouse da igrexa entre 1867 e 1920, tras o cal quedou abandonada durante case unha década, e numerosas pezas ficaron repartidas en diferentes edificios da cidade, como parte do retablo do Santo Cristo da Esperanza, custodiado na igrexa de Santa Eufemia; unha talla de san Boaventura conservada no Museo Catedralicio, obra de Juan de Acosta; unha imaxe da Inmaculada Concepción situada tamén no museo e atribuída a Francisco de Moure; unha talla de San Diego de Alcalá, obra probablemente de Juan de Angés o Mozo conservada no Museo Arqueolóxico Provincial; e unha imaxe da Inmaculada facturada por Jean de Joigny, conservada tamén no Museo Arqueolóxico Provincial. En 1925, tras considerarse a instalación dun convento na cidade, os franciscanos apropiáronse dunha vivenda aínda en construción no parque de San Lázaro, antigo campo da feira. Debido á ausencia dunha igrexa, a comunidade serviuse da capela de San Lázaro, a uns 50 metros da residencia. Ese mesmo ano, por iniciativa do sacerdote Samuel Eiján, o prelado aprobou a venda de parte do predio ocupado pola igrexa de San Francisco co fin de que o Ministerio de Defensa ampliase o cuartel, autorizándose a venda en 1927. Tras recibir o asesoramento da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense, presidida por Marcelo Macías, en 1928 iniciáronse as obras necesarias para trasladar pedra a pedra o tempo ao parque de San Lázaro, dirixidas polo arquitecto Manuel Conde Fidalgo. Os labores concluíron en 1929, inaugurándose o templo o 30 de maio dese ano, se ben a portada non se instalou até 1955, e no traslado desapareceu a torre-campanario de 1599 situada á dereita, ademais de que os muros da nave maior cos seus contrafortes ficaron no lugar orixinal ao constituíren o peche da cara sur do claustro gótico. Este traslado, que contou no seu momento co apoio de personalidades como Ramón Otero Pedrayo, considerouse posteriormente un erro debido á descontextualización que supón para o antigo convento e polo feito de que a igrexa ficou semioculta entre edificios de construción moderna, chegando a cualificalo como «chapuza» Juan Carlos Rivas, antigo director do Museo Municipal.
Descrición Exterior A fachada, de estilo gótico, presenta un rosetón sobre un tornachoivas e unha portada con tripla arquivolta centrada con dous contrafortes e un arco trilobulado enmarcando unha porta de madeira de dobre folla. Composta por piares de fuste liso e estriado con capiteis fitomorfos, zoomorfos e antropomorfos (como testemuña a presenza dun gaiteiro), a portada ostenta un conxunto escultórico pétreo representativo da Anunciación, o cal supón o inicio da difusión deste tipo de temática nos templos relixiosos, principalmente mendicantes e dominicos.
Interior O templo ten planta de cruz latina cunha soa nave e tres capelas poligonais na cabeceira cubertas por bóvedas nervadas, con teito de madeira na nave e o cruceiro, o cal ten arcos apuntados, mentres que as ábsidas se cobren con bóveda de cruzaría, apoiándose os nervios en piares acaroados con capiteis. Segundo unha descrición de Ángel del Castillo antes do traslado:
Capela maior esquerda|miniatura|Talla de Francisco de Asís abrazando a Cristo na cruz. A capela maior está presidida por unha imaxe de Francisco de Asís abrazando a Cristo na cruz, símbolo da renuncia do santo ao mundo material para seguir a Xesús. Baixo a imaxe están dispostos os asentos do cadeirado do coro, fragmentado tras o traslado. A obra data do primeiro terzo do século XVIII e posúe reminiscencias cos traballos do obradoiro de Francisco Castro Canseco. Os taboleiros do fondo amosan varios mártires franciscanos e diversas devocións da orde (Francisco de Asís, Pascual Bailón, Lois IX de Francia, Luís de Tolosa...), mentres que as táboas principais ostentan alegorías, escudos e ornamentos en xeral. Capelas laterais e retablos A capela do lado do evanxeo, anteriormente dedicada ao Santísimo, está presidida por unha talla da Inmaculada Concepción obra de Pedro de Ávila, antes situada na capela da epístola, a cal lle rende culto ao pobre Lázaro. No extremo esquerdo do transepto destaca un retablo neogótico sen policromar dun corpo e tres rúas presidido por unha imaxe de Francisco de Asís (anteriormente presidíao Lázaro), á esquerda unha estatua de Lois IX de Francia e á dereita unha escultura de Rosa de Viterbo, mentres que no banco están as tallas de Brais de Sebaste, Clara de Asís e Bieito de Nursia. Este retablo presenta as tres imaxes superiores baixo doseles compostos por tres arcos oxivais e apoiadas á súa vez en tres doseis formados por tres arcos trilobulados, estando todo o conxunto coroado por chapiteles ricamente ornamentados. Respecto á nave, no lado do evanxeo sitúase un retablo con forma de arco oxival e imaxes en relevo da Virxe do Carme e Francisco de Asís asistindo as ánimas do Purgatorio, e no muro da epístola hai un arco apuntado baixo o cal se custodia un calvario no que as imaxes Virxe María e o apóstolo Xoán, a diferenza da de Cristo, son de vestir, se ben todas elas se caracterizan por ser de vulto redondo.
