Albus Percival Wulfric Brian Dumbledore é unha personaxe ficticia das novelas de Harry Potter, escritas por J. K. Rowling. Durante a meirande parte da serie, é o director da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. Como parte da súa historia, revélase que é o líder e fundador da Orde do Fénix, unha organización adicada á loita contra o antagonista principal da serie, Lord Voldemort.

Dumbledore foi interpretado por Richard Harris nas adaptacións cinematográficas de Harry Potter e a Pedra Filosofal (2001) e Harry Potter e a Cámara dos Segredos (2002). Após o finamento de Harris no outubro de 2002, Michael Gambon adoptou o papel de Dumbledore nos seis filmes restantes, do 2004 até o 2011. Jude Law foi o actor que interpretou a Dumbledore coma un home de mediana idade nas prequelas Fantastic Beasts: The Crimes os Grindelwald (2018) e Fantastic Beasts: The Secrets of Dumbledore (2022).

Rowling declarou que escolleu o nome de Dumbledore, que é unha verba dialectal de ''bumblebee'' (termo inglés para referirse aos abesouros), pola afección de Dumbledore á música. A miúdo, imaxinábao paseando e cantaruxando para si mesmo.

Desenvolvemento da personaxe A autora J. K. Rowling dixo que gozaba escribindo a Dumbledore porque ''é a personificación da bondade''. Expresou que Dumbledore fala por ela, xa que ''o sabe case todo'' sobre o universo de Harry Potter. Rowling tamén mencionou que Dumbledore lamenta ''haber tido que ser sempre el o que sabía, e o que portaba coa carga do saber''. Como mentor da personaxe principal, Harry Potter, ''Dumbledore é un home moi sabio que sabe que Harry vai ter que aprender unhas cantas leccións crúas para prepararse para o que lle poida chegar na vida. Deixa que Harry se meta no que non lle permitiría a outro alumno, e tamén deixa involuntariamente que Harry se enfronte a cousas das que preferiría protexélo''. Nunha entrevista de 1999, Rowling declarou que se imaxinaba a Dumbledore ''máis coma un John Gielgud, xa sabes, bastante maior e... e señoril dabondo''. Durante a súa época de estudante, Dumbledore estivo na Casa Gryffindor. J. K. Rowling dixo nunha entrevista que Dumbledore tiña arredor duns 150 anos, porén, na súa páxina web, asevera que Dumbledore naceu no 1881, polo que tiña 115 ou 116 anos no momento da súa morte.

O 19 de outubro do 2007, un mozo preguntoulle a Rowling se Dumbledore atopara o ''amor verdadeiro''. A autora dixo que sempre pensou en Dumbledore como homosexual e que se namorara do meigo corrupto Gellert Grindelwald, o que constituíu a gran traxedia de Dumbledore; Rowling non dixo explicitamente se Grindelwald lle correspondeu. J. K. Rowling fala disto máis detalladamente ao explicar as motivacións do coqueteo de Dumbledore coa idea da dominación dos Muggles por parte dos meigos: ''Perdeu por completo o seu compás moral cando se namorou e creo que, despois diso, tornouse moi desconfiado do seu propio xuízo nesas cuestións, polo que se volveu algo asexual. Levaba unha vida célibe e libresca''.

Traxectoria

Libros do un ao tres Ao comezo da primeira novela da serie, Harry Potter e a pedra filosofal, Dumbledore chega ao número catro de Privet Drive en Little Whinging, Surrey. Despois de que Voldemort asasinara os pais de Harry e el quedara reducido a unha forma feble, Dumbledore tomou a decisión de que o bebé orfo fose vivir á casa de Vernon e Petunia Dursley. Sabía que Harry estaría protexido por unha maxia especial causada polo sacrificio da súa nai que se selaría coa aceptación na casa por parte de Petunia do seu sobriño. Esta vella maxia da unión do amor fai que Voldemort non poida nin tocar a Harry. Dumbledore deixa a Harry diante da porta dos Dursley, cunha nota xunta a el explicándolles a situación. Cando marcha, despídese dicíndolle: "Boa sorte, Harry".

