O Museo de América é un museo nacional español con sede en Madrid, no número 6 da avenida dos Reis Católicos, na Cidade Universitaria. Foi creado mediante decreto o 19 de abril de 1941 como un deslinde das coleccións de arqueoloxía, arte e etnografía americanas que até ese momento pertencían ao Museo Arqueolóxico Nacional.
Posúe máis de 25 000 obras, que abranguen cronoloxicamente dende o Paleolítico até a actualidade e cobren a totalidade do continente. Colecciona todo tipo de pezas arqueolóxicas, artísticas e etnográficas, salvo as de numismática, que se conservan esencialmente no Museo Arqueolóxico Nacional, e as de arte moderna, no Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía. Accesoriamente, ten así mesmo unha pequena colección de historia natural e unha xiloteca. A maior parte dos obxectos proceden ou están relacionados co Novo Mundo, aínda que tamén conta cunha importante colección de Oceanía e Filipinas, ademais dun reducido número de pezas orixinarias de África, e mesmo de lugares sen relación algunha coas exploracións e conquistas ultramarinas españolas, como un grupo de preto de cen obxectos saamis.
O museo é de titularidade estatal e de xestión directa do ministerio con competencias en cultura (actualmente, o Ministerio de Cultura). Organicamente depende da Subdirección Xeral de Museos Estatais da Dirección Xeral de Belas Artes.
Notas
Categoría:Museos de Madrid