María Luisa Navarro Margati, ou Margothi, nada en Sète en 1890 e finada en Bos Aires en 1947, foi unha pedagoga ligada á Institución Libre de Enseñanza, vogal do Padroado das Misiones Pedagógicas, e presidenta da Agrupación Feminina Republicana.

Traxectoria Naceu en Francia entre 1885 e 1890, onde a súa familia de orixe gaditana se exiliara. Estudou en Madrid na Asociación para la Enseñanza de la Mujer, institución pioneira na integración das mulleres na educación. Continuou os seus estudos na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio de Madrid en 1909. Foi alumna de Ortega y Gasset, Domingo Barnes ou Luis de Zulueta e compañeira de María de Maeztu, Gloria Giner, Juana Hontañón e Lorenzo Luzuriaga. Con este último casou e compartiu proxectos pedagóxicos, entre outros, a Revista de Pedagogía, publicación educativa durante a Segunda República Española.

O seu prestixio docente como profesora do Colegio Nacional de Sordomudos y Ciegos permitiulle viaxar cunha bolsa da JAE en dúas ocasións, 1908 e 1930. Navarro obtivo a condición de pensionada, é dicir outorgábanselle os permisos de saída pero non se lle daba apoio económico por contar con recursos propios para iso. Viaxou por Europa para coñecer os métodos pedagóxicos máis innovadores e publicou obras especializadas para a súa atención. Nunha das ocasións en que foi bolseira a estancia tan só durou cinco meses, xa que se produciu a declaración da guerra europea. Polo tanto, non puido traballar no Instituto de Psicoloxía Experimental e de Paidología, dirixido por Brahan, e no de Trüper en Jena para coñecer aspectos psicolóxicos e tratamentos educativos na infancia discapacitada quedaron rotos.

Colaborou na prensa con artigos na Páxina de Pedagoxía do diario El Sol (1918-1921). Cando desapareceu esta páxina, seguiu a publicar os seus artigos en La Gaceta Literaria ou o Diario Informaciones.

Participou activamente no político e social como defensora dos dereitos das mulleres e está considerada unha figura relevante do feminismo español. Participou na creación da Liga Femenina para la Paz xunto con Clara Campoamor, Carmen Baroja, Isabel Oyarzábal e Matilde Huici, entre outras. Tamén formou parte do Lyceum Club Femenino, onde era responsábel da sección de Literatura e deu diversas conferencias, algunha delas recollidas en prensa como «Psicología de la adolescencia» ou «Madres e hijos».

En 1931 asumiu o cargo da Presidencia da Agrupación Femenina Republicana.

Entre 1931 e 1934, por encargo do goberno da República, dirixiu a Escuela del Hogar y Profesional de la Mujer e participou nas Misiones Pedagógicas. Ao comezo da guerra civil foi responsábel do Consello de Protección de Menores ocupándose de nenas orfas abandonadas en centro relixiosos, recollido por Elena Fortún na revista Crónica. Durante o seu exilio no Reino Unido facilitou as primeiras evacuacións de nenas e nenos españois a ese país.

Despois da guerra exiliouse coa súa familia ao Reino Unido e posteriormente a Arxentina. Foi profesora de Didáctica desde 1942 a 1944 na Universidade de Tucumán e presidenta da Comisión de Axuda ao Español Demócrata no Exterior en 1946. Morreu en Bos Aires en 1947.

Obra Entre a súa obra publicada destaca a tradución ao español de libros como La educación de los niños: Pedagogía de Fénelon (1919); a recompilación de textos como Antología de Rousseau (1931) ou a publicación de libros sobre a educación de nenos xordos, como os editados en 1921 e 1927. Ademais, xunto ao seu esposo, Lorenzo Luzuriaga, crearon en 1922 a Revista de Pedagogía, que se editou até 1936.

En 1936, ano en que foi nomeada vogal do Consello Superior de Protección de Menores, publicou La enseñanza de la lectura y la escritura en la enseñanza primaria.

Epónimos

Centro de Educación Especial María Luisa Navarro Margati, en Valdepeñas (Cidade Real)

Notas

Categoría:Pensionados da JAE Categoría:Misiones Pedagógicas Categoría:Finados en 1947 Categoría:Nados en 1890