Táutalo ou Tántalo foi un caudillo dos lusitanos. Sucedeu ao asasinado Viriato ao final das guerras lusitanas e puxo final a estas coa rendición do seu exército.
Nome O nome Tautalus, tal e como Apiano o recolle, provén da raíz celta e xermánica teu, relacionada co termo "xente" ou "pobo". Porén, a forma exacta do seu nome é motivo de controversia. Hai dúbidas sobre se Apiano quería dicir Tautalus ou Tantalus, como no nome grego antigo Tántalo. Da mesma maneira, Diodoro transmite o nome como Tautamus ou Tantamus. Cómpre salientar que Silio Itálico nomea como Teutalus a un dos xinetes galos de Haníbal na batalla do Tesino.Silio Itálico, Púnica, IV
Traxectoria Táutalo non é mencionado por ningunha fonte até despois da morte de Viriato a mans de Audax, Minuro e Ditalco, tras o que se di que o exército o elixiu como sucesor. Porén, Táutalo carecía da capacidade de estratexia e liderado, e a única acción militar baixo o seu mando foi unha expedición contra a cidade de Sagunto, na provincia romana de Hispania Citerior. Os lusitanos tentaron cercar a cidade, pero foron rexeitados polos defensores, e a continuación descenderon polo val do Guadalquivir en dirección a Hispania Ulterior. Alí esperábaos Quinto Servilio Cepión ao mando do exército proconsular romano, o cal os obrigou a renderse de maneira definitiva. Recoñécese neste punto que Táutalo podería ser, se non un bo líder, si un bo diplomático, xa que Cepión acordou concederlles terras fértiles para asentarse en troques de abandonar as armas.
O período de mandato de Táutalo está asociado nas fontes á fundación dunha cidade chamada Valentia, esta por parte do sucesor de Cepión, Décimo Xunio Bruto Galaico. As palabras de Tito Livio refiren que Bruto estabeleceu nela aos veteranos da guerra lusitana, os cales se interpretaron tradicionalmente como Táutalo e os seus compatriotas, aínda que na actualidade as fontes cren que alude aos propios soldados romanos que combateran na guerra. A interpretación tradicional especulou que Valentia podería referirse a Valença do Minho en Portugal ou Valencia de Alcántara en Estremadura, localizadas en antigo territorio lusitano, pero o nomeamento tardío destas cidades (ao redor do século XIII) inclinou a balanza a favor da Valencia romana da costa mediterránea.
En todo caso, co antigo exército de Viriato fóra da ecuación, Bruto continuou o seu avance e conquistou as terras natais dos lusitanos, os brácaros e os galaicos, onde proliferaran bandas de merodeadores a imitación de Viriato.Tres anos despois das súas vitorias, Numancia foi destruída na guerra numantina e terminaron con ela os redutos meridionais da resistencia contra Roma.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Guerras lusitanas
Categoría:Lusitanos Categoría:Finados no século -II Categoría:Nados no século -II