David Keith Lynch, nado en Missoula (Montana) o 20 de xaneiro de 1946 e finado nos Ánxeles o 15 de xaneiro de 2025,https://www.hollywoodreporter.com/movies/movie-news/david-lynch-blue-velvet-mulholland-drive-1236110711/ coñecido como David Lynch, foi un director de cine estadounidense. A súa actividade artística estendeuse así mesmo ó terreo da pintura, a música, a fotografía e incluso o deseño de mobiliario. Foi descrito por The Guardian como "o director máis importante desta época". AllMovie chamouno "o home do renacemento do cinema moderno estadounidense", mentres que o éxito dos seus filmes puxéronlle a etiqueta de "o primeiro surrealista popular".Pauline Kael, citada en Lynch and Rodley 2005. p. xi.

Debutou no cinema co filme surrealista de terror Eraserhead, ao que seguiron The Elephant Man e Dune, que foi un fracaso de público e crítica. Tras o filme neo-noir Veludo azul, creou xunto con Mark Frost a serie de televisión Twin Peaks. Á parte do filme familiar Unha historia verdadeira, dirixiu filmes que seguían unha estrutura narrativa non linear. Na actualidade algúns dos seus proxectos cinematográficos e de animación son só accesibles a través da súa páxina web de pagamento.

As súas películas tenden a describir pequenas comunidades dos Estados Unidos, como o caso de Twin Peaks ou Veludo azul. Lynch sente tamén predilección polos segredos ocultos dos barrios periféricos dos Ánxeles, retratados en Lost Highway e Mulholland Drive. O son nas súas películas é de grande importancia e por iso cada banda sonora é traballada con esmero. O responsable de conseguir que ese son resulte tan especial é o compositor Angelo Badalamenti, colaborador habitual do director, creador entre outras da banda sonora da serie de televisión Twin Peaks ou da inquietante e perturbadora Lost Highway. Recoñecido admirador de Jacques Tati, Ingmar Bergman ou Werner Herzog,Lynch and Rodley 2005. p. 62. Lynch conseguiu destacarse como un director cun estilo persoal, e constitúe un referente no cine contemporáneo. Veludo azul e Mulholland Drive foron considerados amplamente pola crítica entre os mellores das súas respectivas décadas.

Traxectoria Infancia e mocidade Lynch foi o arquetipo do rapaz americano de clase media. O seu pai, Donald, foi un científico adscrito ó Ministerio de Agricultura norteamericano, e a súa nai, Sunny, era profesora de lingua. A familia viviu en distintos lugares, entre o noroeste do país e Carolina do Norte.Lynch and Rodley 2005. p. 1. Lynch foi boy scout e ós 15 anos participou como acomodador na toma de posesión do presidente John F. Kennedy.Lynch and Rodley 2005. p. 05.

Pronto experimentou impulsos artísticos e asistiu á Corcoran School of Art en Washington, D.C. mentres terminaba os seus estudos secundarios en Alexandria, Virxinia. Despois apuntouse á School of the Museum of Fine Arts de Boston durante un ano, antes de partir rumbo a Europa en compañía do seu amigo e colega artístico Jack Fisk. Os seus plans eran estudar co pintor do expresionismo austríaco Oskar Kokoschka (quen resultaría un dos seus principais referentes artísticos) durante tres anos. Porén, Lynch regresou ós Estados Unidos ó cabo de só 15 días.Lynch and Rodley 2005. pp. 31–34.

Philadelphia e as súas primeiras longametraxes En 1966, Lynch instalouse na cidade de Filadelfia, Pensilvania, asistindo á Pennsylvania Academy of Fine Arts (PAFA). Alí dedicouse en principio á confección de complexos mosaicos a base de figuras xeométricas, ós que chamou Industrial Symphonies. Por aquel tempo, tivo as súas primeiras aventuras cinematográficas. A súa primeira curta recibiu o título de Six Men Getting Sick ("Seis homes enfermando") (1966). El describiuno como "57 segundos de desenvolvemento e paixón, e tres segundos de vómito". Con esta peza gañou o certame anual da Academia. Este pequeno éxito permitiulle abordar a súa segunda curtametraxe: The Alphabet.

A partir de 1970, Lynch centrouse exclusivamente na arte cinematográfica. Conseguiu un premio de 5.000 dólares do American Film Institute por The Grandmother, ("A avoa") sobre un pobre rapaz da rúa que logra conseguir unha avoa a partir dunha semente. Esta película de 30 minutos de duración mostra xa moitos dos patróns característicos no seu cine de madurez, incluíndo un son perturbador e envolvente e unha potente imaxinería enfocada ós desexos e ó inconsciente reprimido, todo isto lonxe dos métodos tradicionais de narrar.

Eraserhead En 1971, Lynch trasladouse aos Ánxeles para asistir ás clases do American Film Institute Conservatory. Foi alí onde empezou a traballar na súa primeira longa, Eraserhead, aproveitando unha axuda de 10.000 dólares concedida por dita institución. Estes cartos non lle alcanzaron para terminar o filme, e a película non se remataría ata 1977. Lynch tivo que pedir diñeiro a amigos e familiares, incluíndo ó seu amigo da infancia Jack Fisk, deseñador de produción e marido da actriz Sissy Spacek, e incluso se dedicou a vender xornais para financiala.

Eraserhead, unha das películas máis sombrías e enigmáticas da historia do cine, plena de acenos surrealistas e elementos desacougantes, foi moi apropiadamente rodada en branco e negro. Conta a historia dun mozo tranquilo (papel que incorpora o inefable Jack Nance) que vive nunha especie de ermo industrial, dando a luz a súa moza a unha rara besta que non para de xemer. Lynch referiuse á película como “a miña historia de Filadelfia”, aludindo ó feito de que reflicte moi ben tódalas crúas experiencias que viviu nesa cidade na súa etapa de estudante, que o marcaron profundamente.

Sobre a película, a crítica afirmou que suxire ou intenta suxerir os medos e ansiedades do propio cineasta acerca da paternidade, personificados no grotesco aspecto do bebé, que se converteu nunha das iconas do cine fantástico de tódalas épocas. O director rexeitou en máis dunha ocasión explicar como foi elaborada a criatura, pero a lenda conta que foi construída a partir dun feto de vaca embalsamado.

Debido ós seus extravagantes contidos, ó principio pensouse que Eraserhead non podería ser exhibida comercialmente. Porén, grazas ó esforzo do distribuidor Ben Barenholtz, converteuse axiña nun clásico, típico en salas especializadas en proxeccións de media noite, fóra das grandes audiencias. A crítica gabouna inmediatamente como obra mestra, o que colocou ó director á cabeza da vangarda cinematográfica. O gran director Stanley Kubrick afirmou con admiración que era unha das súas películas favoritas na historia do cine. O éxito provocou que o equipo de actores e técnicos (entre eles o cámara Frederick Elmes, o técnico de son Alan Splet ou o actor Jack Nance) seguiran traballando con Lynch en proxectos posteriores.

The Elephant Man e Dune Eraserhead atraeu a atención do produtor Mel Brooks, que contratou a Lynch para dirixir a película de 1980 The Elephant Man, un biopic sobre a figura de Joseph Merrick, un home de clase baixa con malformacións. Esta película, rodada igualmente en branco e negro, foi un grande éxito comercial e obtivo oito nomeamentos ós Oscars, incluíndo o de mellor director e mellor guión adaptado para Lynch. Do mesmo modo demostrou a viabilidade comercial das súas propostas.

Posteriormente, o cineasta aceptou dirixir unha superprodución que adaptaba a novela de ciencia ficción Dune, do escritor Frank Herbert, para o produtor italiano Dino De Laurentiis, coa condición de que a produtora se comprometera a financiar un segundo proxecto sobre o que Lynch mantería control creativo total. Aínda que o produtor esperaba que Dune (1984) suporía algo así como a nova Guerra das Galaxias, a película resultou un gran fracaso comercial, sendo ademais trapeleada pola crítica. Calculouse que ingresaría 45 millóns de dólares, que ó final ficaron en só 27,4. Para compensar perdas, o estudio elaborou unha versión alongada para a televisión que desvirtuaba a montaxe do director e que Lynch desautorizou inmediatamente.

