Carolina do Sur (en inglés: South Carolina [ˌsaʊθ kɛɹəˈlaɪnə]) é un dos cincuenta estados que forman os Estados Unidos de América, situado na rexión sueste do país. A pesar da súa pequena extensión territorial, é un dos líderes nacionais de produción téxtil e o segundo maior produtor de tabaco dos Estados Unidos, só superado por Carolina do Norte.
A rexión que actualmente constitúe Carolina do Sur formou parte inicialmente da colonia inglesa de Carolina, nomeada en homenaxe ao rei Carlos II de Inglaterra (en latín Carlos é Carolus). En 1712, a colonia de Carolina separouse en dúas: Carolina do Norte e Carolina do Sur.
Carolina do Sur foi unha das Trece Colonias que se rebelou contra o goberno británico na Guerra da Independencia dos Estados Unidos. Carolina do Sur converteuse no oitavo estado americano o 23 de maio de 1788. Foi o primeiro estado en separarse da Unión, o 20 de decembro de 1860, logo da elección de Abraham Lincoln, para fundar os Estados Confederados de América. A guerra civil estadounidense comezou en Carolina do Sur, o 12 de abril de 1861, cando tropas confederadas invadiron Fort Sumter. Despois do fin da guerra, o estado sería readmitido novamente na Unión, o 25 de xuño de 1868.
O alcume de Carolina do Sur, The Palmetto State, orixinouse durante a guerra pola independencia. Palmetto é unha palabra inglesa que en galego significa palmeira. Ao comezo da revolución, forzas británicas intentaron capturar sen éxito un forte feito con madeira de palmeiras, abundantes no Estado. Ao día seguinte, o comandante do forte, ao ver un navío de guerra británico en chamas, comentou que o fume emitido polo navío en chamas asemellábase a unha palmeira.
Historia Ata 1788 Preto de 30 tribos diferentes de nativos americanos vivían na rexión que constitúe actualmente Carolina do Sur na época da chegada dos primeiros exploradores europeos á rexión. Destas tribos, os máis importantes eran os catawba (parte do grupo nativo americano dos siouan), os cheroqui e os yamasee (muskhogean). Crese que os primeiros humanos a asentarse na actual Carolina do Sur fixérono hai uns 15 mil anos.
O primeiro explorador europeo en avistar e desembarcar na actual Carolina do Sur, foi o español Francisco Gordillo, en 1521. Cinco anos despois, en 1526, outro español, Lucas Vázquez de Ayllón, fundou o primeiro asentamento europeo no territorio que actualmente constitúe Estados Unidos. Este asentamento foi nomeado por Ayllón como San Miguel de Guadalupe, e foi fundado con 600 expedicionarios. San Miguel de Guadalupe sería abandonado ao ano seguinte, en 1527. A rexión de Carolina do Sur sería reivindicada polos españois e polos franceses, ao longo do século XVI. Os franceses realizaron diversas tentativas de colonización da rexión, que fallaron por mor da hostilidade de tribos indíxenas locais e por mor da falta de provisións.
Inglaterra reivindicou a actual Carolina do Sur ao comezo do século XVII. En 1629, o rei Carlos I de Inglaterra cedeu o sur das Trece Colonias a Robert Heath. Esta colonia incluía as rexións que actualmente constitúen Carolina do Norte, Carolina do Sur, Xeorxia e Tennessee. Heath nomeou esta colonia Carolana, unha palabra latina, que significa "Terra de Carlos".
En 1663, o rei Carlos II de Inglaterra confiscou a provincia de Carolina aos descendentes de Heath, e cedeu a colonia a oito "lores" - coñecidos como Lords Proprietors Lores Propietarios) - que administrarían en conxunto a provincia de Carolina. Carlos II fíxoo para recompensar lores, que apoiaran a súa ascensión ao poder. A provincia de Carolina foi dividida en tres condados: Albermarle (norte da actual Carolina do Norte e Tennessee), Clarendon (actual Cape Fear) e Craven (actuais Carolina do Sur e Xeorxia). O condado de Clarendon duraría ata 1667, en que se fundiu co condado de Albermarle. O primeiro asentamento inglés na actual Carolina do Sur sería fundada en 1670, en Albermarle Point. Dez anos despois, en 1680, os colonos deste asentamento trasladáronse á rexión de Oyster Point. O novo asentamento alí fundado chamouse Charles Town, nome que sería cambiado polo actual Charleston en 1783.
A rexión de Carolina do Sur continuou sendo reivindicada polos españois e polos franceses, ata a década do 1730. Durante este período, os colonos ingleses foron obrigados a defenderse de diversos ataques de forzas españolas e francesas, durante a Guerra da Raíña Ana, entre 1710 e 1713, e de diversos ataques indíxenas e de piratas. As crecentes diferenzas económicas e políticas entre a poboación dos condados de Albermarle e Craven causaron eventualmente a disolución da provincia de Carolina, en 1712. No seu lugar, foron fundadas dúas provincias coloniais distintas: Carolina do Norte e Carolina do Sur, no que eran anteriormente os condados de Albermarle e Craven. Ambas as colonias continuaron sendo administradas polos lores propietarios.
Os lores, que tiñan soamente intereses políticos e económicos na rexión, pouco axudaron os colonos durante os ataques españois, franceses, dos indíxenas e dos piratas, feito que desgustou moito á poboación. Ademais, os lores non permitían aos colonos que elixisen aos seus gobernadores. Estes lores foron depostos en 1719, logo de rexeitar propostas de leis creadas pola poboación do estado ese mesmo ano. Carolina do Sur pasou a ser entón unha colonia real, gobernada por un gobernador escollido polo monarca do Reino Unido. O monarca británico da época, o rei Xurxo I de Inglaterra, fixo isto nun intento de agradar á poboación da Carolina do Sur, tendo en conta que a colonia actuaba como primeira barreira de defensa contra invasións españolas provenientes do sur, especialmente da Florida. En 1732, a parte sur separouse formando unha colonia á parte, Xeorxia.
Carolina do Sur, desde a década de 1700, prosperara co cultivo de arroz na rexión. Durante mediados da década de 1730, o algodón tamén pasou a ser cultivado en gran cantidade na rexión. O algodón era principalmente exportado a outros países. A venda de algodón a prezos competitivos requiría gran cantidade de man de obra barata. Así foi como miles de persoas foron traídos á forza desde o continente africano, para traballar como escravos. Coa expansión da área cultivada desde o litoral cara ao interior, cada vez máis colonos e escravos instalábanse na rexión. En 1775, Carolina do Sur posuía preto de 175 mil habitantes. Destes, 100 mil eran brancos e 75 mil eran afroamericanos.
Durante a década de 1760, unha serie de leis aprobadas polo Reino Unido, que instituían diversos impostos ou diminuían a independencia das Trece Colonias en relación á metrópole,o Reino Unido, desgustaron á maior parte da poboación, que ata entón era, na súa maioría, leal aos británicos. Logo da institución destas leis, a poboación de Carolina do Sur dividiuse en dous grupos: os whigs - que apoiaban a independencia das Trece Colonias - e os torys - leais á coroa británica.
A Guerra da Independencia dos Estados Unidos iniciouse en 1775. A maior parte de Carolina do Sur sería conquistada polos británicos ao comezo da guerra. A maior cidade de Carolina do Sur, Charlestown, estaba en man dos colonos americanos, e sería atacada por primeira vez por tropas británicas en xuño de 1776. Os colonos da cidade derrotaron estas tropas na Batalla de Sullivan Island. Os británicos invadiron novamente Charlestown en 1779, tomando con éxito a cidade en 1780. Tropas americanas, baixo o mando do xeneral Horatio Gates, intentaron obter o control de Carolina do Sur en 1780, partindo desde Carolina do Norte, pero foron obrigados a retroceder logo de ser derrotados, na Batalla de Camden. Foi en 1781 cando unha nova forza americana, comandada polo xeneral Nathanael Greene, invadiu Carolina do Sur, e forzaron aos británicos a repregarse en dirección a Virxinia. Charleston continuaría baixo control británico ata 1782. No total, foron realizadas preto de 200 batallas e conflitos entre tropas e milicias americanas e tropas británicas.
