Alexandra Cabana Outeiro, nada en Cangas de Morrazo o 14 de abril de 1975, é unha historiadora galega.

Traxectoria

Aínda que nada en Cangas de Morrazo en 1975, é luguesa de crianza e residencia. É Catedrática de Ensino Secundario, profesora de Xeografía, Historia e Arte no IES da Terra Chá (Castro de Ribeiras de Lea).

Licenciouse en Historia na Universidade de Santiago de Compostela, na que tamén se doutorou en 2003 cunha tese de doutoramento Santiago de Compostela do século XIV ó XV: O Tombo H da Catedral de Santiago, edición e estudio histórico, que foi premiada co Ferro Couselo de Investigación en 2001.

É especialista en paleografía e documentación medieval. Formou parte do equipo do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega do 2003 ó 2006, e da Comisión Técnica de Gallaeciae Monumenta Historica desde o 2019, na que elaborou a compilación Fontes editadas para a Historia Medieval de Galicia. Os últimos vinte e cinco anos (1986-2011). De 2003 ó 2006 foi formante, como paleógrafa, do equipo de investigadores do proxecto Xelmírez (Corpus Romance da Galicia Medieval) do Instituto da Lingua Galega.

Foi vicepresidenta da Asociación Galega de Historiadores e fundadora e coordinadora de Murguía. Revista Galega de Historia, na que ten publicado varios artigos sobre patrimonio e lingua galega na Idade Media. Ten colaborado na creación de exposicións, elaboración de guías e rutas, destacando a súa Guía da Provincia de Lugo en coautoría con Darío Xohán Cabana ou a exposición e publicación 250 anos das Feiras do San Froilán con DeHistoria, Caixavigo, Concellos de Santiago, de Monterroso e de Lugo.

Ten colaborado en Eduga: revista galega do ensino, Murguía: revista galega de historia, Cuadernos de estudios gallegos, Boletín do Museo Provincial de Lugo con artigos como “Sobre a invención de santa Froila”, “O tombo H da catedral de Santiago: noticia dun libro-rexistro medieval”, “Xoias e Cores: léxico galego baixo medieval no Tombo H da Catedral de Santiago” (con Maite Veiga Díaz) ou “A casa gótica de Ludeiro. Notas históricas, descrición e colección documental dun pequeno pazo do século XV non catalogado”.

Vida persoal É filla de Darío Xohán Cabana.

Obras

Guía da provincia de Lugo: Historia, Patrimonio, Gastronomía (1998). Caixavigo. Monterroso na Ulloa (2001). Arts&Press. ISBN 978-84-606-3078-4. Con Darío Xohán Cabana. O Tombo H da Catedral de Santiago. Documentos anteriores a 1397 (2003). Concello de Valga. ISBN 978-84-606-4513-9.

Fontes editadas para a historia medieval de Galicia. Os últimos vinte e cinco anos (1986-2011) (2014). Gallaeciae Monumenta Historica, Consello da Cultura Galega. O Castelo da Lúa - Rianxo. Construción e propiedade ao longo dos tempos (2023). Ed. de autor. ISBN 978-84-09-50455-8. Con Héitor Picallo.

Obra colectiva

Homenaje a José García Oro / coord. por Miguel Romaní Martínez, María Angeles Novoa Gómez (2002). ISBN 84-8121-979-7. páxs. 49-64: «O tombo H de catedral de Santiago» 250 anos das feiras do San Froilán (2004). Concello de Lugo. ISBN 978-84-930760-3-0. 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino (2023). Sermos Galiza. ISBN 978-84-09-54926-9.

Notas

Categoría:Nados en 1975 Categoría:Historiadores de Galicia Categoría:Medievalistas Categoría:Profesores de educación secundaria Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Nados en Cangas de Morrazo