Veludo azul A segunda película de Lynch producida por De Laurentiis foi Veludo azul (1986), a historia dun mozo universitario (representado polo actor que protagonizara Dune, Kyle MacLachlan) que descobre o lado escuro dunha pequena cidade, ó investigar a procedencia dunha orella cortada que atopara casualmente no transcurso dun paseo campestre. A película amosa actuacións memorables de Isabella Rossellini, no papel dunha cantante atormentada, e de Dennis Hopper no dun criminal psicópata, líder dunha banda de matóns de medio pelo.

Veludo azul obtivo un grande éxito de crítica e proporcionou a Lynch a súa segunda candidatura ó Óscar ó mellor director. A película presenta algúns lugares comúns no seu cine: unha coidadísima posta en escena, certos episodios e condutas inexplicables, mulleres ultraxadas, as malsás reviravoltas dunha pequena comunidade, e a utilización pouco convencional de cancións antigas. “Blue Velvet”, de Bobby Vinton e “In dreams” de Roy Orbison soan neste filme estrañas e perturbadoras. Esta foi a primeira ocasión na que Lynch traballou co compositor Angelo Badalamenti, quen contribuíu en tódalas súas películas posteriores.

O director Woody Allen, que recibiu un nomeamento ao Oscar á mellor película por Hannah e as súas irmás, afirmou que Blue Velvet era o mellor filme do ano. A película, comunmente considerada como unha das obras mestras do cine contemporáneo, chegou a converterse nunha icona da cultura popular.

Twin Peaks, Wild at Heart, Industrial Symphonies, American Chronicles e Hotel Room Ó non obter financiamento para posteriores guións, a finais dos 80 Lynch optou por colaborar co produtor televisivo Mark Frost na serie televisiva Twin Peaks, acerca dunha pequena localidade de Washington onde ocorren estraños sucesos. A historia centrábase nas investigacións realizadas polo axente especial do FBI Dale Cooper (doutra volta interpretado por Kyle MacLachlan) en torno á morte dunha coñecida estudante de secundaria chamada Laura Palmer. A investigación ía revelando os escabrosos segredos de moitos cidadáns aparentemente respectables. O cineasta dirixiu seis episodios en total, incluíndo os dous primeiros, e escribiu ou coescribiu algúns máis, e incluso apareceu como actor nalgúns deles.

A serie estreouse na cadea ABC Network o 8 de abril de 1990, e pouco a pouco foi revelándose como todo un fenómeno cultural. Ningún outro proxecto de Lynch obtivo semellante aceptación. A serie foi vendida a infinidade de países, e algunhas das súas expresións ingresaron na cultura popular. Fixéronse parodias da mesma no show Saturday Night Live e na serie de caricaturas The Simpsons. Lynch apareceu na portada da revista Time en gran medida debido ó grande éxito conseguido con Twin Peaks. O director incorporou o papel do vociferante e medio xordo xefe do axente Cooper, Gordon Cole.

Malia a todo, Lynch chocou cos responsables da cadea por distintos motivos, en especial pola posibilidade de revelar ou non a identidade do asasino de Laura Palmer. A cadea insistía en desenmascaralo xa na segunda tempada, pero Lynch quería gardalo en segredo ata o final. Lynch pronto se desencantou da serie e como resultado moitos membros do elenco declararon sentirse “abandonados”.

Foi naquel tempo cando Lynch empezou a colaborar coa editora, produtora e compañeira na vida real, Mary Sweeney, que traballara como asistente para el en Blue Velvet. Esta colaboración prolongaríase ó longo de once proxectos. Da súa relación naceu un fillo.

A súa seguinte longametraxe foi unha adaptación da novela de Barry Gifford Wild at Heart (Corazón salvaxe), unha alucinante, sensual e atropelada “road movie” protagonizada polos actores Nicolas Cage e Laura Dern. A produción obtivo a Palma de Ouro no Festival de Cannes de 1990, pero non contou coa aprobación da crítica nin o apoio do gran público. Dise que algúns espectadores abandonaban a sala nas exhibicións de proba.