Cando Harry chega a Hogwarts, Dumbledore fálalle dos segredos do Espello de Oxesed, asegurando que cando se mira nel, vese a si mesmo sostendo un par de calcetíns grosos de la. Máis adiante na historia, no sétimo libro, Harry lembra que probablemente esa fora a única resposta deshonesta que lle deu. Tamén é o responsable de enfeitizar o Espello de xeito que puidera agochar a pedra filosofal e que soamente aquel que se mirase no espello co desexo de atopar a pedra, pero non usala, a dese conseguido. Nun momento da trama, recibe unha mensaxe falsa de parte do Ministerio de Maxia e marcha do castelo. Esa mesma noite, o profesor Quirinus Quirrell, Harry Potter, Ron Weasley e Hermione Granger acceden aos alxubes para recuperar a pedra, pero Dumbledore decátase diso e regresa a tempo a Hogwarts para rescatar a Harry de Quirrell e Voldemort. Tamén mantén unha conversación final con Harry despois dos acontecementos do clímax do libro na que revela ao mozo que cando Voldemort o intentara martar, a protección da súa nai o protexera.

En Harry Potter e a Cámara dos Segredos, Dumbledore sospeita de que Tom Riddle está involucrado dalgún xeito nos ataques que sofren os estudantes. Un Dumbledore máis mozo aparece nos recordos almacenados no diario de Riddle e Harry comproba que a historia se está a repetir ao ver ao profesor preguntando a Riddle se sabe algo sobre os ataques aos estudantes. Durante a última metade da novela, Lucius Malfoy consegue suspender a Dumbledore do cargo como director da escola máxica, alegando que é o que está detrás dos ataques dun basilisco ceibado da Cámara dos Segredos. Finalmente, Dumbledore é restablecido no seu posto cando se descobre que fora Ginny Weasley, baixo o maleficio do diario de Riddle, a que abrira a Cámara dos Segredos.

Ao comezo de Harry Potter e o preso de Azkaban, Dumbledore vese na obriga de aceptar que os Dementores vixíen a escola para protexer os alumnos de Sirius Black, un suposto asasino que fuxiu do cárcere máxico de Azkaban. Cando Sirius consegue chegar a Hogwarts, Dumbledore ordena que pechen todas as entradas ao castelo. Máis tarde, Dumbledore suxírelle a Hermione que faga uso do viratempo para volver tres horas atrás no tempo e así salvar a Buckbeak e a Sirius das súas inxustas execucións.

Libros catro e cinco Na cuarta entrega, Harry Potter e o Cáliz de fogo, Dumbledore preséntalles aos alumnos o Torneo Tres Meigos. El é, ademais, un dos xuíces do Torneo. Cando do Cáliz de fogo sae o nome de Harry, Dumbledore non se anoxa e mantén a calma; pregúntalle se lle pedira a un alumno maior que botase o seu nome no Cáliz. Cando Harry contesta que non, Dumbledore cre a súa palabra. Ao final do libro, os temores de Dumbledore cúmprense cando Harry regresa do seu encontro con Voldemort co corpo sen vida de Cedric Diggory e cando Alastor Moody (que fora suplantado por Barty Crouch, Jr. mediante a Poción Polizume) leva a Harry lonxe del ata a súa oficina no interior do castelo. Inmediatamente, Dumbledore desconfía e vai con Minerva McGonagall e Severus Snape a salvar a Harry e interrogar a Crouch. Despois, Dumbledore escoita o testemuño de Harry sobre o regreso de Voldemort. Malia isto, o Ministro de Maxia Cornelius Fudge rexeita crer tal cousa e iníciase unha inimizade entre el e o director da escola.

En Harry Potter e a Orde do Fénix, Dumbledore é destituído do seu cargo como xefe de meigos do Wizengamot ademais doutros moitos cargos que tiña, debido ás afirmacións do regreso de Voldemort. Mentres tanto, o Ministro de Maxia fai todo o que pode para desacreditalo a el e mais a Harry, principalmente por medio do xornal O Profeta Diario. Durante todo este quinto curso, Dumbledore mostra reticencia a falar con Harry, mesmo chegando a non miralo, algo que amola ao mozo ata o punto de anoxarse co director.

