Nostalxia é un sentimento de tristeza, saudade ou desexo asociado ao afastamento da patria, á lembranza dun tempo pasado ou á memoria de algo querido que se perdeu ou do que se está lonxe. Pode referirse á terra de orixe, á infancia, á mocidade, a persoas ausentes, a lugares, músicas, obxectos, costumes ou experiencias persoais. Adoita describirse como unha emoción ambivalente ou agridoce, pois pode combinar a dor pola perda ou a distancia co pracer afectivo da lembranza.
A nostalxia foi entendida historicamente como unha doenza vencellada á morriña da terra, mais na psicoloxía contemporánea, definiuse como unha emoción ambivalente, máis positiva ca negativa, ligada á memoria persoal, á conexión social, á continuidade do eu e ao sentido da vida.
Terminoloxía A palabra nostalxia procede do latín científico nostalgia, formado a partir dos elementos gregos νόστος [nóstos], ('regreso', 'volta á casa') e αλγία [algos] ('dor', 'pena'). O termo foi acuñado en 1688 polo médico suízo Johannes Hofer, na súa disertación Dissertatio Medica de Nostalgia, oder Heimweh, para designar unha condición relacionada co afastamento da casa ou da patria.
En galego, o DRAG define a nostalxia como un sentimento de tristeza producido polo afastamento da patria, pola lembranza dun tempo pasado ou pola memoria de algo querido que se perdeu ou do que se está lonxe. O termo está próximo a voces como melancolía, morriña, saudade, señardade e soidade, sen coincidir plenamente con elas.
Historia do concepto Nos séculos XVII e XVIII a nostalxia foi interpretada a miúdo como unha condición médica próxima ao Heimweh, termo alemán que designa a morriña ou dor pola casa. Asociouse con persoas afastadas do seu lugar de orixe, como soldados ou comerciantes suízos no estranxeiro, estudantes, criados domésticos e outros grupos desprazados. Nalgunhas descricións médicas da época atribuíronselle síntomas físicos e psíquicos, como tristeza, debilidade, insomnio, perda de apetito ou febre.
Co paso do tempo, o significado da palabra mudou. A nostalxia deixou de ser entendida principalmente como unha doenza e pasou a ser considerada unha emoción, un motivo literario e artístico e unha forma de relación coa memoria, coa identidade e co pasado.miniatura|Unha pequena oficina con tecnoloxía anterior á popularización dos PC. A algunha xente que estaba afeita a oficinas sen ordenadores, a miúdo prodúcelles nostalxia. Psicoloxía Na psicoloxía contemporánea, a nostalxia adoita describirse como unha emoción complexa, polo xeral positiva, mais acompañada de elementos de tristura ou perda. As lembranzas nostálxicas adoitan ser autorreferenciais e sociais, pois con frecuencia inclúen escenas da propia vida nas que aparecen familiares, amizades, parellas ou comunidades significativas.
Diversos estudos relacionaron a nostalxia con funcións psicolóxicas como a mellora do estado de ánimo, o reforzo da autoestima, a conexión social, a continuidade do tempo entre o pasado e o presente e o sentido da vida. Tamén se estudou a súa relación cos sistemas cerebrais da memoria e da recompensa.
A nostalxia non implica necesariamente unha lembranza exacta do pasado. Como outras formas de memoria autobiográfica, pode seleccionar, reconstruír ou idealizar experiencias anteriores. Porén, isto non significa que sexa simplemente unha ilusión ou un erro da memoria. Pode cumprir funcións emocionais, sociais e narrativas, ao axudar as persoas a organizar a súa historia vital e a dar sentido á relación entre o pasado e o presente.alt=Children wearing rainbow party hats sitting at a rainbow table|miniatura|Para algunhas persoas, as fotos coloridas, como esta festa de aniversario en 2004, adoitan ser máis nostálxicas que as fotos en branco e negro. Cultura A nostalxia foi un tema recorrente na literatura, na arte, na música, no cinema, na filosofía e nos estudos culturais. Pode aparecer como desexo da terra ausente, lembranza da infancia, evocación dun amor perdido, memoria dunha comunidade desaparecida ou procura dun tempo considerado máis pleno.
A investigadora Svetlana Boym distinguiu entre nostalxia restauradora e nostalxia reflexiva. A primeira tende a procurar a reconstrución dun fogar, dunha orixe ou dunha tradición idealizada. A segunda detense na distancia, na ambivalencia da perda e na imposibilidade de volver plenamente ao pasado.
Na cultura contemporánea, a nostalxia tamén aparece no consumo de obxectos, modas, videoxogos, músicas, series de televisión, fotografías antigas e tecnoloxías consideradas retro. Nestes casos pode funcionar como forma de memoria persoal ou xeracional, mais tamén como recurso estético e comercial.
Notas
Véxase tamén Outros artigos
Emoción Memoria Morriña Saudade Sentimentalismo Soidade
Categoría:Pasado Categoría:Emocións