miniatura|Imaxe microscópica que mostra os efectos citopáticos virais do virus herpes simplex (multinucleación, cromatina de vidro esmerilado). Test de Papanicolau. Tinguidura de Papanicolau. O efecto citopático (abreviado ECP) son os cambios estruturais nas células do hóspede causados por unha invasión viral. Se un virus causa estes cambios morfolóxicos na célula hóspede, dise que é citopatoxénico. Exemplos comúns de ECP son o arredondamento da célula infectada, a fusión con células adxacentes para formar sincitios e a aparición de corpos de inclusión nucleares ou citoplasmáticos.
Os ECP e outros cambios na morfoloxía da célula son só algúns dos moitos efectos dos virus citocidas. Cando un virus citocida infecta unha célula permisiva, o virus mata a célula hóspede ao causar cambios na morfoloxía celular, na fisioloxía celular e nos eventos biosintéticos posteriores. Eses cambios son necesarios para que a replicación do virus sexa eficiente, pero a expensas da célula hóspede. Finalmente, o virus infeccioso pode causar a lise da célula hóspede ou a morte da célula sen lise debido a súa incapacidade de reproducirse.
Diagnóstico Os ECP son aspectos importantes no diagnóstico dunha infección viral. Moitas ECPs poden ser vistas en células non fixadas e non tinguidas ao baixo aumento dun microscopio óptico, co condensador baixado e o diafragma en parte pechado. Porén, con algúns ECP, concretamente os corpos de inclusión, as células deben ser primeiro fixadas e tinguidas e despois vistas ao microscopio óptico. Algúns ECPs de virus son característicos e, por tanto, poden ser unha ferramenta importante para virólogos ao diagnosticar un animal ou persoa infectados. A rapidez con que aparecen os ECP é tamén unha característica importante que os virólogos poden usar para identificar o tipo de virus. Se o ECP aparece despois de 4 a 5 días in vitro a baixa multiplicidade de infección, entón o virus é considerado lento. Se o ECP aparece pasados só 1 a 2 días in vitro a baixa multiplicidade de infección, entón o virus considérase rápido. A inoculación sempre se realiza a baixa multiplicade de infección porque a alta multiplicidade todos os ECPs ocorren rapidamente.
Tipicamente, o primeiro signo das infeccións virais é o aredondamento das células. A miúdo aparecen despois corpos de inclusión no núcleo celular e/ou no citoplasmada célula hóspede. Os corpos de inclusión poden identificarse primeiro con microscopio de luz en frotis sanguíneos do paciente ou preparacións tinguidas de tecidos infectados. Porén, para caracterizar completamente a súa composición, debe utilizarse o microscopio electrónico. Os corpos de inclusión poden ser a acumulación de subprodutos da replicación do virus ou orgánulos ou estruturas alteradas da célula hóspede.
Algunhas infeccións virais causan un ECP estraño, a formación de sincitios. Os sincitios son grandes masas de citoplasma que conteñen moitos núcleos orixinadas pola fusión de células infectadas. Este mecanismo é útil para o virus, xa que lle permite espallarse desde as células infectadas ás non infectadas.
As infeccións virais poden ter ECPs fenotípicos relevantes clinicamente. Por exemplo, co virus da hepatite C (HCV), é suficientemente característica de cada variedade do virus a esteatose hepática e pode axudar a identificar o xenotipo, a composición xenética do virus concreto. Os pacientes con HCV de xenotipo 3 é significativamente máis probable que desenvolvan esteatose que os con HCV de xenotipo 1. Ademais, os ECPs poden usarse durante unha investigación para determinar a eficacia dun novo fármaco. Desenvolveuse unha proba para cribar os ECPs do virus do dengue para avaliar a viabilidade celular.
Debido á especificidade dos ECPs, tamén se usan para comprobar calquera discrepancia nun experimento. Para moitas infeccións virais, diferentes cepas celulares hóspede poden ter unha resposta característica. Actualmente, hai certa preocupación na comunidade de investigadores sobre a validez e pureza das cepas celulares porque se produciron contaminacións nos laboratorios. Os ECPs poden usarse para comprobar a pureza dunha determinada liña celular. Por exemplo, a HeLa CCL-2 é unha liña celular común usada nunha ampla variedade de áreas de investigación. Para comprobar a pureza das células HeLa, observáronse os ECPs que ocorreron despois da inoculación con Coxsackievirus B3. Estes ECPs incluían cambios morfolóxicos e taxas de morbilidade celular. Carson et al. determinaron que a discrepancia débese á natureza heteroxénea das células HeLa comerciais comparada coa natureza homoxénea das células HeLa que foron propagadas durante xeracións nun laboratorio.
