Francisco Javier Fariña Alonso, nado na Coruña a finais do século XIX, foi un tirador de esgrima e futbolista galego.
Traxectoria Foi un dos dous fillos de Eduarda Alonso Rdoríguez e do coñecido médico Fracisco Javier Fariña Pérez, quen foi concelleiro, así como fundador e presidente da Liga de Amigos da Coruña. As accións filántropas de seu pai, entre elas a creación de dúas Casas de Socorro na Coruña que financiou persoalmente, levaron a familia á ruína económica, e trala morte deste en 1913, o doutor Aurelio Gutiérrez iniciou unha colecta pública para mellorar a situación da familia, colaborando na iniciativa numerosas persoas e institucións, como o célebre Médico Rodríguez ou o Club Coruñés da Habana.
Alumno de Federico Fernández-Amor na Sala Calvet, destacou na esgrima xunto ao seu compañeiro Ramón Moscoso, proclamándose campión de Galicia na modalidade de florete en 1906. Ao ano seguinte participou con éxito nun torneo nacional en Madrid. Xogou tamén ao fútbol como centrocampista, militando en 1907 no Deportivo da Coruña e posteriormente no Club Británico, que axudou a fundar en 1908.
Máis tarde marchou a Madrid, onde dirixiu unha sala de esgrima no seo do Centro Galego. Na capital española dirixiu a revista Orientaciones, na que colaboraron Manuel Abril, Bergamín, Gustavo Durán, Óscar Esplá, Benjamín Jarnés, Antonio Marichalar e Edgar Neville.
Notas
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados no século XIX Categoría:Esgrimistas de Galicia Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña