O rock progresivo galego (tamén coñecido como prog galego) é unha etiqueta utilizada para describir o rock progresivo e a música experimental relacionada creada na Galiza, feita por bandas ou artistas galegos ou enraizada na cultura e as tradicións musicais galegas, mentres dialoga co movemento internacional do rock progresivo.

Historia Orixes e a década de 1970 As orixes da escena remóntanse a finais da década de 1960, da transición de grupos de beat e pop-rock cara a sons máis complexos e experimentais na década de 1970. As primeiras raíces pódense atopar en grupos influenciados polo beat como Generación 49, cuxo contorno musical axudou a dirixir a experimentación cara a camiños progresivos. Deste contexto xurdiu N.H.U., xeralmente considerada a primeira banda galega de rock progresivo sinfónico, un grupo que máis tarde gañaría recoñecemento entre coleccionistas e críticos internacionais.

Durante a mesma década, os músicos comezaron a combinar as estruturas do rock progresivo con elementos da música folk galega, a poesía e instrumentos tradicionais como a gaita. Esta fase inicial tivo unha forte inclinación cara ao folk progresivo ou folk-prog, anticipando clasificacións utilizadas posteriormente por arquivos musicais como Progarchives. Artistas como Bibiano, Emilio Cao, Pilocha, Taranis, Brath, Xorima, Brétema Alecrín axudaron a definir esta primeira onda, mesturando texturas acústicas, arranxos progresivos e temas culturais galegos. O ambiente musical máis amplo tamén produciu influentes conxuntos de folk como Doa e Milladoiro, cuxo traballo intersecciona co espectro do folk progresivo. Outras gravacións notábeis deste período son o traballo de Outeiro, cuxo álbum representa un exemplo temperán de fusión jazz-rock en Galiza, cun estilo comparable ao da Mahavishnu Orchestra ou Return to forever. Tamén as gravacións dos coruñeses Agra, a banda de César Morán e irmáns, de 1978 e 1979, contribucións tamén ao jazz progresivo desa altura. E outro grande tesouro perdido tamén de jazz rock progresivo e sinfónico é Trenvigo, a banda que Bibiano mantén activa entre 1980 e 1982, despois de Druida, con Teo Cardalda, Pablo Novoa, posteriormente en Golpes Bajos, e Javier Martínez, existe unha gravación de Trenvigo de oito temas dun posible albun conceptual que se ia denominar Illa. Neste mesmo período histórico pode situarse Goma 2, mais próximo ao pop-rock, con certos elementos experimentais e que anticipan en parte o rock Bravú.

Transición e década de 1990 Como aconteceu no resto do mundo do rock progresivo, os anos 90 representaron un hiato relativo con menos bandas activas no xénero. Porén, algúns proxectos mantiveron vivo o espírito progresivo. Kozmic Muffin, o grupo do músico Pedro Granell posterior a Los Eskizos, permaneceu activo durante este período, formación da que xorde Triceratops, trío con dous ex membros de Kozmic Muffin, e que continuaron explorando unha liña próxima ao acid rock californiano e tamén progresivo experimental. Pola súa banda, grupos como Os Papaqueixos reflectiron un momento de transición onde o legado do folk-prog comezou a mesturarse con outros estilos, incluíndo o punk, o ska, o rock Bravú e influencias alternativas eclécticas.

Século XXI: Diversificación estilística A partir da década de 2000, unha nova xeración de bandas ampliou significativamente a gama estilística do prog galego máis alá da súa orientación inicial de Folk Prog. Algúns artistas continuaron integrando elementos tradicionais no rock progresivo moderno; Moura, por exemplo, combina estruturas de psicodelia pesada e rock progresivo con elementos recoñecibles da música tradicional galega, sendo un exemplo emblemático da etiqueta.

Outras bandas desenvolven estilos máis próximos ao rock progresivo clásico e ao blues-prog, incluíndo a Cochè Vil Band, Blue Merrow, Magical Colors, Os John Deeres e Trac, cuxa música combina bases de rock sólidas con composicións progresivas e elementos de improvisación. Tamén xurdiu unha rama de rock sinfónico e art-rock máis ecléctica, como Codapunto, que incorpora rock progresivo melódico con texturas de jazz e sinfónicas que lembran a bandas como Yes. Nun espírito exploratorio similar, Espiño, proxecto de Alfonso Espiño, e anteriormente a banda Mega Purple Sex Toy Kit, sitúanse nunha vertente máis british, pop-barroca e psicodélica, mentres que Ghesgha explorou brevemente o territorio de vangarda influenciado polas tradicións do Zeuhl e o Rock in Opposition.

A estética máis experimental e escura aparece en proxectos como Otro juego de té, Es un árbol, In Nomine e Sigilu, reflectindo o lado sombrio, disonante e "crimsoniano" do rock progresivo. Neste mesmo ámbito poden situarse tamén bandas como Cró!, Unicornibot ou Guerrera, que, xunto a Es un árbol, forman parte do colectivo Metamovida, aínda activo, e que agrupa bandas de Vigo e Pontevedra vinculadas ao rock experimental.

Recoñecemento internacional e outras correntes A escena tamén produciu representantes recoñecidos internacionalmente en subxéneros específicos. Amoeba Split , asociados coa Canterbury Scene, e Demo Rumudo no eido do jazz-rock fusión, gañaron atención internacional en bases de datos especializadas como Progarchives.

Neste mesmo ámbito poden situarse tamén proxectos como Fuzzo e Juzz , ambos ligados ao guitarrista Virxilio da Silva, que desenvolven unha liña próxima ao jazz-rock, á fusión e á estética da Canterbury Scene, na liña da banda inglesa Soft Machine, seminal deste subxénero progresivo.

A experimentación progresiva en Galicia expandiuse tamén a outras áreas. Artistas como Biosbardos, Bios, Koroiev e Javier Miranda exploran formas de música electrónica progresiva, mentres que outros proxectos como Noise Project desenvolveron unha aproximación máis próxima ao avant-rock, ao noise e á experimentación sonora. A composición progresiva tamén apareceu noutros formatos, incluíndo as obras operísticas con influencia de metal progresivo de José Carballido.

Estado actual A etiqueta prog galego comezou a ser utilizada por oíntes, investigadores e proxectos independentes que documentan o desenvolvemento da música progresiva na Galiza. A escena ilustra unha traxectoria que comezou coa experimentación progresiva enraizada no folk nos anos 70, pasou por períodos de transición e menor actividade, e finalmente desenvolveuse nunha diversidade contemporánea que abrangue o prog baseado no rock clásico, a experimentación crimsoniana, a psicodelia, o avant-rock e a electrónica progresiva, mantendo a miúdo unha forte conexión coa identidade cultural galega.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Rock en Galicia Música tradicional galega Rock progresivo

Ligazóns externas Prog Galego - Blogue especializado na documentación da música progresiva na Galiza, de Vicente López-Veiga Brea. Progarchives - Base de datos internacional de rock progresivo.

Categoría:Rock de Galicia Categoría:Rock progresivo Categoría:Música de Galicia Categoría:Música en lingua galega