A garza branca pequena (Egretta garzetta) é unha garza (ave da familia Ardeidae ou Ardeidos) de pequeno tamaño.

Descrición A garza branca pequena adulta mide de 55 a 65 cm de lonxitude e ten unha envergadura de ás de 88 a 106 cm. Pesa entre 350 e 550 gramos. A plumaxe é completamente branca. As patas, moi longas, son negras e os pés e o bico amarelos. Ten unha marca sen plumas entre o bico e os ollos de cor verde agrisado. Na época de cría ós adultos médranlles dúas plumas longas na caluga e outras, moi vaporosas, no peito e no lombo; a mancha sen plumas que teñen entre o peteiro e os ollos faise vermella ou azul.

Os exemplares inmaturos son semellantes ós adultos que non están en época de cría, pero teñen as patas e os pés máis mouros.

Son silenciosas, pero fan diversos sons cando están nas colonias de cría e un berro de alarma áspero cando son molestadas.

Distribución A área orixinal de cría comprende zonas húmidas en áreas temperadas de Europa, Asia, África e Australia.

En Europa estaba restrinxida á zona sur ata os anos 1950, momento no que empezou a ser máis común no oeste de Francia e despois na súa costa norte. En 1979 criou nos Países Baixos, feito que se repetiu nos anos 90. En Gran Bretaña, onde era unha especie esporádica, cría desde 1996 en Inglaterra e dende o 2002 en Gales. En 1997 detectáronse os seus niños por primeira vez en Irlanda.

En América foi detectada en 1954 en Barbados, onde empezou a criar en 1994. Aparecen cada vez con máis regularidade no continente, dende Brasil e Suriname no sur a Newfoundland e Quebec no norte.

Nas áreas máis cálidas da súa distribución son aves sedentarias; as poboacións do norte emigran á África ou ó sur de Asia, dependendo da zona de orixe. Despois da estación de cría poden facer desprazamentos cara ao norte, o que probablemente favoreceu a súa recente expansión.

Subespecies Divídese, polo menos, en dúas subespecies identificadas: E. g. garzetta, a forma tipo, de Europa, África e Asia. E. g. nigripes, de Indonesia e Australasia. Esta subespecie ten a mancha sen plumas da cara amarela e os pés máis negros. Os exemplares australianos son ás veces considerados outra subespecie: E. g. immaculata.

Outras garzas, consideradas antes subespecies da garza branca pequena, son agora clasificadas como especies separadas: Egretta gularis, que vive nas costas do oeste de África (subespecie E. gularis gularis) e dende zona do mar Vermello ata a India (subespecie E. g. schistacea). Egretta (garzetta/gularis) dimorpha do leste de África, Madagascar, nas illas Comores e nas illas Aldabra.

Reprodución thumb|Egretta garzetta esquerda|miniatura|180px|Adulto coa plumaxe de verán esquerda|miniatura|180px|Garza branca pequena en Oleiros esquerda|miniatura|180px|Vídeo de Egretta garzetta na ría do Burgo.

Crían en colonias, a miúdo mesturadas con outras especies, en xeral en plataformas feitas de paus nas árbores ou arbustos ou entre canavais ou zonas de bambú. Nalgunhas áreas, coma Cabo Verde, fan os niños en acantilados. As parellas defenden un territorio de cría pequeno, duns 3 ou 4 metros ó redor do niño. Poñen de 3 a 5 ovos que chocan os dous adultos. Os ovos son ovais e de cor verde azulada. Os polos rompen a casca despois de entre 21 e 25 días de incubación. Son brancos cando nacen e poden voar cando cumpren entre 40 e 45 días de vida.

Alimentación As garzas brancas pequenas cazan en augas pouco fondas, moitas veces camiñando coas ás abertas ou arrastrando os pés. Outras veces fican sen moverse e cazan á espreita. Comen gran variedade de animais pequenos, coma peixes, anfibios, crustáceos e insectos.

Status Foron moi buscadas noutro tempo, coma outras garzas, polas súas plumas. A situación foi particularmente extrema no século XIX, cando mesmo se criaron en granxas para poder arrincarlle-las plumas sen ter que matalas. A fin da moda dos sombreiros con plumas e as leis de conservación permitiron a recuperación da especie.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Mark Cocker & Richard Mabey (2005) Birds Britannica, Chatto & Windus, Londres D. W. Snow & C. M. Perrins (1998) Birds of the Western Palearctic: Concise Edition, Vol. 1, Oxford University Press

Categoría:Ardeidos Categoría:Animais descritos en 1766 Categoría:Aves de Eurasia