Musa ibn Fortún (en árabe: موسى بن فرتون), tamén coñecido como Musa ibn Fortún ibn Qasi, nado antes do 740 e finado en Zaragoza o 788 ou o 802, foi un dos líderes do clan Banu Qasi e gobernador de Arnedo, Zaragoza e Tarazona. Neto do conde Casio e fillo de Fortún, tivo entre os seus fillos ao coñecido e poderoso Musa ibn Musa.
Traxectoria Prestoulle apoio ao emir Hixam I contra o levantamento do iemení Said ibn al-Husayn no val do Ebro (especificamente na zona de Tortosa), a quen loitou e matou.
Probablemente axudou a Abd al-Rahman I a someter Zaragoza no 772, xa que pouco despois este último o nomeou gobernador de varias vilas do val do Ebro e ao seu fillo, Mutarrif, gobernador de Pamplona.
Tras varias vitorias, declarou a súa independencia do Emirato de Córdoba. Foi Musa ibn Fortun quen transformou os Banu Qasi, unha poderosa familia da conca media do Ebro, nos gobernantes da rexión.
As crónicas musulmás coinciden en que morreu nun levantamento, inda que difiren en canto ao ano e a se loitou xunto ou contra o emir. Algúns din que morreu en 788 loitando cos omeias contra Said ibn al-Husayn, como se rexistra na obra de Ibn Idari, Al-Bayan al-Mughrib. Na crónica de Ibn Hayyan, indícase que morreu na revolta de Bahlul Ibn Marzuq entre 797 e 798, inda que non está claro se apoiaba ao rebelde ou ao emir. Al-Udri, con todo, afirma que morreu cando este se rebelou contra o emir en 802.
Notas
Categoría:Banu Qasi Categoría:Finados en 788