O Colexio de San Clemente de Pasantes é un edificio civil de inicios do século XVII, localizado en Santiago de Compostela, nas inmediacións da Porta Faxeira e do lado norte do Parque da Ferradura. Actualmente acolle o IES Rosalía de Castro, e anteriormente foi o instituto feminino.
Historia
Foi fundado polo arcebispo Juan de Sanclemente, en 1601. A fundación realizouse vía testamentaria, e as obras non chegaron a iniciarse en vida do prelado, falecido en 1602. Estímase que comezaron arredor de 1610 e que o edificio estaba concluído en 1669, segundo se aprecia na acuarela de Pier Maria Baldi.
A identidade do fundador está documentada na súa biografía redactada por Pedro Sanz del Castillo (1769) e no retrato conservado na galería de Arcebispos da Catedral de Santiago, onde se indica que fundou en Santiago “el Colegio de su nombre”. O termo “Sanclemente” corresponde ao apelido do Arcebispo. A heráldica do fundador está presente en doce escudos conservados no edificio: a áncora (apelido Sanclemente), a torre queimada (apelido materno Torquemada) e a cruz potenzada (en lembranza do Colexio Maior Santa Cruz de Valladolid).Xunta de Galicia. Expediente CT135B (Nº de entrada 2025/3293579, 27‑11‑2025. Servizo de Inventario).
A obra debeu ser encargada a Ginés Martínez,Colegio de San Clemente de Pasantes. www.pilgrim.es . segundo aduciu Antonio Bonet Correa, e foi executada entre 1607 e 1609 por Xácome Fernández e mais Leonel de Avalle, estando Martínez xa ausente de Santiago, en estilo maneirista.
O lugar onde se ergueu formaba parte naquela altura da carballeira de Santa Susana, fóra do casco urbano compostelán, a carón da Porta Faxeira.
O colexio non iniciou as súas funcións até 1630. Dende os primeiros momentos, a aparición deste novo colexio espertou a animadversión do de Fonseca. As disputas entre ambos polo título de único colexio maior de Santiago foron presentadas perante a xustiza real, e en 1730 un decreto do rei Filipe V coutou a desavinza ao conceder o título de "colexio maior" exclusivamente ao Fonseca. O Colexio de San Clemente desapareceu como tal en 1809.
Descrición Martínez adoptou un plano rectangular, con patio central, levantando unha edificación, de dous corpos en altura, sobria de liñas rectas, que só rompe na portada, artellada de xeito similar á do Colexio de Fonseca -o que debeu constituír un consello do comitente-, mais con menos elementos decorativos, seguido unha organización de tipo arco de triunfo, máis con uso de elementos clasicistas: nichos coroados por frontonciños, ou con semibóvedas; columnas clasicistas nos laterais; frontón triangular que remata o conxunto. Porén o uso de pedestais e zapatas, arquitrabes e cornixas salientes, outorga certa mobilidade e xogos de sombras, que son máis característicos do maneirismo.
No edificio consérvanse doce escudos do arcebispo Juan de Sanclemente.
IES Rosalía de Castro
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Xacobeo 2004, Compostela y el Colegio de san Clemente de pasantes. Santiago de Compostela. 2004
Ligazóns externas https://iesrosalia.gal https://www.santiagoturismo.com/monumentos/colexio-san-clemente-de-pasantes-2 https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/10790/colexio-de-san-clemente-de-pasantes
Categoría:Arquitectura civil en Santiago de Compostela Categoría:Institutos de educación secundaria de Galicia