Wilhelm Richard Wagner, coñecido simplemente como Richard Wagner, nado en Leipzig o 22 de maio de 1813 e finado en Venecia o 13 de febreiro de 1883, foi un compositor, director de orquestra, poeta, ensaísta, dramaturgo e teórico musical alemán do Romanticismo. Wagner é coñecido principalmente polas súas óperas (se ben as súas derradeiras composicións escénicas foron denominadas por el mesmo polo nome "drama musical"), asumindo, á diferenza da meirande parte dos compositores de ópera, a elaboración da música, do libreto e da escenografía das mesmas.

Nos seus inicios, fundamentou a súa reputación como compositor con obras como Der fliegende Holländer e Tannhäuser, que seguían a tradición romántica de Weber e Meyerbeer. Transformou o pensamento musical coa idea da «obra de arte total» (en alemán Gesamtkunstwerk), a síntese de todas as artes poéticas, visuais, musicais e escénicas, que desenvolveu nunha serie de ensaios entre 1849 e 1852, e que plasmou na primeira metade da súa monumental tetraloxía Der Ring des Nibelungen. Con todo, as súas ideas sobre a relación entre a música e o teatro mudaron de novo e reintroduciu algunhas formas operísticas tradicionais nas obras da súa última etapa, como en Die Meistersinger von Nürnberg. As obras de Wagner, particularmente as do seu último período (que se corresponden coa súa etapa romántica), destacan pola súa textura contrapuntística, riqueza cromática, harmonía, orquestración e un elaborado uso dos leitmotivs (temas musicais asociados a caracteres específicos ou elementos dentro da trama). Wagner foi o pioneiro en varios avances da linguaxe musical, como un extremo cromatismo (asociado coa cor orquestral) ou a ampliación do cosmos harmónico a través dun continuo desprazamento dos centros tonais, o que influíu no desenvolvemento da música clásica europea.

A súa ópera Tristan und Isolde é ás veces descrita como punto de inicio da música contemporánea. A influencia de Wagner estendeuse tamén á filosofía, á literatura, ás artes visuais e o teatro. Fixo construír o seu propio teatro de ópera, o Bayreuther Festspielhaus, para escenificar as súas obras do xeito no que el as imaxinaba e que conteñen deseños novidosos. Alí tivo lugar a estrea da tetraloxía do Anel e Parsifal, e é onde actualmente seguen a representarse as súas obras operísticas máis importantes nun festival anual a cargo dos seus descendentes. Os puntos de vista de Wagner sobre a dirección orquestral tamén foron moi influentes. Escribiu amplamente sobre música, teatro e política, obras que teñen sido obxecto de debate nas últimas décadas, especialmente algunhas de contido antisemita e pola súa suposta influencia sobre Adolf Hitler e o nazismo.

Wagner logrou todo isto a pesar dunha vida que se caracterizou, ata as súas últimas décadas, polo exilio político, relacións amorosas turbulentas, pobreza e repetidas fuxidas dos seus acredores. A súa agresiva personalidade e as súas opinións, con frecuencia demasiado directas, sobre a música, a política e a sociedade convertérono nun personaxe polémico, etiqueta que aínda mantén. O impacto das súas ideas pode encontrarse en moitas das artes do século XX.

