O arquipélago de Estocolmo (en sueco: Stockholms skärgård) é o maior arquipélago de Suecia e un dos maiores do mar Báltico.
O arquipélago esténdese desde as costas da cidade de Estocolmo cara ao mar aberto. Comprende máis de 30 000 illas, illotes e escolleiras, entre as costas históricas de Uppland e Södermanland, desde a zona de Arholma ao norte ata Landsort, na illa de Öja, ao sur. Está separado de Åland polo estreito de Kvarken meridional.
No ano 1719 tiña unha poboación total estimada duns 2 800 habitantes. Inicialmente poboado por pescadores, na actualidade transformouse nun lugar de veraneo para a poboación de Estocolmo e para turistas. A poboación permanente concéntrase nas illas de Vaxholm, Värmdö e noutras illas grandes similares. Moitos dos seus habitantes viven alí de maneira permanente e traballan na cidade. Estímase que hai unhas 50 000 casas de verán repartidas pola zona.
O transporte público co resto da rexión realízase principalmente por barco, a través da compañía Waxholmsbolaget.
O arquipélago foi fonte de inspiración para moitos escritores, pintores e outros artistas, entre eles August Strindberg, Roland Svensson, Ernst Didring e Aleister Crowley.
Partes do arquipélago exterior, arredor da zona de Svenska Högarna e Nassa, están protexidas como sitio Ramsar desde o 12 de xuño de 1989.
Illas e lugares de interese
Aspö Blidö Dalarö Finnhamn Furusund Grinda Husarö Ingmarsö Ljusterö Möja Norrö Norröra Nåttarö Nämdö Ornö Rindö Rånö Sandhamn Stomnarö Stora Björn Svartsö Söderöra Utö Vaxholm Yxlan Yxlö Ålö Öja
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Lista de illas do mar Báltico
Ligazóns externas
Guía turística do arquipélago de Estocolmo
Categoría:Illas de Suecia Categoría:Sitios Ramsar en Suecia Categoría:Xeografía da provincia de Estocolmo