Chandrexa de Queixa é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Trives e que forma parte do Macizo Central. Segundo o padrón municipal, en 2022 tiña 495 habitantes (854 en 2003).

Concello eminentemente gandeiro e agrícola, a día de hoxe está moi despoboado e en franco retroceso demográfico.

Un acontecemento que veu a marcar drasticamente a vida e o porvir deste concello foi a construción do encoro de Chandrexa de Queixa ao final da década do 1940 e principios do 1950.

Demografía

Censo total 472(2020) Menores de 15 anos 12 (2.54 %) Entre 15 e 64 anos 243 (51.48 %) Maiores de 65 anos 217 (46 %)Estranxeiros 8 (1.7 %)

Xeografía miniatura|Mapa parroquial.

O concello ten unha extensión de 172,75 km². Limita ao norte cos concellos do Castro de Caldelas e San Xoán de Río (mediante a serra do Burgo), ao sur con Laza e Vilariño de Conso (serra de Queixa), ao leste coa Pobra de Trives e Manzaneda, e ao oeste con Montederramo (serra de San Mamede).

Sitúase no Macizo Central Ourensán, e está atravesado polos ríos Requeixo, Dorelle, e Queixa, afluentes do río Navea. Os 35 núcleos de poboación están situados entre os 1000 e os 1200 metros de altitude. O concello está a 6 km da estación de esquí de Cabeza de Manzaneda.

Ten un clima de media montaña, con invernos moi fríos e veráns calorosos. As precipitacións non pasan de 1100 mm por ano, cunha moderada seca durante o verán. O chan é granítico cara ao leste e de lousa cara ao oeste. Sobre o subsolo hai unha capa de terra fértil, na que se asenta unha densa vexetación.

Historia As primeiras pegadas humanas atopadas no concello son agras de mámoas e da romanización, dado que a vía Nova do itinerario de Antonino bordeaba os terreos do concello.

O priorado de Vilar aparece mencionado nunha bula do papa Alexandre III de 1163 como parte dos territorios do mosteiro de Montederramo. Na biblioteca do mosteiro consérvase documentación sobre cesións e doazóns do mosteiro e dos señores nobres, estando esta zona baixo o influxo do condado de Lemos e o condado de Ribadavia. En 1580 Filipe II retirou o priorado ao mosteiro, pero impuxo aos veciños un imposto de 393 fanegas de pan a entregar ao mosteiro.

O concello de Chandrexa de Queixa foi creado mediante o Real Decreto do 23 de xullo de 1835, sendo variable a capital en función da residencia do alcalde, pero a vila máis importante era Chandrexa.

En 1945 comezou a construción do encoro de Chandrexa de Queixa no río Navea, o que propiciou o crecemento da vila de Celeiros. En 1960 acordouse mediante referendo establecer neste lugar a capitalidade do municipio.

No lugar de Requeixo estivo represaliado e confinado o intelectual galego Valentín Paz Andrade.

Toponimia O topónimo composto débese na súa primeira parte a "chan da igrexa", e na segunda a "Queixada, depresión en forma de caixa", que dá nome á parroquia chá de QueixaCabeza Quiles, F.: Os nomes de lugar. Ed. Xerais, Vigo 1992..

Patrimonio Entre a arquitectura relixiosa, ademais das igrexas parroquiais, destaca a capela e o cruceiro de Parafita.

Entre a arquitectura popular destacan os fornos de leña, como o das Forcadas, ou o Casal de Drados. En Celeiros destaca o Museo Etnográfico.

Respecto ao patrimonio natural está a fervenza de Dorelle, a fonte da Previsa, a área recreativa de Cardiego e mais a área recreativa de Santa Cruz. Galería de imaxes

Parroquias

Lugares de Chandrexa de Queixa Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Chandrexa de Queixa vexa: Lugares de Chandrexa de Queixa.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Eleccións municipais en Chandrexa de Queixa

Ligazóns externas

http://www.xente.mundo-r.com/domingues/

Categoría:Chandrexa de Queixa