Traxectoria Primeiros anos miniatura|180px|Casa natal de Wagner, no número 3 da rúa Brühl, Leipzig. Wilhelm Richard Wagner naceu o 22 de maio de 1813 na cidade alemá de Leipzig (daquela no Reino de Saxonia dentro da Confederación do Rin), concretamente no nº 3 da rúa Brühl (A Casa dos Leóns Vermellos e Brancos), situada na xudaría. Foi bautizado na igrexa de San Tomé. Richard foi o noveno fillo de Carl Friedrich Wagner, un modesto funcionario de policía, e Johanna Rosine Wagner (de solteira Paetz), filla dun panadeiro. O seu pai morreu de tifo aos seis meses de nacer Richard,A data e as causas da morte do seu pai varían dependendo das fontes: na biografía de Wagner realizada para Naxos por Jesús Trujillo Sevilla, a morte produciuse tan só un mes despois do nacemento do compositor, e a causa sería unha epidemia de peste; pola súa, Ana Nuño na biografía realizada para RBA e Deutsche Grammophon sostén que foron tres meses, e que a súa morte se tería producido o 23 de novembro dese mesmo ano. Despois da súa morte, a súa nai Johanna viviu cun amigo de Carl, o actor e dramaturgo Ludwig Geyer. En agosto de 1814, a súa nai casou con Geyer —aínda que non se atopou documentación disto nos rexistros das igrexas de Leipzig. Johanna e a súa familia trasladáronse á residencia de Geyer en Dresde. Durante os primeiros catorce anos da súa vida, Wagner foi coñecido como Wilhelm Richard Geyer. É case seguro que pensou que Geyer era o seu pai biolóxico. Especúlase que podería ser o pai biolóxico de Wagner.

O amor de Geyer polo teatro chegou a ser compartido polo seu fillastro, e Wagner participou nas súas representacións. Na súa autobiografía Mein Leben Wagner lembraba unha vez no papel de anxo. A finais de 1829 Wagner foi inscrito na escola do pastor Wetzel en Possendorf, preto de Dresde, onde recibiu algunhas clases de piano do seu profesor de latín. Non era capaz de tocar unha escala correctamente ao piano e prefería tocar aberturas de teatro de oído. Logo da morte de Geyer en 1821, Richard foi enviado a Kreuzschule, o internado do Dresdner Kreuzchor, cubrindo os gastos o irmán de Geyer. Ós nove anos quedou fortemente impresionado polos elementos góticos da ópera de Carl Maria von Weber Der Freischütz, que viu dirixir ao propio Weber. Neste período Wagner alimentaba as súas ambicións como dramaturgo. O seu primeiro esforzo creativo, incluído no Wagner-Werk-Verzeichnis (a lista estándar das obras de Wagner) como WWV 1, foi unha traxedia titulada Leubald. Comezada cando estaba na escola en 1826, a obra está fortemente influenciada por Shakespeare e Goethe. Wagner, decidido a poñerlle música, persuadiu á súa familia para que lle permitise tomar leccións.

En 1827, a familia regresou a Leipzig. Wagner recibiu as súas primeiras clases de harmonía entre 1828 e 1831 da man de Christian Gottlieb Müller. En xaneiro de 1828 escoitou por primeira vez a Sétima sinfonía de Beethoven e posteriormente, en marzo, a Novena sinfonía do mesmo compositor (ambas na Gewandhaus). Beethoven converteuse na súa maior inspiración, e Wagner escribiu unha transcrición para piano da Novena sinfonía. Tamén quedou moi impresionado polo Réquiem de Mozart. As primeiras sonatas para piano e os seus primeiros intentos de aberturas orquestrais datan deste período.

En 1829 presenciou unha interpretación da soprano dramática Wilhelmine Schröder-Devrient, e esta converteuse no seu ideal da fusión de drama e música na ópera. En Mein Leben, Wagner escribiu "cando miro atrás a través de toda a miña vida non encontro un acontecemento que producira unha impresión tan profunda en min", e afirmou que a "interpretación profundamente humana e extasiante desta incomparable artista" acendeu nel un "lume case demoníaco".

En 1831, Wagner inscribiuse na Universidade de Leipzig, onde se converteu en membro da Studentenverbindung de Saxonia. Recibiu clases de composición do Thomaskantor Theodor Weinlig. Weinlig estaba moi impresionado co talento musical de Wagner e rexeitou calquera pagamento polas súas clases, e arranxou a Sonata para piano en si bemol maior do seu alumno (o que fixo que este lla adicase) para que se publicase como o Op. 1 de Wagner. Un ano despois Wagner compuxo a súa Sinfonía en dó maior, unha obra beethoveniana interpretada en Praga en 1832 e na Gewandhaus de Leipzig en 1833. Entón comezou a traballar nunha ópera, Die Hochzeit (A voda), que nunca rematou.