Xa en Hogwarts, un decreto emitido polo Ministerio sitúa a Dolores Umbridge no posto de profesora de Defensa contra a Maxia Negra. A traés dela, Fudge vai gañando poder gradualmente sobre Hogwarts e Dumbledore, temendo que este último estivese organizando un exército de meigos mozos para botar abaixo o Ministerio. Umbridge prohibe as prácticas defensivas nas súas clases, forzando a Harry, Ron e Hermione a constituír o Exército de Dumbledore xunto aos seus compañeiros. Cando Umbridge descobre estas prácticas, Dumbledore asume a responsabilidade da creación desta organización e foxe do colexio, permitindo que Umbridge se faga cargo da dirección da escola máxica.

Dumbledore non volve aparecer no libro ata que se produce a loita no Departamento de Misterios. Alí axuda aos membros da Orde do Fénix na batalla contra os Devoradores da Morte. Logo salva a Harry do maleficio Avada Kedavra conxurada por Voldemort e entra nun feroz duelo co Señor Escuro. O enfrontamento culmina con Voldemort sendo sometido por Dumbledore, véndose forzado a posuír a Harry nun intento de facer que Dumbledore mate ao mozo. Voldemort vese na obriga de deixar o corpo de Harry debido á dor do corazón puro de Harry e foxe xunto a Bellatrix. Finalmente, Fudge ten que aceptar o regreso de Voldemort. Cara a fin do libro, Dumbledore explica a Harry que Voldemort o elixira a el como o seu igual e que un dos dous terá que matar o outro segundo a profecía elaborada por Sybil Trelawney.

Sexto libro En Harry Potter e o misterio do príncipe, Dumbledore recolle a Harry de Privet Drive e lévao con el para persuadir a Horace Slughorn de que volva formar parte do profesorado de Hogwarts. Harry decátase de que ten a man dereita negra. Durante o curso escolar, Dumbledore reúnese con Harry no seu despacho para ensinarlle acontecementos acerca do pasado de Voldemort e que considera de vital importancia. O pensadoiro sérvelles para visitar varios recordos que mostran que Voldemort creou seis Horcrux para conseguir a inmortalidade e que deben ser destruídos para acabar co Señor Escuro. Nestas leccións, Harry avisa en repetidas ocasións que ten sospeitas de que Draco Malfoy está traballando para Voldemort. Dumbledore non lle dá maior importancia e non toma ningunha represalia contra Draco, comentando que sabe máis do que pasa ca Harry.

Cara ao final do libro, Dumbledore e Harry abandonan o colexio e van ata unha cova na que Dumbledore cre que se atopa un dos Horcrux. Dentro da cova, Dumbledore vese na obriga de beber unha apócema para obter o Horcrux; de súpeto, Dumbledore comeza a berrar, aparentemente sufrindo unha tortura mental e con signos de debilidade. Cando remata de bebela, Dumbledore devece por beber auga. Harry ten que tomar a auga do lago, pero nese momento aparecen todos os inferius, cadáveres mortos e voltos á vida mediante maxia, residentes no lago. Os inferius agarran a Harry e intentan levalo ao fondo do lago, pero Dumbledore realiza un esconxuro de lume arredor deles dous para que non se lles acheguen. Finalmente, escapan de alí co Horcrux, que é un medallón. Ao chegar a Hogsmeade, comproban que a Marca Escura está enriba da Torre de Astronomía de Hogwarts. Na torre, Dumbledore pide a Harry que non interfira no que están a piques de acontecer, facéndolle un feitizo que o inmobiliza cando está debaixo da súa Capa de Invisibilidade. Agochado, Harry non pode axudar a Dumbledore cando é desarmado por Draco Malfoy. Axiña chegan varios Devoradores da Morte que animan a Draco para que mate o vello director. Draco dubida, pero nese intre chega Severus Snape para realizar o Maleficio Asasino contra Dumbledore.

Pouco despois da súa morte, o retrato de Dumbledore aparece maxicamente no despacho do director. Ao funeral asisten os estudantes e persoal de Hogwarts, membros do Ministerio de Maxia, pantasmas, centauros e moita outra xente mostrando o seu respecto. Foi enterrado envolto en veludo morado e nun sepulcro de mármore branco ao carón do lago de Hogwarts, sendo o único director enterrado nos xardíns da escola.

Sétimo libro