Logo da independencia dos Estados Unidos, en 1783, Carolina do Sur ratificaría a Constitución dos Estados Unidos de América, o 23 de maio de 1788, converténdose no 8º Estado da Unión.
1788-1900 A economía de Carolina do Sur dependía principalmente das exportacións de algodón aos países europeos. Por mor diso, o goberno do Estado apoiaba o libre comercio entre países, e opúñase á adopción de tarifas aduaneiras. Diversas tarifas aduaneiras foron adoptadas no país durante as décadas de 1800 e 1810. En 1819, o país sufriu unha recesión económica. O goberno de Carolina do Sur alegou entón que o causante desta recesión eran as tarifas aduaneiras. Carolina do Sur apertou o goberno americano a retirar estas tarifas, pero sen éxito.
En 1828, o goberno americano decidiu implantar novas tarifas aduaneiras, que aumentaban drasticamente as tarifas da gran maioría dos produtos importados ao país. O entón Vicepresidente dos Estados Unidos, John Calhoun, un habitante nativo de Carolina do Sur, afirmou que ningún Estado americano estaba obrigado a aceptar unha lei adoptada polo goberno federal, se o goberno do Estado a consideraba inconstitucional. Logo da adopción dunha tarifa aduaneira máis, en 1832, o Estado aprobou un "Acto", coñecido como Orde de Anulación, onde o Estado explicitamente rexeitaba a lei federal. O goberno americano ameazou con enviar tropas a Carolina do Sur, para obrigar a que as tarifas aduaneiras fosen cobradas. A cuestión chegou ata o Congreso americano, que creou un novo sistema de tarifas aduaneiras, que substituía as antigas. As novas tarifas aduaneiras, que entraron en vigor en 1833, eran sensiblemente menores que as antigas. Por iso, Carolina do Sur anulou a súa Orde de Anulación aquel mesmo ano.
Durante a década do 1830, o movemento a favor da abolición do traballo escravo comezou a crecer nos estados do Norte industrializado dos Estados Unidos, mentres o Sur, dependente da industria agraria, estaba a favor do uso do traballo escravo. En 1850, Carolina do Sur ameazou con separarse do resto do país, a causa do debate nacional en relación ao traballo escravo - se este debería ou non ser permitido nos novos territorios americanos no Oeste do país. Con todo, sen o apoio dos restantes Estados sudistas, Carolina do Sur non fixo efectiva a secesión.
En 1860, o republicano abolicionista Abraham Lincoln venceu nas eleccións presidenciais dese ano. Carolina do Sur, temendo que Lincoln abolise definitivamente a escravitude no país, decidiu separarse dos Estados Unidos. O Estado fíxoo así o 20 de decembro dese ano, sendo o primeiro Estado americano en separarse do resto do país. Posteriormente, outros dez Estados tamén se separarían dos Estados Unidos, e inmediatamente se xuntarían para formaren os Estados Confederados de América.
miniatura|250px|Gravado de 1861 de Fort Sumter antes do ataque que pricipitou a Guerra Civil. A Guerra Civil Estadounidense iniciouse en Carolina do Sur, o 12 de abril de 1861, cando tropas confederadas comezaron o ataque sobre Fort Sumter, un forte da Unión en territorio Confederado, próximo a Charleston. O día seguinte, as tropas americanas dentro do forte rendéronse. Estados Unidos, após o inicio da guerra, bloquearon o acceso ao mar de Carolina do Sur, a través do bloqueo naval dos principais portos do Estado. Isto arruinou a economía de Carolina do Sur. Tropas americanas comandadas por William T. Sherman invadiron Carolina do Sur en 1865, e queimaron un gran número de plantacións ao longo de todo o Estado. Ao final da guerra, preto de 65 mil homes de Carolina do Sur loitaran á beira da Confederación. Destes, preto de 18 mil morreron.