Victória Deborah Lark Guerra, nada en São Clemente (Loulé, Faro) o 16 de abril de 1989, é unha actriz e modelo portuguesa.
Traxectoria Debutou como actriz en Morangos com Açúcar cun personaxe cómico e destacado na serie. En 2007 participou na telenovela Fascínios e en 2009 en Flor do Mar, co personaxe de "Olívia". Formou parte do elenco de Mar de Paixão, onde interpretou a "Elsa".
En 2011, protagonizou Catarina e os Outros, de André Badalo, e participou na curtametraxe Yakun, do mesmo director. En 2012 participou na película/miniserie As Linhas de Wellington no papel de "Clarissa", ademais de formar parte dos elencos da telefilme O Outro Lado da Mentira, de TVI, e da longametraxe Videovigilância, da RTP1.
Participou na telenovela Dancin' Days, cuxas gravacións comezaron en 2012, no papel de "Vera", unha moza que se volve adicta ás drogas, na canle SIC . Para a mesma canle, protagonizou a telenovela de 2013 Sol de Inverno, no papel de Matilde Bívar. Ese mesmo ano asinou un contrato de exclusividade coa canle. Apareceu na portada do número de novembro de 2012 da revista GQ e gañou o premio "Revelación do ano" na XVIII Gala dos Globos de Ouro o 19 de maio de 2013.
En 2014, participou na película Casanova Variations, de Michael Sturminger, dando vida a "Sophie". Tamén foi xuíza no concurso Elite Model Look. En 2015 filmou Cosmos, de Andrzej Zulawski, e Impossible Love, de António-Pedro Vasconcelos. En 2016 filmou Refrigerantes e Canções de Amor, de Luís Galvão Teles, e À Jamais, de Benoît Jacquot. Tamén ese ano volveu á televisión cun papel na telenovela Amor Maior.
Entre 2020 e 2021 interpretou a Teresa Duarte, unha das personaxes principais na coprodución galego-portuguesa Auga seca, e en 2022 participou no filme O corpo aberto, tamén en Galicia, traballo que lle valeu un nomeamento como mellor actriz protagonista na 21ª edición dos Premios Mestre Mateo.
En 2024 protagonizou a telenovela da SIC, A Promessa, onde interpretou á enfermeira Laura Rocha.
Notas
Categoría:Nados en 1989 Categoría:Nados no distrito de Faro Categoría:Actores de cinema de Portugal Categoría:Actores de televisión de Portugal