A museoloxía ou ciencia museística é o estudo dos museos. Explora a historia destas institucións, a súa función na sociedade e as actividades que realizan, entre as que se atopan a conservación, a programación de actividades para o público ou a educación.

Terminoloxía A disciplina que estuda os museos recibe diferentes nomes segundo a lingua e a xeografía. Por exemplo, o termo "museoloxía" é predominante en países europeos como Francia (muséologie), España (museología), Italia (museologia), Portugal (museologia) ou, incluso, Alemaña (Museologie); porén, aínda está a gañar tracción nos países anglófonos (museology), onde prevalece a expresión museum studies para referirse ó mesmo campo de estudo. Ó falar das operacións cotiás dos museos, son comúns en Europa palabras derivadas do grego museographia (muséographie, en francés; museografía, en galego etc.), namentres en inglés adoitan empregarse museum practice ou operational museology.

Historia O desenvolvemento da museoloxía en Europa coincide coa aparición dos primeiros coleccionistas e gabinetes de curiosidades ó longo dos séculos XVI, XVII e XVIII. En concreto, durante a época da Ilustración, antropólogos, naturalistas e coleccionistas afeccionados fomentaron o crecemento dos museos públicos e as exposicións de historia natural e obxectos e arte etnográficos en América do Norte e Europa. Durante os séculos XVIII e XIX, a colonización realizada polas potencias europeas sucedeu en consonancia co desenvolvemento da historia natural e mais da etnografía, así como coa creación de edificios privados e institucionais para acoller coleccións. Así, en moitos casos, os museos convertéronse en lugares para conservar coleccións adquiridas polas conquistas coloniais, situando ós museos nunha posición central dentro dos proxectos coloniais europeos.

Durante o século XIX, a museoloxía europea centrouse en presentar os museos como institucións para educar e civilizar ó gran público. Os museos adoitaban servir ós intereses nacionais, e o seu principal propósito era celebrar o estado, o país ou a potencia colonial. As grandes exposicións universais, de carácter temporal, como a Grande Exposición de 1851 en Londres ou Exposición Mundial Colombina de 1893 en Chicago, serviron como escaparates para as diferentes axendas nacionalistas; así, tanto o Reino Unido coma os Estados Unidos procuraron presentarse como líderes da ciencia e a industria. Nalgúns casos, as exposicións sentaron as bases dos museos. Por exemplo, o Field Museum de Chicago creouse como resultado da Exposición Colombina.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Museos Categoría:Ciencias sociais