Philip Nicholas Outram Pullman, nado en Norwich o 19 de outubro de 1946, é un escritor inglés. A súa obra máis coñecida é a triloxía A materia escura. O primeiro volume, A aurora boreal (1995), gañou a medalla Carnegie. O terceiro tomo, O anteollo de ambar (2000), recibiu o premio Whitbread. En 2017 comezou unha nova triloxía vinculada ao mundo d'A materia escura, The Book of Dust, cuxa derradeira novela, The Rose Field, saíu do prelo en 2025.

Foi nomeado cabaleiro en 2019 polas súas achegas no eido da literatura; asemade, recibiu diversos doutorados honoris causa. Segundo Michael Morpurgo: "A amplitude e profundidade da súa imaxinación e coñecemento fan del o Tolkien da nosa época".

Traxectoria Philip Pullman naceu en Norwich en 1946. O seu avó foi párroco da Igrexa de Inglaterra, e inculcoulle a paixón por contar historias. O seu pai, Alfred Outram Pullman, piloto da Royal Air Force, faleceu ao estrelar o seu avión en Kenya en 1954, cando o escritor tiña sete anos; foille concedida a Cruz Insigne de Voo a título póstumo. Pullman dixo que, de neno, vía ao seu pai coma "un heroe de aire distinguido, asasinado en combate mentres defendía ao seu país". Porén, posteriormente afirmou que "dado o que sabemos agora sobre as accións británicas durante a rebelión de Mau Mau, é probable que o meu pai non saia moi ben parado segundo os estándares do pensamento liberal e progresista moderno", aceptando que esta nova información supuxo "un duro desafío para as miñas lembranzas da infancia".

A súa nai volveu casar un ano despois cun amigo do pai, tamén piloto de aviación, ao que Pullman lle tiña cariño. A familia trasladouse ao norte de Gales. A nai líalle os Contos de así foi de Rudyard Kipling, que terían grande influencia no autor: "Os ritmos de Kipling deberon de ficar na miña memoria". O seu libro favorito daquela época era Emil und die drei Zwillinge (en ) de Erich Kästner: "Non foi até moito despois que me decatei de por que esta obra deixou unha pegada tan fonda en min: tamén a nai de Emil enviuvara, e non quería que volvese casar". Así mesmo, descubri a banda deseñada a través de Batman ou Superman, e segue a desfrutar desta arte, citando As aventuras de Tintín de Hergé entre as súas influencias.

Contra 1956 trasladouse ao sur de Australia, xa que o seu padrasto foi destinado en Woomera; a familia permaneceu alí durante dezaoito meses. Pullman lémbrase do maior asolagamento da historia da rexión, que incorporou á trama do primeiro volume de The Book of Dust, La Belle Sauvage. Residiu durante un tempo no suburbio costeiro de Glenelg, na cidade de Adelaida.

Dende 1957 Pullman estudou en Ysgol Ardudwy, unha escola bilingüe de Harlech, no condado de Gwynnedd, ao tempo que pasaba tempadas co seu avó en Norfolk. Cando tiña 12 ou 13 anos escoitou uns estudantes máis vellos recitar o "Journey of the Magi" de T. S. Eliot, decatándose por vez primeira de que a poesía tería moita importancia na súa vida. Este xénero literario aprendeulle que as palabras "teñen peso e cor e sabor e forma do mesmo xeito que teñen significado". Uns anos despois descubriu o Paradise Lost de John Milton, unha das principais influencias n'A materia escura. Para Pullman, a poesía "ten o poder de provocar unha resposta física: o meu corazón batía acelerado, o meu cabelo poñíase de punta, a miña pel arrepiaba". Outros vates relevantes na súa obra son Homero, Virxilio e Dante. Aos dezaseis anos leu a antoloxía The New American Poetry 1945-1960 de Donald Allen, que "irrompeu na miña vida (...) e cambiou o curso de todo nela. O Howl de Allen Ginsberg formaba parte dela; non tiña nin idea de que a poesía podía facer algo como aquilo". A través de Ginsberg coñeceu a William Blake, do que afirmou: "A miña mente e mais o meu corpo reaccionaron a certas liñas de Songs of Innocence and of Experience, de The Marriage of Heaven and Hell (...) Sabía que eran certas do mesmo xeito que sabía que estaba vivo". Influenciado por Bob Dylan, escribiu poemas e cancións, que non chegaron nunca a gravarse.

En 1965 comezou os seus estudos no Exeter College de Oxford, graduándose en 1968. Segundo o autor, non lle foi ben nas clases de inglés, recibindo malas notas. Casou con Judith Speller en 1970, con quen tivo dous fillos. Arredor desa data comezou a ensinar na escola media Bishop Kirk de Summertown, no norte de Oxford, dedicándose tamén á creación de pezas teatrais. Adoitaba narrar os clásicos ao seu estudantado, en especial a Ilíada e mais a Odisea.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Escritores de literatura infantil de Inglaterra Categoría:Nados en Inglaterra Categoría:Nados en 1946 Categoría:Escritores en lingua inglesa