Rogelio Fernández Conde, nado na Coruña no século XIX e finado na mesma cidade o 9 de agosto de 1957, foi un comerciante e empresario galego, que ocupou numerosos cargos en diferentes entidades da Coruña. Foi vicepresidente na primeira xunta directiva do Deportivo da Coruña e presidente do club entre 1914 e 1918, concelleiro republicano da Coruña, presidente da Cámara de Comercio, presidente do Porto da Coruña e presidente da Fábrica de Gas y Electricidad, entre outros cargos.

Traxectoria Foi asiduo da Sala Calvet e alumno do mestre Federico Fernández-Amor Calvet e en 1906 foi un dos 19 fundadores do Club Náutico da Sala Calvet. En xaneiro de 1907 participou na fundación do Deportivo da Coruña, sendo elixido vicepresidente na primeira xunta directiva da historia do club, baixo a presidencia de Luís Cornide. Continuou como directivo durante os seguintes anos, ao tempo que participaba nas directivas doutras entidades coruñesas, como a Liga de Amigos, da que tamén foi presidente.

En 1914 foi elixido presidente do Deportivo, ocupando o cargo durante catro anos. A súa presidencia estivo marcada pola prohibición da súa xunta directiva aos xogadores de enfrontarse ao seu máximo rival, o Real Club Coruña, o que levou a unha escisión dos futbolistas, que se instituíron como Deportivo Auténtico. Así, o Deportivo non xogou ningún encontro durante os seguintes catro anos, ata que se chegou a un acordo para que o equipo "rebelde" se reintegrase no club matriz, con Virgilio Rodríguez como novo presidente.

De ideoloxía republicana, ocupou un cargo de concelleiro na Coruña ata a súa dimisión en 1913, pero volveu ao cargo en 1914. Foi secretario da Cooperativa Eléctrica Coruñesa, presidente da Asociación Patronal, conselleiro de El Noroeste, consignatario na Coruña da navieira Hugo Stinnes, presidente da Cámara de Comercio, presidente da Fábrica de Gas y Electricidad e conselleiro da empresa sucesora desta, Fenosa.

Vida persoal Casou con Justa Ferreiro Rodríguez, coa que foi pai de Rogelio, Elena e Julio.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados no século XIX Categoría:Finados en 1957 Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Presidentes do Deportivo da Coruña