San Miguel da Braña é unha parroquia do concello lugués de Baleira. No ano 2013 tiña 61 habitantes, agrupados en 3 entidades de poboación (Abrairas, con 13 habitantes, A Braña con 16 e Millares con 32), cunha densidade media de 11 hab/km².

Xeografía A súa altitude media é de 620 metros. Limita coas parroquias de Retizós (ao norte), Cubilledo (ao leste) e Fonteo (ao sur), e con Montecubeiro ao oeste (xa do concello de Castroverde).

Historia Pertence ó arciprestado de Luaces. Era beneficio eclesiástico que presentaba o Marqués de Alcañices e o Señor de Vilacide. Noutros documentos figura coma presenteiro o Conde de Villanova de Caneda.

Patrimonio Capela de San Ramón Nonato de Abrairas. Pequena capela de planta rectangular de construción popular. Solicitouse a construción en 1766 alegando que estaba moi distante á igrexa parroquial, máis dun cuarto de legua, e que o camiño tiña moita lama cando chovía. Foi bendita en 1769. Os muros son de cachotaría e cantaría de granito e lousa, e a cuberta de lousa a dúas augas.

Igrexa parroquial de San Miguel. Sitúase na aldea da Braña. Foi edificada no século XVII, con profundas reformas ao longo do tempo. Ten planta rectangular e presbiterio da mesma forma. Nun lateral está acaroada a sancristía, de planta rectangular e con acceso dende o presbiterio e dende fóra por unhas portadas alinteladas. Os muros que a conforman son de cachotería e cantería de granito e lousa, e a cuberta de lousa a dúas e catro augas. O arco triunfal de acceso ao presbiterio é de medio punto con imposta. A portada principal é alintelada e culmina no frontis cunha espadana sinxela dun só van. Só conserva un retablo na capela maior, de estilo barroco.

Lugares e parroquias Lugares da Braña

Galería de imaxes

Parroquias de Baleira

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Baleira

Categoría:Parroquias de Baleira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Miguel