Inicios e primeiro matrimonio (1833-42) miniatura|esquerda|Wilhelmine "Minna" Planer (1835), por Alexander von Otterstedt. En 1833 o seu irmán máis vello Karl Albert, conseguiulle un posto como director de coro en Würzburg. Ese mesmo ano, aos 20 anos, Wagner compuxo a súa primeira ópera, Die Feen (As Fadas). Esta obra, que imitaba claramente o estilo de Carl Maria von Weber, non se realizaría ata medio século despois, cando o 29 de xuño de 1888 foi estreada pouco despois da morte do compositor en 1883.

Logo de regresar a Leipzig en 1834, Wagner aceptou un breve cargo como director no teatro de ópera de Magdeburgo durante o cal escribiu Das Liebesverbot (A prohibición de amar), unha ópera inspirada na obra de Shakespeare Medida por medida. Esta foi representada en Magdeburgo en 1836 pero clausurada antes da segunda representación; isto, xunto co colapso financeiro da compañía de ópera que o empregou, deixou o compositor en serios problemas financeiros. Wagner namorárase dunha das actrices principais de Magdeburgo, Christine Wilhelmine "Minna" Planer. Logo do desastre de Das Liebesverbot, seguiuna a Königsberg, onde ela axudouno a encontrar un traballo no teatro. Ambos casaron na igrexa de Tragheim o 24 de novembro de 1836. En maio de 1837, Minna deixou a Wagner por outro home; este non foi máis que o primeiro desastre dun matrimonio problemático. En xuño de 1837, Wagner trasladouse a Riga (daquela no Imperio Ruso), onde se converteu en director musical da ópera local; tendo nesta o poder para chamar á irmá de Minna, Amalie (tamén cantante), para o teatro, co que pronto retomou a súa relación con Minna durante 1838.

En 1839, sumida nas débedas, a parella abandona Riga de xeito furtivo para escapar dos seus acredores; as débedas urxiron a Wagner durante a maior parte da súa vida. Inicialmente partiron cara a Londres e no traxecto, co seu can Terra Nova Robber, foron vítimas dunha treboada, que inspirou a Wagner para crear Der fliegende Holländer (O holandés errante), baseada nunha obra de Heinrich Heine. Os Wagner instaláronse en París en setembro de 1839 e permaneceron alí ata 1842. Alí Richard gañou a vida escribindo artigos e reorquestrando óperas doutros compositores, en gran medida para a editorial Schlesinger. Tamén durante a súa estadía na capital francesa rematou as súas óperas Rienzi e Der fliegende Holländer.

Dresde (1842-49) miniatura|dereita|180px|Wagner ca. 1840, por Ernest Benedikt Kietz. En 1840, Wagner termina a súa ópera Rienzi. Co firme apoio de Giacomo Meyerbeer, foi aceptada a súa representación no teatro da corte de Dresde (Hofoper) no Reino de Saxonia, e en 1842, Wagner trasladouse á cidade. O seu alivio ao regresar a Alemaña foi recollido no seu Autobiographische Skizze de 1842, onde escribiu que, de camiño dende París, "Por primeira vez vin o Rin —con cálidas bágoas nos meus ollos, eu, pobre artista, xuro eterna fidelidade á miña patria alemá". Rienzi foi estreada en Dresde, onde tivo un éxito considerable, o 20 de outubro dese mesmo ano.

Wagner viviu en Dresde os seis anos seguintes, sendo finalmente contratado como director da corte real saxoa. Durante este período, puxo en escena alí Der fliegende Holländer (2 de xaneiro de 1843) e Tannhäuser (19 de outubro de 1845), as dúas primeiras das súas tres óperas do período medio. Wagner tamén frecuentou os círculos artísticos de Dresde, entre eles o do compositor Ferdinand Hiller e o do arquitecto Gottfried Semper.