Tipos comúns
Destrución total A destrución total dunha monocapa de células hóspede é o tipo máis grave de ECP. Para observar este proceso, as células seméntanse nunha superficie de vidro e fórmase unha monocapa confluente de células hóspede. Despois, introdúcese a infección viral. Todas as células na monocapa encóllense rapidamente, facéndose densas nun proceso chamado picnose, e despéganse do vidro nuns tres días. Esta forma de ECP é típica dos enterovirus.
Destrución subtotal A destrución subtotal da monocapa de células hóspede é menos grave que a total. De xeito similar á destrución total, esta ECP obsérvase sementando unha monocapa confluente de células hóspede nunha superficie de vidro e despois introdúcese a infección viral. A destrución subtotal mostra caracteristicamente o despegamento dalgunhas pero non todas as células da monocapa. Obsérvase comunmente con algúns togavirus, algúns picornavirus e algúns tipos de paramixovirus.
Dexeneración focal A dexeneración focal causa un ataque localizado á monocapa de células hóspede. Aínda que este tipo de ECP pode finalmente afectar todo o tecido, os estadios iniciais e o espallamento ocorren en centros virais localizados coñecidos como focos. A dexeneración focal débese á transferencia directa célula a célula do virus en vez de por difusión a través do medio extracelular. Este diferente tipo de transferencia diferénciaa da destrución total e subtotal e causa os efectos localizados característicos. Inicialmente, as células hóspede fanse máis grandes arredondadas e refráctiles. Finalmente, as células hóspede despéganse da superficie. O espallamento do virus ocorre concentricamente, de tal xeito que as células que se despegan están rodeadas por células agrandadas e arredondadas que están rodeadas por tecido san. Este tipo de ECP é característico dos herpesvirus e poxvirus.
Inchazo e agrupamento O inchazo e agrupamento das células é un ECP na cal as células primeiro inchan significativamente. Unha vez agrandadas, as células xúntanse con outras en grupos. Finalmente, as células xa son tan grandes que se despegan. Este tipo de ECP é característico dos adenovirus.
Dexeneración escumosa A dexeneración escumosa tamén se coñece como vacuolización. Débese á formación de vacúolos citoplásmicos grandes e/ou numerosos. Este tipo de ECP só pode observarse coa fixación e tinguidura das células hóspede implicadas. A dexeneración escumosa é característica de certos retrovirus, paramixovirus e flavivirus.
Sincitio Un sincitio tamén se pode denominar fusión celular ou formación dun policarion. Con esta ECP, fusiónanse as membranas plasmáticas de catro ou máis células hóspede e producen unha célula agrandada con polo menos catro núcleos. Aínda que as veces poden verse as grandes fusión celulares sen tinguilas, este tipo de ECP detéctase tipicamente despois da fixación e tinguidura das células hóspede. Os herpesvirus producen caracteristicamente a fusión celular, así como outras formas de ECP. Algúns paramixovirus poden identificarse pola formación de fusións celulares, xa que producen exclusivamente esta ECP.
Corpos de inclusión
Os corpos de inclusión son estruturas insolubles anormais que se encontran dentro do citoplasma ou núcleo celular. Poden verse só con tinguidura, xa que indican áreas de tinguidura alterada nas células hospede. Tipicamente, indican as áreas da célula hóspede onde se están a sintetizar a proteína ou o ácido nucleico viral ou onde se están ensamblando os virións. Ademais, nalgúns casos, os corpos de inclusión están presentes sen un virus activo e indican áreas de cicatizado viral. Os corpos de inclusión varían coa cepa viral. Poden ser únicos ou múltiples, pequenos ou grandes e redondos ou de forma irregular. Poden ser tamén intranucleares ou intracitoplasmáticos e eosinófilos ou basófilos.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Ensaio da inmmunoperoxidase indirecto Cultivo viral Virus
Categoría:Citopatoloxía Categoría:Viroloxía