Imaxinaría e vidreiras Hai outras imaxes, como unha talla de Xosé de Nazaret á esquerda do retablo de Francisco de Asís e unha imaxe do beato Sebastián de Aparicio á dereita do mesmo. A estatua, que aparece cunha pedra na man dereita e unha cruz na esquerda, ten no pedestal a seguinte inscrición: . No extremo dereito do transepto hai imaxes de Antonio de Padua, o Sagrado Corazón e Rita de Casia.
No templo hai 34 vidreiras, 31 delas da Casa Maumejean, instaladas polo arquitecto Daniel Vázquez-Gulías a comezos do século XX, a maior parte delas con temas relixiosos. As tres restantes, con motivos xeométricos, foron realizadas a principios da década de 1990 pola Unión de Artistas Vidrieros (Vitroluz, S.L.), como reflicte unha inscrición nunha delas: «. Orixinalmente a luz entraba a través das vidreiras polo leste, mais no traslado mudouse a orientación e agora entra polo noroeste. Sepulcros dereita|miniatura|Sepulcro de Juan de Novoa. No templo hai catro sepulcros do século XVI, de estilo plateresco e renacentista: os de Gonzalo de Puga e a súa muller Teresa de Novoa, o de Juan de Novoa e o da súa neta Elvira de Novoa.
As dúas primeiras están datadas en 1512. A estatua de Gonzalo loce helmo e armadura, coas mans apoiadas no peito en actitude orante e un anxo a carón del cun libro de oracións, estando o conxunto custodiado baixo un arco decorado con motivos vexetais. A heráldica amosa o vínculo entre Gonzalo de Puga e a casa de Vilamarín. A estatua de Teresa de Novoa ten tamén as mans no peito en actitude de oración, cunha vestimenta ampla e, aos pés, dous pequenos cans xogando, co conxunto baixo un arco no que se representa a alma do defunto levada ante a presenza de Deus por un anxo.
Os sepulcros de Juan de Novoa e a súa neta Elvira de Novoa, malia a diferenza temporal entre ambas as mortes, son os dous de finais do primeiro terzo do século XVI. A efixie de Juan de Novoa porta atavío de batalla mentres que Elvira de Novoa loce un manto, coas mans xuntas e en actitude de oración. As tumbas respectivas están ornamentadas cun anxo e un paxe, limitándose a heráldica a un único escudo en cada sepulcro, e as dúas tumbas teñen senllos anxos no arco rebaixado do arcosolio a maneira de festón.
Na capela maior hai dous ocos sepulcrais góticos dos que non se conserva sepultura, se ben un deles formaba parte do monumento funerario de Pedro Díaz de Cadórniga.
Galería de imaxes
Notas
Véase tamén
Outros artigos
Lista de monumentos da provincia de Ourense
Categoría:Igrexas da provincia de Ourense Categoría:Bens de Interese Cultural da provincia de Ourense Categoría:Ourense